miércoles, junio 13, 2012

Volve a guerra ao Mediterráneo?


Global Hawk

Informacións que me chegan de Italia fan pensar en que o Mediterráneo pode volver a estar tan movido durante este verán como no do 2011, cando foi atacado o réxime do coronel Gaddafi en Libia. Grandes avións de espionaxe, tipo Global Hawk, Predator e Reaper, poden estar a piques de seren utilizados dende a base norteamericana de Sigonella, preto do aeroporto civil de Catania Fontanarossa, en Sicilia (Italia), para peparar escenarios de guerra en Siria, na zona do Mediterráneo e en Oriente Medio.
Predator
Tres das notificacións aos pilotos de aeronaves (NOTAM), que se emitiron o 4 de xuño, refírense á terminal de Fontanarrosa. Esixen a suspensión dos procedementos instrumentais estandar durante o acceso, saída e chegada dos aeronaves ata o 1 de setembro, debido ás “actividades de avións non tripulados” pertencentes ás fozas armadas de Estados Unidos e de Italia. Nas citadas notificacións especifícase que “as restriccións anteriores aplicaranse sobre unha base táctica dende o aeroporto de Catania”. Ademais, outro aviso comprendido no código M3066/12, ordena a suspensión de toda instrumentalización estandar nos despegues e aterraxes que se efectúen na estación aeronaval de Sigonella dende o 4 de xuño ata o 1 de setembro, e a gran base que teñen as forzas aéreas de Estados Unidos e da OTAN en Sicilia tamén será sometida a restriccións do tráfico os días 19 e 20 de xuño por unha vasta realización de exercizos aéreos no Mediterráneo.
Reaper
A base siciliana de Sigonela convertiuse na capital mundial dos vehículos aéreos non tripulados e a instalación dunha terminal terrestre do novo sistema satelital da Marina militar estadounidense, o Mobile User Objective System (MUOS), en Niscemi, converteron a Sicilia no “epicentro da guerra global e permanente do século XXI", segundo Alfonso di Stefano, da Campaña pola Desmilitarización que se leva a cabo en Italia. Segundo esta fonte, en Sigonella hai dous ou tres Global Hawk da USA Air Force e no 2015 estarán en funcionamento o AGS, sistema operativo de vixianza terrestre da OTAN, e a Broad Area Maritime Surveillance da US Navy, cos que os grandes avións espías operativos dende Sicilia pasarán a ser máis de 20.
Hai dous anos, a aeronáutica militar e o ente nacional de aviación civil asinaron un acordo técnico para as actividades de aeronavegación dos Global Hawk despregados en Sigonella no espazo aéreo italiano. Este acordo enmarcouse no ámbito do convenio Italia-Estados Unidos do 2008, sen atender unha normativa europea que regula o emprego dos aeromóbiles a pilotaxe remota dentro do sistema de tráfico aéreo xeral, e consentindo pocedemenos de coordinación entre a autoridade civil e a militar para limitar ao máximo o impacto sobre a actividade aérea civil. Á aeronáutica militar atribuiuselle a “presdisposición dos espazos aéreos necesarios para o emprego operativo e adestrativo das aeronaves a pilotaxe remota”, e o Ente Nazionale per l’Aviazione Civile (ENAC) encargouse da xestión e control do tráfico aéreo xeral.
Con todo isto, en Sicilia xa hai xente que está preocupada polo que pode pasar este verán no seu espazo aéreo e no mar Mediterráneo, e mesmo lémbranse de que algúns dos vehículos aéreos non tripulados que están a utilizarse –Global Hawk, Shadow, Predator e Reaper– mostran unha certa predisposición a perderen o control e precipitárense perigosamente ao chan ou sobre o mar. O estudoso local deste tema, Antonio Mazzeo, xa ten feita unha relación destes aparatos que sufriron accidentes.