viernes, septiembre 28, 2012

Odisea do inespazo


Estaremos vinvindo nunha especie de realidade irreal que non se sabe a onde vai? Contratas de barcos con México que México desminte, monstros de “bolsillo” que aparecen e desaparecen, pensións de xubilación que suben para baixar, gobernantes que demiten sen demitir, ex banqueiros ex presidiarios que queren saír na televisión con Beiras...
Non hai como entrar en período electoral para que nos somerxan nunha terceira fase odisea do inespazo.

miércoles, septiembre 26, 2012

Feijóo incumpre a Lei


Leo en La Región que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa cometeu catro infraccions electorais dende que convocou a campaña o 27 de agosto. Non deixa de ser todo un récord e todo un mal exemplo precisamente no momento en que a opinión pública galega está sacudida polos efectos dunha célebre operación xudicial posta en marcha dende Lugo.
A Xunta Electoral de Galicia xa o avisou de que, se sigue reiterando estas condutas, inciarase contra el un “procedemento sancionador”. A infracción máis sonada cometida por Feijóo está representada pola súa asistencia á firma do contrato coa petroleira mexicana Pemex. A correspondente lexislación ao respecto (Lei Orgánica 5/1985 de 19 de Xuño, do Réxime Electoral Xeral) sinala que non se poden levar a cabo actos para ensalzar os logros dos gobernos dende que se convocan ata que teñen lugar as eleccións.
O presidente da Xunta, polo visto, non considera importante repectar a lexislación vixente, pois non é a primeira vez que a Xunta Electoral lle ten que parar os pés nesta materia. Tamén lle mandou aparcar a campaña publicitaria “Paisaxe galega, unha tarefa de todos”, e a Consellería de Traballo e Benestar, dirixida por Beatriz Mato, tamén tivo que parar a campaña denominada “Decálogo de dereitos das persoas maiores”.
Está ben que se persigan as infraccións cometidas polos gobernantes e políticos. Pero todas, absotulatemente todas e do mesmo xeito. Que haxa captura de monstros de peto (Pokemon) para todos por igual.

O exemplo dunha xuíza de Vigo


Nestes días nos que tanto se está a falar dunha xuíza de Lugo, a min quen me chama a atención é outra xuíza de Vigo, tan digna de admiración e de loubanza coma Pilar de Lara polo menos.
A historia cóntaa hoxe La Voz de Galicia, que non dá o nome da xuíza, e constitúe todo u magnífico exemplo do que debería ser a vida da xente nunha sociedade feita por e para as persoas.

Fucking!


Fixo ben o BNG de Ourense en sairse do goberno municipal de Ourense. Así, se cadra non ten agora que pedir a demisión do seu concellerio de Deportes, Fernando Varela, que acaba de ser detido dentro da Operación Pokemon, no caso de que a xuíza Pilar de Lara tamén no impute.
Non sei a onde vai parar todo isto, pero é evidente de que as eleccións do próximo 21 de outubro podían tranquilamente seren aprazadas. Total para o que van servir. Para seguirmos como estabamos. É dicir, ben fodidos e non precisamente no sentido sexual da palabra.

