lunes, junio 11, 2012

Gobernantes que non saben contar ata tres

Cameron coa súa muller, Samantha, e a súa filla Nancy.
Sempre me fixeron moita graza eses contos que se atribúen a persoas despistadas que deixan esquecidas nunha gasolineira a súa muller, a súa sogra ou o can. O que non me podía imaxinar é que houbese primeiros ministros capaces de esquencer unha das súas fillas pequenas nun pub de Londres. É o que lle pasou ao premier británico, David Cameron, que deixou a súa filla Nancy nunha taberna do barrio londinense de Buckinghamshire, despois de tomar a parva alí coa súa muller e o resto dos seus fillos.
Segundo revela hoxe o xornal The Sun, Cameron foi almorzar ao pub Plough Inn coa súa muller e tres fillos. Ao remataren, regresaron á residencia oficial de Chequers a bordo de dous coches. Nun deles, a esposa do primeiro ministro, Samantha, co fillo Arthur, de seis anos, e a filla Florence, de 22 meses. No outro coche montaron David Cameron e os seus gardaespaldas. Cando chegaron a Chequers decatáronse de que faltaba Nancy, a filla de oito anos. Como é lóxico, volveron rapidamente ao pub para buscala. Atopárona na toilette do local público que acababan de abandonar.
Os británicos, case tan practicantes da retranca coma os galegos, xa andan preguntándose como pode xestionar a economía do país quen non é capaz de contar ata tres. Se me permitisen a brincadeira, eu preguntaría como vai resolver a crise española un gobernante coma Rajoy, que confunde un rescate cunha liña de crédito. A favor do primeiro ministro de España aínda está o feito de que nunca perdeu a ningún dos seus fillos nunha taberna de Sanxenxo ou nun campo de fútbol, que se saiba polo menos.

1 comentario:

Anónimo dijo...

cameron......¿un "homiño" coma rajoy?