Pasei en Roma a semana que acaba de rematar. Andei moito polo Varticano, pero tamén por outros sitios da cidade eternamente belida, interesante e fascinante. O venres pasado, co Metro e os camiños de ferro en folga, presenciei o impresionate espectáculo que representou a presenza do Papa Benedito XVI diante de 15.000 relixiosos chegados de case todo o mundo para celebrar o acto final do Ano Sacerdotal. A praza de San Pedro estaba case chea de xente. Facía un calor típico da capital de Italia, cargado de humidade, e resultaba curioso escoitar falar aos curas, cardenais, arcebispos, bispos e monxas nunha boa parte das linguas d mundo.
O día anterior, pola noite, xa tivera ocasión de presenciar algo parecido durante a celebración dunha vixía, tamén presidida polo Papa, na que me chamaron a atención algunhas esceas felinianas protagonizadas por arcebispos mezclados con curas e monxas comendo ás doce da noite o insoportábel bocadillo que lles despachaba un dos vendedores ambulantes que fixo o agosto ao remate do acto.
Na homilía pronunciada por Benedito XVI o venres, chamoume poderosamente a atención que por fin á máxima autoridade da Igrexa Católica se pronunciase contundentemente sobre a pederastia eclesial pedindo perdón polos pecados cometidos neste sentido. “Pedímoslle insistentemente perdón a Deus e ás persoas afectadas, e queremos prometerlles que faremos todo o posíbel para que un abuso coma este non volva a suceder nunca”, dixo Joseph Ratzinger no medio dos aplausos de milleiros de curas e monxas que se defendían do sol con sombreiros e paraugas do máis diverso corido.
2 comentarios:
Cóntenos de Roma, cóntenos. Póñanos mortos de envexa.
Creo que as palabras do Papa falan por si mesmas.
Un forte abrazo a todos, meus amigos.
Publicar un comentario