martes, septiembre 25, 2012

Mal exemplo o do alcalde de Ourense


Cada hora que deixa pasar o alcalde de Ourense sen demitir, máis fonda cava a súa fosa política, máis favores lle está facendo á dereita de Feijóo e Rajoy e máis lle está apedrando o camiño das urnas ao seu partido, o PSdeG-PSOE. Non é doado entender como Francisco Rodríguez se está empeñando en consumir a súa figura política pechándose nunha teima que só vai levalo a onde ten que chegar: deixar de ser o alcalde de Ourense.
Polas boas ou polas malas (en realidade a hora das boas xa lle pasou pola porta), rematará vendo como lle é inevitábel centrarse no que agora debe serlle fundamental, que é defender con uñas e dentes a condición de inocente que el di que lle pertenece e que eu quero ser o primeiro en respectarlle mentres que a Xustiza non dilucide o contrario. Insistir en que a súa persoa é necesaria para garantir os intereses e proxectar o bo goberno da cidade que lle tocou rexir democraticamente, xa só é retórica cando o seu propio partido e o socio de goberno, o BNG, non é que lle estean pedindo que se vaia senón que están empezando a poñelo na rúa a couces.
Outra cousa é que, polo que sexa, o PSOE lle estea aplicando a Francisco Rodríguez tratamento moi diferente ao que lle deu a casos parecidos ou semelleantes dende o punto de vista forense, os de Xóse Blanco e Xosé López Orozco, por exemplo. Contradicción que tamén se atopa no comportamento do PP, que obrigou a Adolfo Gacio a dimitir –iso si, sen ter que irse de todo do Concello de Boqueixón–, pero non se comportou igual en anteriores casos semellantes.
A vida interna dos partidos políticos é como é, e non sempre é precisamente un modelo de igualdade e democracia, pero isto non debería abondarlle ao imputado alcalde de Ourense para atarse á poltrona. Xa que logo, partamos de que é inocente. Fai daquela moi ben en revolverse contra a traxedia que lle caeu enriba da súa alma. E, se fose realmente inocente, contra o noxento barco de inmundicia moral que lle verteron –e lle seguen vertendo– a maioría dos medios de comunicación sen que a xuíza responsábel do seu caso saíse en ningún momento a puntualizar que nada ou parte de todo o que se lle está atribuindo é mentira. Neste caso, realmente estariamos diante de algo humanamente insoportábel e moralmente degradante.
Pero aínda así, Francisco Rodríguez debería ter a xenerosidade e a valentía moral de non querer impoñer que a cidade que tanto di querer e comprender estea gobernada por alguén que está imputado pola suposta comisión de delitos graves. Ler hoxe, coma onte, La Voz de Galicia ou El País revolve as tripas. Ourense non merece ter un alcalde ao que se lle imputan tamañas sospeitas derivadas dun proceso xudicial. Cada día, cada hora, cada minuto que tarde en dimitir Francisco Rodríguez é unha agonía que lle apreta a gorxa á democracia galega. E estamos a menos de catro semanas de comparecérmos nas urnas para exercela.

lunes, septiembre 24, 2012

Cuestión de confianza


O outro día escribín algo sobre algunhas ensinanzas que se poden tirar do desenvolvemento da Operación Pokemon. Quero volver ao tema. Por exemplo, está  a correr, mesmo entre altas autoridades da administración de Xustiza en Galicia, que a xuíza do caso, Pilar de Lara, botou man do Servizo de Vixianza Aduaneira, como Policía xudicial, para levar a cabo a maior e a máis importante parte das investigacións e, dende logo, para excutar a fase do primeiro lote de detencións, poque non se fiaba abondo do resto das forzas públicas de seguridade.
E iso por que? Hai quen di que se saben ben os motivos e, dende logo, a primeira en coñecelos é a propia maxistrada. O certo é que, de seren verídicos algúns dos ruxeruxes, non é moi positivo o panorama que se pode deseñar deste importantísimo aspecto dos servizos públicos en Galicia. Que se desconfíe ata ese punto de dous veteranos e estrabrecidísimos corpos de seguridade, como son a Policía Nacional e a Garda Civil, pode dar moito que pensar. E que a que desconfíe sexa unha star da xudicatura, máis aínda.
Neste país –no que son tantas as cousas que habería que reformar para que puidésemos estar seguros de que o que peta na porta ás seis da mañá e só o leiteiro, agora o repartidor de xornais– aínda nos queda moito camiño por andar para que poidamos sentírmonos auténticamente libres e confiados nas institucións públicas (das privadas un confíase se quere e, senón, non; sempre que teña cartos para pagalas, claro está).
E voilà, pois un tema para que políticos e gobernantes se poñan a resolver canto antes. Non abonda con cambiar códigos nin reforzar penitencias. Antes que nada e, sobre todo, habería que racionalizar, controlar e dotar de eficacia e aunténtico sentido democrático o establishment no que e co que xa se traballa.

domingo, septiembre 23, 2012

Deben irse

Francisco Rodríguez dicindo que é inocente.

