martes, marzo 15, 2011

Xapón: ratos que saltan do barco

Resulta pouco aleccionador observar coomo se está comportando o capitalismo internacional a respecto do desastre que están a padecer os xaponeses. Nos días seguintes á catátrofe do 11 de marzo, os mercados financeiros comenzaron a saltar do barco como fan os ratos cando hai un afundimento, arrastrando o principal índice local das inversións (Nikkei) a caídas espectaculares aínda a pesar de que o Banco de Xapón xa ixectou, en dous días, 190.000 millóns de euros.
Mentres que gobernantes e representantes sociais, económicos e políticos de todos os países se empeñan en promover a axuda internacional a un Xapón que acaba de caer nunha das piores crises da súa historia, o tiburonismo insaciábel do mundo da inversión internacional está demostrando un comportamento absolutamente covarde e insolidario que non fai máis ca poñer, unha vez máis, de manifesto a urxente necesidade de pararlle os pés ao liberalismo económico salvaxe que se desbocou logo da caída estrepitosa do comunismo. Cando eu era mozo diciamos que Milton Friedman e a súa escola de Chicago eran responsábeis de máis mortes que todas as guerras, nunha evidente esaxeración que hoxe empeza a ter outra vez visos dalgunha realidade.