O embroglio no que nos está metendo a lasa moral de certos parlamentarios, que parece que non son precisamente un par deles soamente, aínda ha dar moito que falar. La Voz de Galicia publica hoxe unha detallada información a este respecto que empeza salientando que o Parlamento “gasta máis de 500.000 euros acada ano en pagar as peaxes e a quilometraxe dos deputados, a pesar de que este gasto non está sempre debidamente xustificado e algunhas veces nin sequera se realizan as viaxes cobradas”.
A cuestión empezou sendo publicada primeiro, a semana pasada, por El País, que se fixo eco dunha acusación lanzada polo PSdG-PSOE contra ao deputado do PP Antonio Rodríguez Miranda polo suposto cobro de 26.000 euros por desprazamentos durante catro anos cando adoitaba trasladarse compartindo un coche oficial con Xosé Manuel Baltar. Na orixe desta filtración pode estar unha pequena vendetta levada a cabo polos partidarios do clan Baltar contra Rodríguez Miranda, a quen podían considerar un dos traidores desvelados durante a sucesión política de Xosé Luís Baltar polo seu fillo.
O caso é que cada deputado cobra algo máis de 4.500 euros brutos ao mes, montante que se ve incrementado con pluses que van de 300 a 800 euros no caso dos que exercen algunha portavocía ou forman parte das mesas das comisións, casos nos que están máis da metade dos 75 parlamentarios galegos. A maiores dispoñen dun complemento retributivo variábel, estabrecido a través da quilometraxe e das peaxes, que lles permite facturar máis de 1.200 euros ao mes por riba do salario estipulado.
Segundo salienta La Voz de Galicia, é na liquidación das quilometraxes onde radica a picaresca. Hai deputados que residen en Santiago e cobran por desprazamento dende o domicilio que teñen declarado e que está, nalgún caso, a máis de 200 quilómetros de Compostela. Abonda con que un deputado se presente nunha comisión para que o Parlamento lle ingrese de oficio o importe da quilometraxe calculado dende o domicilio declarado, aínda que viva de facto en Santiago ou faga os seus traslados no coche doutra persoa.
La Voz pon de exemplo o caso de Ourense, no que cada un dos 14 deputados fai un promedio de doce desprazamentos mensuais a Santiago con dereito a remuneración. Utilizando como media a quilometraxe Santiago-Ourense (230 queilómetro de ida e volta), poderán percibir 754 euros por quilometraxe e 123 polas peaxes. Se o deputado ten declaradao o seu domicilio nas zonas de Valdeorras ou Verín, dispárase a remuneración.
Segundo o cálculo que fai o xornal coruñés, as viaxes dos deputados ourensáns custan 109.000 euros nos nove meses que está hábil o Parlamento cada ano. Os de Lugo (15 deputados), 132.000 euros. Os da Coruña (24 deputados), arredor de 140.000, e no caso de Pontevedra (22 deputados) a remuneración sobe a 532.000 euros.
A todo isto hai que engadir o que custa a movilidade dos membros da Mesa, case tanto como a de todo o conxunto dos parlamentarios. Os cinco membros que a compoñen (Pilar Rojo, Manuel Balseiro, Ricardo Varela e Anxo Quintana) non teñen dereito a cobrar quilometraxes, pero si a utilizar algún dos sete coches oificias que tén o Parlamento de Galicia. Segundo calcula La Voz de Galicia, o traslado dos membros da Mesa custa cada ano máis de 400.000 euros.
Nun caso de uso irregular e fradulento de dietas protagonizado por parlamentarios británicos, Jacqui Smith, que foi ministra de Interior, tivo que dimitir cando se soubo que presentara como gasto oficial os dez euros que pagou o seu home por alugar dúas películas pornográficas nunha canle de pago. Michael Martin, presidente da Cámara dos Comúns, tamén tivo que abandonar o cargo pola súa tibieza no control do gasto público, e os deputados laboristas Jim Devine, Eliot Morley e David Chaytor e o conservador Hanningfield mesmo serán xulgados por roubo. Aquí seguramente se limita todo a saír unha vez ou dúas no periódico.
1 comentario:
Non podemos comparar a democracia de G.B coa "democracia" á española.
Poder Xudicial franquista,Oposición neofranquista, goberno semi-franquista e un Rei metido cun calzador a presión e agora vai de árbitro ante o mal da economía. Que chame aos banqueiros que son os culpables da desfeita e non aos sindicatos. Pero mira que ten cara este elemento.
Publicar un comentario