miércoles, junio 16, 2010

Cara atrás coma o cangrexo

Acabo de pasar unha semana en Roma e de vivir, polo tanto, coas vantaxes e os atrancos que presenta a que para min é –con París, Nova Iork e algunhas máis– unha das máis belas e interesantes cidades do mundo. En tan poucos días padecín as consecuencias dunha folga dos traballadores do Metro e dos camiños de ferro e a abafante calor húmida da Cidade Eterna, pero tamén gocei das delicias de xantar no Trastevere (que spaghueti en Alle Fratte di Trastevere) e preto da Piazza di Spagna (que pappardelle al cinghiale en casa Mario). A crise obrigoume a non probar esta vez o Brunello de Montalcino, para min e para Paco Vázquez un dos mellores viños do mundo, anda polos 40 euros a botella, pero subsituíno por un Rosso de Montalcino, que tampouco está nada mal.
E, xa de volta á casiña, chez nous, como din os gabachos, vaia panorama. Polo visto, hoxe Zapatero vai pegarlle o seu machadazo ao mundo laboral cunha reforma que pode volver a situarnos na punta do rabo das relacións laborais de Europa. Sigo sen entender como o socialdemócrata que nos quitou da guerra de Irak e que levou a cabo algunhas reformas sociais e culturais importantes pode agora baixar os pantalóns ata mostrar as súa partes pudendas ante a cada vez máis abafante ditadura do capital internacional.
Dame inmensa pena camiñar cara a fin da miña vida vendo que imos para atrás coma o cangrexo. Nacín no 43, formeime intelectual e laboralmente durante o franquismo, desenvolvinme coa democracia e non agardaba este dramático fin de festa que nos deparan os intereses dun capitalismo salvaxe que puido campar ás súas anchas despois da caída do comunismo. Non quero ser un nostálxico, pero a poeira que agora nos deixa sen osíxeno ven das lamas que nos fixo pisar o crack do socialismo real.
Falaba eu estes días en Roma cunha alta autoridade da Igrexa Católica, o ministro xeral dos Franciscanos, o galego Fracisco Rodríguez Carballo, e diciame: “As cousas non marchan ben. As diferencias entre ricos e pobres, en vez de iren a menos, cada vez son máis grandes. O pobre é cada vez máis pobre e o rico cada vez é máis rico”. Que inmensa razón ten.
Hai moitos anos que me abandonou a fe cristiana. Ou quizais fun eu o que a abandonou a ela. Son un agnóstico. Non un ateo. Pero a desgarradora evolución social e económica do mundo estame facendo virar os ollos e os oídos cara a unha parte da Igrexa que algunha vez foi a miña. Dende logo, sei ben que aínda me queda moito que falar e moitas cousas que compartir con determinados representantes desta organización eclesiática. ¿E que me teñen que contar os banqueiros, os especuladores, os que teñen a tixola polo mango e o mango tamén? Nada que non resulte tóxico para a miña saúde intelectual, moral e, sobre todo, social. Lembro o difícil diálogo Igrexa-Estado dos tempos do cardeal Tarancón, a Rerum Novarum de León XIII e a Pacem in terris e a Mater et Magistra de Xoán XXIII, e magóame que a dotrina social da Igrexa tamén sexa arrasada polo vendaval do liberalismo económico do noso tempo, que deixou curtas as frivolidades da Escola de Chicago.
En fin, que, sen Marx, sen Lenin, sen Rosa Luxemburgo, aínda imos ter que volver a refuxiarnos outra vez espiritualmente no home que morreu na cruz. Dende logo, do que xa non esperamos nada bo é de Zapatero. Polo menos Sarkosy pasa a idade de xubilación de 60 a 62 anos, e non de 65 a 67 coma aquí.

10 comentarios:

Anónimo dijo...

Señor Conde, as frivoldades da Escola de Chicago non foron as últimas. Hainas aínda piores. Polo demais, alégrame velo recuperando os valores morais do cristianismo.

Anónimo dijo...