Pois que queren que lles diga? Que a min non me convenceu moito o ar de paisaniño despistado e bonachón co que quixo aparecer o aínda alcalde de Ourense diante das cámaras e dos micrófonos para proclamar a súa total inocencia? E logo que ía proclamar? A súa culpabilidade?
Quizais se perdeu nunha compota de boas intencións respecto á Xustiza, no tocante a que vai colaborar totalmente e abrirlle as portas do seu patrimonio, das súas contas bancarias e do que sexa preciso. Aínda que non o manifestase diante dos medios de comunicación, todos sabiamos xa que –dada a úa situación de imputado– está obrigado a facelo se llo pide a xuíza que vai instruir o seu caso.
Seguramente Rodríguez perdeu unha ocasión única de alonxarse hoxe da Alcaldía para dedicarse a colaborar e exigir que se escrareza canto antes e xustamente a causa que lle afecta. Ou sexa, irse para a casa antes de que o boten. Tampouco me gustou que dixera que non lle constaba aínda a petición de demisión feita polo seu socio de goberno, o BNG. Home, ou está aínda nas batuecas, dende que saiu do discutíbel aillamento ao que foi sometido, ou non se entende que non soubese nada do que lle pediron os nacionalistas, que se cadra se deron demasiada présa en presentaren as súa esixencias. Ergo, o que conta unha mentira pode contar máis mentiras e, se se tercia, mentiras máis importantes.
Chegado a onde se chegou, a Francisco Rodríguez non lle queda máis remedio que abandonar a Alcaldía de Ourense e dedicarse en corpo e alma a defender a súa inocencia, se el coida que é defendíbel, dende a máis rigurosa honorabilidade. E o mesmo digo para o caso do alcalde de Boqueixón, o conservador Adolfo Gacio. Mal favor lle van prestar á democracia e sobre todo aos seus respectivos partidos de insistiren, como están insistindo, en seguiren no poleiro.
Coa inocencia ou a culpabilidade que nos seus casos se poda demostrar cando chegue o xuízo xusto a que teñen dereito, de momento abondo estropicio se fixo xa no panorama electoral do 21 de outubro. Que non se empeñen agora –nin Francisco Rodríguez nin Alfredo Gacio– en seguiren nun “machito” que pode escurecer aínda máis a difícil situación pola que atravesa a política galega. Váilles ser moi triste, desgarrador e ata dramático viviren os tempos que lles agardan, no caso de seren inocentes, pero o seu sacrificio momentáneo xa é inevitábel. Por dicilo polo camiño máis curto, calquera dos dous son de momento auténticos cadáveres políticos. Outra cousa é a terríbel inxustiza que pode resultar se, chegado o caso, se demostra que non son culpábeis. Xa nunca recuperarían a inocencia perdida por un mal proceso. Non serían os primeiros en viviren este irreparábel drama persoal.
Pero, de momento, por defendelos contra as imprudencias ou as malas maneiras dunha Xustiza que corre demáis, todo. De defendelos politicamente, nada, mentres que esa Xustiza non se pronuncie sobre eles con carácter definitivo.

