sábado, junio 19, 2010

Anne-Marie Thiesse en El Mundo


Anne-Marie Thiesse, autora de La creación de las identidades nacionales, recentemente publicada por Ézaro Ediciones, ocupa hoxe as páxinas 24 e 25 de El Mundo nunha entrevista que lle fai Rubén Amón, correspondente en París do xornal que dirixe Pedro J Ramírez. “O nacionalismo é unha reacción ao medo e non pode servir como resposta de futuro”, titula o periódico.
“O problema de Europa –di a directora de Investigación do Centro Nacional da Investigación Científica (CNRS) de París– é que non ten unha estrutura político-cidadá común… A cuestión da identidade europea non se plantexou na orixe do proxecto, nin durante a Europa dos seis, nin no decurso da Europa dos 15. Xurdiu despois da última gran ampliación, cando se integraron os países do Telón de Aceiro. Europa construírase a través dos valores ideolóxicos. Había unha visión da democracia e do libre mercado, pero a inclusión dos antigos países comunistas introduciu a reflexión da identidade. Podemos chegar á conclusión de que non existe a identidade europea”.
Coñezo ben o libro de Thiesse, porque me tocou traducilo, e sei que nel hai abondantes e interesantísimas reflexións e un derroche de información sobre o tema das identidades nacionais. Na entrevista de El Mundo, que non atopo na edición dixital do xornal madrileño e sigo, polo tanto, a de papel, Anne-Marie Thiesse tamén di que “os espazos políticos non corresponden á estrutura económica e financeira, pero ademais a idea de progreso técnico e material tense acompañado de aspectos positivos, coma esperanza de vida, e de aspectos negativos, como a amenaza ao medioambiente. O progreso ten un lado desastroso. Por iso hai que repensalo. Non a escala nacional, senón a escala internacional. É onde ten sentido Europa, especialmente no canto do que ten que ver coa representación política, a representación filosófica, a representación da sociedade mesma”.
A autora de La creación de las identidades nacionales, na entrevista de El Mundo, igual ca no libro, fai varias referencias a España. “O caso de Cataluña –indica– arráigase nunha desconfianza cara o estado central, ao que consideran retrasado e pouco operante. Todas as comunidades escriben a súa historia con xeometría variábel, constrúense, reconstrúense”. Thiesse tamén volve sobre a súa metáfora, de éxito internacional, do “sistema Ikea de construcción das identidades nacionais, que permite montaxes diferentes a partir das mesmas categorías elementais (e) pertenece actualmente ao dominio público mundial”. “Para que unha nación sexa digna de tal distinción –engade a autora– precisa facer bricolaxe cunha historia vencellada á continuidade dos remotos ancestros, un catálogo de heroes, unha lingua, uns monumentos, un folklore, un himno, unha bandeira, uns bailes e ata identificacións pintorescas cun animal, un plato típico, unha indumentaria”.

No hay comentarios: