martes, marzo 22, 2011

Hai só cinco meses, Sarkozy vendíalle centrais nucleares a Gaddafi

Nicolas Sarkozy, actual señor da guerra que se propuxo rematar co réxime de Moammar al Gaddafi, tal día coma hoxe de hai cinco meses, o 21 de outubro de 2010, estaba negociando co goberno de Trípoli a venda de centrais nucleares ao mesmo réxime que agora pasou a ser o seu pior inimigo.
Nesa data, o daquela ministro de Industria de Sarkozy, Christian Estrosi, estivo de visita oficial en Trípoli e asinou co ministro de Industria e Transportes de Libia un acordo de colaboración comercial que debía “conlevar a unha cooperación estratéxica no canto de transporte, sanidade, construcción, hidrocarburos e enerxía nuclear civil”, segundo informou naquela altura a axencia Reuters. Agora, ao ser consultado polo xornal Libération, o actual alcalde Niza, Christian Estrosi, que no ministerio francés de Industria foi substituído por Eric Besson, sostén que foi a Libia para “entregarlle un Airbus á compañía Air Libya, cunha delegación de representantes de grandes empresas, sobre todo de Suez Environement, Thales, GDF-Suez e Airbus”.
O caso é que, hai só cinco meses, o goberno francés estaba cooperando co goberno de Gaddafi en materias que comprendían o uso civil da enerxía nuclear, campo no que Francia é un dos tres primeiros lugares do mundo tanto en implantación de centrais como no desevolvemento de tecnoloxías nucleares. Isto é algo que nin sequera desmentiu Estrosi cando foi consultado nas últimas horas por Libération: “Non era máis ca un estudio –respondeu–. Os nosos grupos franceses estaban competindo con outros grandes grupos estranxeiros”.
Faltaba pouco para que empezasen as revoltas árabes, para que comenzase a guerra de Libia e para que acontecese o desastre nuclear de Xapón, pero xa antes, no ano 2007, a multinacional francesa Areva e o goberno de París intentaron venderlle a Libia un reactor nuclear, oficialmente destinado a desalinizar a auga do mar para producir auga potábel, algo que foi denunciado por Bakchich.info. De feito, Anne Lauvergeon, presidenta de Areva, respondendo diante da Comisión que investigou as condicións de liberación dun grupo de enfermeiras búlgaras en novembro de 2007, manifestou que o reactor que lle podía ser vendido a Libia non sería destinado unicamente a desalinizar auga do mar senón tamén a producir electricidade.
Moralexa, de amigos inimigos en menos do que canta un galo. Mellor dito, un galo e un fanfurriñeiro: Sarkozy e Gaddafi.