martes, junio 12, 2012

Lea de faldas na política francesa

Ségolène Royal
As fabas cócense en todos os potes. A compañeira sentimental do presidente francés, Valérie Trierweiler, xornalista do semanario Paris Match e asidua comunicante en Twitter, precisamente a través da súa conta neste servizo de microblogging, acaba de apoiar o adversario de Ségolène Royal, Olvier Falorni, que se presenta contra ela na primeira circunscripción do departamento de Charente-Maritime (La Rochelle) na segunda volta das eleccións que van ter lugar o domingo que vén.
Valérie Trierweiler
Ségolène Royal é a ex muller de François Hollande, coa que tivo catro fillos, e dase a casualidade de que o presidente francés chamouna por teléfono para prestarlle o seu apoio hai pouco máis de 24 horas, segundo manifestou a señora Royal, na actualidade presidenta do consello rexional de Poitou-Charentes.
Realmente a sorte desta política francesa non é a máis brillante do mundo. Elixida candidata á presidencia da República para as eleccións do 2007, perdeu fronte a Nicolas Sarkozy, cinco anos antes de que o daquela aínda o seu marido, François Hollande, desprazase a Sakozy nas eleccións que tiveron lugar en maio. Un rimán de Ségolène Royal, Gérard Royal, membro dos servizos secretos franceses cando era presidente François Mitterand, participou no afundimento do barco Rainbow Warrior, da organización Greenpeace, mediante un atentado que lle custou a vida ao fotógrafo portugués Fernando Pereira.
Ségolène Royal aspira agora á presidencia da Asamblea Francesa, pero pode telo difícil tal como se lle están pondo as cousas, debido á “loita fraticida” (expresión utilizada polo xornal Le Monde) que se desencadeou en La Rochelle. A actitude adoptada pola agora compañeira do seu ex marido pode resultar para ela unha navallada mortal. Hoxe mesmo pola mañá, Valérie Trierweiler escribiu na súa conta de Twitter o seguinte: "Ánimo a Olivier Falorni, que non desmereceu, que se bate a carón dos rochelleses dende hai tanto tempo nun compromiso desinteresado". Hai cousas que case sempre rematan do mesmo xeito.

1 comentario:

Anónimo dijo...

A señora Trierweiler ten dereito a opinar como lle pete e a apoiar o candidato que máis lle guste, aínda que sexa contra a opinión do partido do seu actual compañeiro. E contra a propia opinión do mesmo compañeiro. Ou non?
Isto é o que pasa en Francia, que segue sendo terra de liberdades. Xa poderiamos ir aprendendo algo.