Algunhas ensinanzas do caso Pokemon

Pilar de Lara

Non sei se os alcaldes de Ourense e de Boqueixón son inocentes ou culpábeis –por agora nin a xuíza que os meteu no talego pode sabelo– pero resúltanme absolutamente criticábeis as formas coas que a maxistrada luguesa actuou contra eles. Nunca a Xustiza debería recurrir a métodos que menoscaben ou desprezen a dignidade das persoas e incomunicar, trasladar innecesariamente e desconsiderar o sagrado dereito á defensa dos detidos deberían estar excluídos non deste senón de todos os casos nos que intervén a Xustiza.
Como debería estalo o feito de aplicar medidas procedementais que non estean rigurosamente sometidas a criterios obxectivábeis. Dende o punto de vista dun lego nesta materia, a min resúltame difícil de comprender por que Adolfo Gacio foi presentado coas mans agrilloadas diante da xuíza e se lle impuxo unha fianza de 10.000 euros para ficar logo en liberdade, e Francisco Rodríguez chegou onda ela sen grillóns e saiu libre cunha fianza de 4.000 euros menos. Xa sei que a maxistrada debe ser libre e indepentente para fixar criterios á hora de tomar determinadas decisións, pero entre eses criterios non estaría de máis o de considerar o efecto social e mediático que pode causar o seu comportamento.
Neste como en tantos outros casos cos que teñen que enfrontárense os personaxes públicos cando teñen que comparecer diante da Xustiza, volven a ser escandalosos os modos e as maneiras de como se desenvolve a administración do tan cacarexado segredo sumarial. Mentres que os implicados non tiveron acceso a unha asistencia letrada minimamente efectiva nin sequera á elemental xenerosidade de recibir o alento dos seus familiares, dende non se sabe onde non pararon de aparecer supostas filtracións que lle permitiron a algúns medios de comunicación (cf. La Voz de Galicia e ElPaís por exemplo) adiantar a hipótese de que Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense, non é nada menos que un dos “conseguidores” que formaban parte dunha “trama que usaba motes para comunicarse”. E todo dentro da “mediación que parece ser o novo negocio do século XXI”. Vaia trela.
Reloxos Rolex de ouro –entre 30.000 e 300.000 euros–, ingresos en contas no estranxeiro, inversións en Sudamérica, enchentas gastronómicas a tutiplén, regalos de fincas que logo subían enormente de valor ao seren oprtunamente recalificados os terreos, mercado irregular de postos de traballo, etc. Todo un universo de suposta delincuencia empresarial e administrativa que podía inspirar unha boa novela se houbese escritores coma John Grisham en Galicia.
E resulta que todo isto descúbrese en Lugo. Non en Madrid, nin en Valencia nin en calquera outro lugar de España nos que o Grupo Vendex –calquera cousa menos trigo limpio– ten negocios dende hai décadas. Cando faltaba un mes para as eleccións, e cando o espiñento negocio das concesións administrativas otorgadas pola Administración pública está máis enrarecido que nunca. Que llo digan á irma do presidente Feijóo, apoderada dun grupo empresarial que compite con Vendex.
Por outra banda, non sei por que teñen que rachar tanto os seus hábitos os que agora descubren que a “mediación” é o “novo negocio do século XXI”. E do XX, e dos que precederon. Pero se é unha das esencias precisamente do capitalismo. Bruxelas, unha das capitais do fracasado europeísmo, está chea de obradoiros que se dedican a mediar en todo o que sexa preciso. E Estrasburgo, e Oviedo, A Coruña, Madrid, Lisboa...O mercadeo, iso que os cursis chaman marketing, está por todo o mundo. “Señor alcalde, que non lle chegan os cartos para remodelar o campo de fútbol ou facer un novo cemiterio? Páguenos entre o 3 e o 10 por cento e lográmoslle as mellores subvencións”. Asunto legal.
Que pasa logo? Pois algo moi simple. Que cando os Estados, as administracións periféricas e todo o que ben ou mal funcionaba cando era público, foron desviando –malvendéndoos case sempre– patrimonios e compromisos cara as actividades privadas, foise dando lugar aos cancros que agora afogan as sociedades. Aí están Sicilia ou a vella Unión Soviética para demostralo. Mafias puras e duras. E todo sen que a penas nos decatemos ou mirando case todos sempre para o outro lado.
Malia todo, eu gardo algunha esperanza de que a xa famosa xuíza de Lugo sexa algo máis que unha paridora de pleitos que nunca dan acabado ou que fiquen en leña verde. Oxalá chegue a ser os nosos Giovanni Falcone ou Paolo Borsellino, sen necesidade de ter unha fin tan tráxica comas que tiveron os heroicos maxistrados sicilianos, xa que Baltasar Garzón non soubo ou non puido selo.

