domingo, junio 10, 2012

E foise ver o partido


Escoitar hoxe, domingo 10 de xuño, no telexornal da Primeira, a Mariano Rajoy dicindo que se vai á Eurocopa "tras resolver a situación” española, non sei se pode dar náuseas, ganas de rir a cachón ou producir a inmediata necesidade de incharse de benzedrina como facía Jack Kerouac cando percorría a Route 66 para escribir On the Road.
Sei que non é o momento propicio para pedirlle que se vaia, ou sexa, que dimita, como facía Aznar con Felipe González, pero por moito menos teñen tirado a toalla gobernantes de países democráticos. Presentar agora como unha vitoria o que non é máis ca un completo fracaso da súa política dende que chegou á Moncloa, podería parecer unha frivolidade se non fose, ademais, a crónica anunciada de que nos vai seguir tomando o pelo durante todo o tempo que permaneza á fronte dos nosos intereses. Rajoy comenzou incumprindo as súas propias promesas electorais e, en menos de seis meses, rematou facendo exactamente o contrario de todo o que nos dicía que era bo para España. Un gobernante así non debería estar moito tempo no poleiro.
Entre outras cousas porque xa non podemos fiarnos do que di nin do que fai. O rescate que lle impuxeron agora resulta que é unha liña de crédito que nos vai sacar da crise. De momento, aos banqueiros polo menos. Ata cando nos vai seguir ocultando que a contrapartida ha conlevar incremento do IVE, regresión da función pública, reforma das pensión, descontos salariais, novas privatizacións e outras medidas restritivas que lle van dar a puntilla ao estado de benestar? Ao estado de benestar da inmensa maioría. Non ao seu propio, que de momento ben que lle sirve para largarse a Polonia ver como a seleción española de fútbol lle dá patadas ao balón. Patadas no cú é o que teriamos que darlles a todos os que nos levaron a onde estamos.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Suscribo o último, patadas no cú a ese mentireiro desbordado pola situación. non merece ser presidente do goberno español.

Anónimo dijo...

mario monti non foi.....