domingo, marzo 13, 2011

Pobre Xapón

Teño un bo amigo no Xapón –o galeguista e hispanista Takekazu Asaka– e sei que non o está pasando ben. Vive en Tokio, a 300 kilómentros do centro neurálxico do terríbel desastre que empezou a vivir o seu país o pasado 11 de marzo. Conseguiu mandarme un email contando que estaban ben el e a súa familia, pero noteino preocupado.
Cada hora que pasa as noticias agrávanse. Xa non son un so reactor nin unha soa central nuclear os que resultaron gravemente afectados polo tsunami. Neste momento, domingo 13 pola tarde, hai polo menos tres centrais e seis reactores con problemas. Nun deles, na central de Fukushima I, xa houbo fusión parcial de núcleo coa conseguinte contaminación de partículas de cesio. Noutro reactor da mesma central dase case como invetitábel o mesmo problema e non se sabe aínda o que pode pasar no resto das numersoas centrais nucleares estabrecidas naquela zona do Xapón.
Estamos ás portas dun novo Tchernobyil por moito que se empeñen en taparnos os ollos  os mercenarios da enerxía nuclear, catedráticos de Universidade incluídos, que estes días tanto lles gusta saír nos telexornais? Témome que si, por desgraza. O nivel 4 co que por agora califica o desastre o goberno xaponés pode que estea empezando a quedarse curto. Three Miles Island, o accidente ocorrido en Estados Unidos en 1979, acadou o nivel 5. Tchernobyl, 7 (nunha escala que vai de 0 a 7 puntos).
Neste momento hai arredor de 440 reactores nucleares en preto de 30 países, especialmente Estados Unidos, Francia e Xapón. Producen arredor do 15 por cento da enerxía eléctrica que se consume no  mundo. A crise do petróleo e outras circunstancias económicas parecían teren relanzado o protagonismo dos que defenden o uso da enerxía nuclear e, a finais do 2009, xa había outras 60 novas centrais nucleares en construcción en varios países.
Recentemente, a finais de febreiro, as autoridades británicas anunciaron que deberían dar luz verde á posibilidade de usar a tecnoloxía EPR para construíren novas centrais. En Alemaña, Anxela Merkel xa decidiu no 2009 alongar a vida das centrais que o seu goberno antecesor previu que se pecharan todo o máis tarde no ano 2020. En España, Zapatero, ese gobernante que agora di digo e logo di Diego, tamén empezou a rosmar sobre o alongamento das centrais nucleares españolas. Porén, en Austria, país no que existe unha alta conciencia sobre o risco nuclear, xa se pediu que se revisen as centrais nucleares mediante tests de resistencia que indiquen se son centros seguros en caso de terremotos.
O debate volve estar aberto e oxalá que desta vez se aprenda todo o que hai que aprender da daramática experiencia que están a vivir os xaponeses, o meu amigo Take incluído. Pobre Xapón, outra vez castigado pola enerxía nuclear.