Estase volvendo un Roger Garaudy calquera. Teña coidado coa súa conversión. Paulo mancouse ao caer do cabalo.

Anónimo dijo...

Boas tardes a todos.

Don Perfeuto, son eu.

Hoxe totalmente como anónimo, cousa que me avergonza, pero xa entenderá vostede por qué.

Eu non estiven estes días en Roma. Si, en cambio, persoas moi queridas, próximas á cúpula da Igrexa Católica.

Voulle contar dous cotilleos contrastadísimos, que veñen tinxidos de púrpura.

(Hai para todos, xa verá: ninguén se me enfade.)

1) Na Santa Sede sentou fatal que Feijoo fose ver ao Papa, acompañando -subliño o de acompañando- a Julián, cunha señora que non é a súa esposa, exactamente.

2) En Italia están verdadeiramente avergonzados pola figura de Zapatero. Din que non entenden como un país co peso cultural de España pode ter un presidente así.

P.D. Magnífico, para variar, o seu post, meu admirado amigo.

Si, o home que morreu na Cruz, e que tiven medo, coma calquera de nós, case ata o último instante -el profundamente humano na carne de Xesús, daquela aínda non o Cristo Resucitado- segue abríndonos os brazos.

Anónimo dijo...

Quería dicir, QUE TIVO MEDO, COMA CALQUERA DE NÓS

(Isto de andar todo o día ás carreiras faille moito dano á escritura. Mil perdóns e boas tardes a todos.)

Noraboa de novo, Don Perfeuto.

Anónimo dijo...

Quería dicir, QUE TIVO MEDO, COMA CALQUERA DE NÓS

(Isto de andar todo o día ás carreiras faille moito dano á escritura. Mil perdóns e boas tardes a todos.)

Noraboa de novo, Don Perfeuto.

marusela dijo...

Roma é o que ten, Perfecto, machiño, que nos cristianiza aos máis pecadentos. (Non lle deas máis voltas, imos vellos, mais "que nos quiten lo bailado", Perfecto, amore.

Marusela

arume dos piñeiros dijo...

As pappardelle al cinghiale ou alla lepre son palabras moi maiores: o mellor que dá a cociña italiana que é moito. E, sendo ateo, cóstame adorar, pero as viñas de Montalcino fan tambalear a miña ausencia completa de fe.
Amigo anónimo: que Italia sinta vergonza de Zapatero, tendo a Berlusconi de presidente del consiglio, resulta cando menos curioso. A menos que o interlocutor viva na praza de Spagna de inquilino. Ou no Esquilino e vote a Gianfranco Fini.
E sobre feijoo e muller acompañante non casada, xa pode a santa Sede dicir misa.

Anónimo dijo...

Teño unha sensación que moitos destes comentarios teñen unha carga de frivolidade. O artigo de Perfecto, aparte da súa viaxe a Roma, o contido é moi profundo ante a que está caindo neste mundo mundial. Parece que só lemos o continente e esquecémonos do contido.
isto faime lembrar aquelas palabras de Albert Einstein: aseguraba que o mundo é un lugar moi perigoso non polos que fan o mal, senón por aqueles que se sentan a contemplar o que acontece.

Da maneira que imos neste planeta sen montar un "pitostio" de moito carallo, dentro de dous anos mexaran por nós y diremos que chove.Logo achegaremos as mans á cabeza, pero será xa moi tarde.
Vainos pasar como aquel alemán: levaron aos anarquistas e nade dixen.Levaron aos comunistas e xudeos e nada fixen. Levaron aos socialistas e mirei para outro lado. Leváronme a min e xa non tiña a ninguén que me axudara.

Anónimo dijo...

(Boas tardes a todos, son o Esta Vez Anónimo de Antes.)

Meu Amigo Arume, é vostede un home moi intelixente...!!!!

He, he, he, he...!!!!

(Verdadeiramente si.)

Allora dai dijo...

Come me piace il Signore Conte quando anda alla mia Italia. Sembra un uccello, un uccellino felice. Complimenti, caro Perfecto, lei é un giornalista perfetto. Perfetto Conte.