Desínflase o globo


Co desenlace provisional da posta en liberdade do alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, do PSOE, cunha fianza de 6.000 euros (4.000 menos co alcalde de Boqueixón, Adolfo Gacio, do PP; parece que aínda segue habendo clases), empeza a rematar unha primeira fase do proceso aberto pola xuíza luguesa Pilar de Lara contra o que podía ser unha trama de intereses empresariais e políticos que levou a varios gobernantes a cometer supostamente varios delitos, entre eles os de prevaricación e suborno.
O globo parece que se desincha bastante. Haberá moito que falar do caso. Dende todos os puntos de vista. Inclusive da posíbel imprudencia coa que puideron comportárense algúns protagonistas desta Operación de monstros de “bolsillo”. Pero iso será mañá, que será outro día.

sábado, septiembre 22, 2012

Poñer as cangalleiras

Tajiri Satoshi

Cómpre non impacientármonos máis da conta porque a crónica xudicial derivada da posta en marcha da Operación Pokemon –palabro que parece sacado de comprimir as verbas inglesas pocket (peto) e monster (monstro), e que significaría, polo tanto, monstro de peto ou de alxibeira– ha ter sen dúbida un percorrido longo. Non hai máis que ver o que lle está pasando ao alcalde de Ourense en Lugo.
Os que saben disto máis ca min cóntanme que foi o deseñador de videoxogos xaponés Tajiri Satoshi ou Satoshi Tajiri, que tamén se di, o que inventou e deseñou –con Shigeru Miyamoto– o que hoxe é o famoso Pokemon, que tantos cartos lle deu a gañar a Nintendo. Tajiri chegou a ser tan popular que a noticia falsa da súa morte cando foi o último tsunami xaponés deu a volta ao mundo ata converterse en trending topic. Esencialmente o seu invento trátase dun videoxogo no que xogador debe atopar e capturar monstros que logo pode entrenalos e facelos competir cos de outro xogador.
Non sei se a xuíza Pilar de Lara ou quen fose entre o seu equipo de colaboradores, son afeccionados ao Pokemon de Tajiri. O evidente é que escolleron este nome para a súa xa célebre operación. Por algo sería.
Tampouco sei como pensan entrenar os monstros que van capturando e atándolles os pulsos con grillons, segundo os casos. De entrada, parece que xa hai algo de preconcebido na concepción dos elementos do xogo. Monstros e, ademais de “bolsillo” (quizais a palabra castelá ilustra mellor o significado). Podían consideralos de tapa dura, encadernación en pel de crocodilo, edición príncipe ou in-folio polo menos. Pero non, teñen que ser monstros e, ademais, de peto ou de alxibeira. Se cadra é porque pensaban que se ían atopar só con xente que non traballa para o abade nin para o inglés nin de balde. Ou cos que acostuman amarrar o peto todo o que poden. Outra cousa sería que tamén pensasen en que ían metelos no papo ou terlles postas as cangalleiras.
Sexa como sexa, a min estas denominacións técnicas da xustiza mediática poderían facerme graza, pero danme moito que pensar. En fin, veremos que pasa esta tarde.

