martes, marzo 22, 2011

A guerra de Gila

O de Libia é unha guerra entre dous franceses a medias. Por un lado, o presidente da República que algunha vez foi patria da liberdade, da igualdade e da fraternidade, Nicolas Sarkozy. E, por outro, o gran cacique de Libia, Moammar al Gaddafi. O primeiro, francés de segunda xeneración. O segundo, supostamente fillo dun oficial das forzas aéreas francesas.
De momento non é máis ca unha lenda que circula dende hai anos pola Alta Córcega. Na aldea montañosa de Vezzani naceu, en 1915, Albert Preziosi, que se alistou nas Forces Aériennes Françaises libres do xeneral De Gaulle en 1940. Sendo xa capitán desas forzas tocoulle servir en Libia e por alí andaba no ano 1941 cando padeceu un accidente no deserto a bordo dun avión Hurricane e foi atendido por un grupo de beduínos da tribu Senoussi. Durante o tempo que estivo con eles mantivo un idilio cunha moza desa tribu co que tivo un fillo, e ese poduto do amor entre un corso e unha libia pode ser o actual dictador Gaddafi. Polo menos isto é o que está corrido na pequena patria do aviador Albert Preziosi, que morreu logo nun combate aéreo que tivo lugar en Rusia no ano 1943, cando formaba parte da prestixiosa escuadrilla Normadie-Niémen. A semellanza física entre Preziosi e Gaddafi parece que é extraordinaria. Gaddafi naceu en Sirte o 19 de xuño de 1942.
O caso é que o suposto pai francés do dictador de Libia acabou sendo un heroe da súa patria. Precisamente unha das bases áreas que agora están sendo utilizadas para bombardear Libia, a de Solenzara, na Alta Córcega, leva o nome do aviador morto en Rusia. Chámase BA 126 Capitaine Preziosi, e trátase dun campo de tiro no que fan exercicios bombardeiros franceses e dos exércitos doutros países da OTAN. Normalmente só estaciona alí un escuadrón de helicópteros. Está situada preto da aldea de Ventiseri.
Hai que ver por onde a guerra de Libia podería ser interpretada con claves freudianas. Sarkozy, que por certo levou unha boa labazada electoral nas eleccións parciais que tiveron lugar en Francia o domingo pasado –case pasou por riba del o Front National de Marine Le Pen, e os socialistas sobrepasárono amplamente–, empeñouse en ser un novo señor da guerra colonial á que nunca está disposto a renunciar o primeiro mundo. E Gaddafi, aprendiz de bruxo, pepetuase no seu papel de gran cacique. Vaia mundo. Se todo isto non é a guerra de Gila, algo aseméllase.

1 comentario:

Luisfoz dijo...

Não à guerra!