miércoles, junio 06, 2012

SOS España


Teño un amigo que rifa comigo cando me ve ler os xornais. Segundo me di, a miña teima pódeme volver tolo. Hoxe case lle dou a razón. Mentres leo na prensa española que hai algún sinal de recuperación económica, infórmome pola francesa de que todo nos vai de mal en pior. “SOS Espagne”, titula na primeira páxina Libération, que engade un antetítulo que di que “Afogado pola caída do seu sistema bancario, Madrid pídelle a Europa que lle axude. Unha nova Grecia?”. "O estado crítico de España e dos seus bancos alarma a Europa", titula pola súa parte Le Monde tamén en primeira páxina, precisamente hoxe, día no que o ministro español de Economía, Luis de Guindos, está en París para negociar co seu homólogo francés, Pierre Moscovici.
Libération, que lle dedica ao tema case toda a súa portada e catro páxinas interiores, co alarmante titular de “Bancos: España derrúbase, Europa entra en pánico”, sostén que “os créditos asombrosos dos estabrecementos españois, lastrados sobre todo por activos inmobiliarios dubidosos, fanlle temer á UE unha nova crise bancaria”. O mesmo xornal chega a dicir, nun artigo de Vincent Giret, que “sen risco de manter vanamente o énfase, é posíbel afirmar que a sorte de Europa xógase unha vez máis en Madrid, como no 1936, nun contexto moi diferente e sobre outro terreo, pero coa mesma agudeza dramática”.
Pola súa parte, Le Monde sostén que a recapitalización bancaria española podería acadar os 100.000 millóns de euros. “A hora é grave –di o xonal de París– e o martes 5 de xuño, no canto dunha conferencia telefónica de crise, os ministros de finanzas do G7 deben tratar o aumento de tensións na zona euro e a debilidade de certos bancos, sgundo unha declaración feita á AFP, o luns, polo ministro de finanzas canadense, Jim Falherty. España focaliza a atención”.
O caso é non son só estes dous prestixiosos xornais franceses os que acentúan a alarmante situación económica de España. O alemán Die WeltFinancial TimesThe Wall Street Journal, o italiano La Repubblica e moitos outros medios de comuniación, televisións incluídas, non paran de falar da crise española. E con razón: o rescate de Irlanda custou 85.000 millóns de euros. O de Portugal, 78.000. E o de Grecia, 292.000. Os nosos bancos, por si sós, precisan 100.000 millóns, segundo os cálculos optimistas. Ata 200.000 millóns de euros, segundo algúns expertos. O salvamento de Bankia xa custa 23.000 millóns. Canto falta para que nos rescaten? Ou teremos –terán– que botarnos fóra do euro? É todo o que lle debemos á especulación do capitalismo salvaxe, e non á nosa falta de producción, diga o que diga o amo de Mercadona.