viernes, septiembre 21, 2012

Teatro

Francisco Rodriguez, alcalde de Ourense.
Agora vaise sabendo que a xuíz luguesa Pilar de Lara levaba anos seguíndolles as pistas das súas supostas implicacións en varios delitos á ducia de detidos coa que se fixo pública a Operación Pokemon. En realidade, dende que empezou a dirixir outra operación famosa, a Carioca.
E resulta que, en todo este tempo, non xulgou interesante mandar prender o alcalde de Ourense nin a ningún dos que agora o acompañan nos calabozos? Fóronlle presentadas á xuíza de repente novas probas? Foi quen Pilar de Lara de interpretar de súpeto e de maneira inquietante ou definitiva os indicios que lle constaban na súa investigación? Por que puxo a andar unha acción xudicial tan espectacular só un mes antes de que os galegos teñamos que pasar polas urnas? Non podía agardar trinta días máis dos que agardou ata agora sen que o exercizo da Xustiza perdese a súa independenza?
Tamén habería que saber por que o alcalde de Ourense foi levado, en réxime de aillamento, á Comisaría de Pontevedra e non á de Ourense ou á de Lugo. De momento, toda esta parafernalia policial e xudicial para o que está servindo é para que os medios de comunicación –conservadores na súa inmensa maioría– lle macen no lombo sobre todo aos non son de dereitas. Aí está o exemplo de La Voz de Galicia de hoxe, que abre a súa primeira cun titular a catro columnas e tipografía de excepción proclamando: “El alcalde de Ourense, detenido como implicado en una red de corrupción”. Non era preciso que o xornal coruñés engadise que o tal alcalde é socialista. Só en letras máis pequenas engade que “también han sido apresados el alcalde de Boqueixón, un concejal de Lugo y otras nueve personas”.
Dende logo, ou a xuíz luguesa ten no seu poder probas ou indicios suficientes para desencadear unha operación tan contundente –e isto aínda ha tardar en saberse– ou o seu comportamento é de auténtico perigo para a democracia e para os dereitos individuais das persoas. A administración da Xustiza ten moito de teatro –en realidade, toda a vida pública é un auténtico teatro social–, pero sería desexábel que nunca pedalase demasiado nos límites da traxedia. Nin da farsa, porque aquí herois non hai, como me acaba de apuntar un lector.

jueves, septiembre 20, 2012

Pokemon, unha operación que non é de monstros de alxibeira

Pilar de Lara

Ou o resto dos xuíces de Galicia son unha banda de vagos ou Pilar de Lara e Estela San José son auténticas superdotadas en materia laboral. Só así se explica de momento que dos xulgados que rixen en Lugo estas dúas maxistradas estean saínda a moreas escandalosos casos de supostas corrupcións administrativas e outros delitos que case nunca aparecen no resto do mapa xudicial de Galicia.
O último caso é o das detencións levadas a cabo hoxe co alcalde socialista de Ourense, Francisco Rodríguez, o conservador de Boqueixón, Alfonso Gacio, e ata unha ducia máis de representantes da empresa Revex, un ex presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e ex teniente-alcalde de Lugo, Francisco Fernández Liñares, e varios traballadores da administración local.
Era o que faltaba para que se complique máis o panorama electoral galego. Cunha base social que cada vez critica máis a falta de confianza que ofrecen os representantes políticos, a Operación Pokemon, posta a andar pola xuíza Pilar de Lara, é auténtica gasolina verquida sobre unha fogueira que non se sabe ata onde pode chegar ardendo. E, unha vez máis, este lume consume leña que procede tanto do bosco do PSOE como do PP.
Fai ben a xuíza luguesa en comprometerse co seu democrático deber de perseguir a delincuencia en todas as súas formas e a todos os niveis. Tamén en exercer a súa independenza absoluta en materia xudicial. Pero sería moi desexábel que faga o seu traballo dentro do máis estrito rigor procedemental e xurídico e sen caer nunca na tentación de poñer a andar mecanismos xudiciais que podan interferir innecesariamente na vida política dos procesos electorais, por exemplo. En caso contrario, correría o risco de causar graves danos a persoas e intereses públicos que, de resultaren logo inocentes, xa terían pagado de máis en forma de condenas sociais e políticas.
Quizais por iso a min nunca me gustaron nada as movidas xudiciais que nacen coincidindo coas campañas electorais. E non digo que a que agora afecta aos supostos delincuentes afectados sexa unha delas. Se realmente están implicados no feixe de supostos delitos polos que están sendo investigados, adiante con eles ata o seu xuízo xusto. Pero ollo cos danos colaterais que lles poden causar nos casos en que sexan inocentes. A eles e a algo que é máis importante ca eles, á natureza mesma da boa e da honesta política, que tamén existe aínda que non o pareza moito neste momento.

lunes, septiembre 17, 2012

Os franceses contra o euro

A Europa actual é a historia dun fracaso irremediábel. De tanto querer convertila no que nunca debeu ser, un espazo para os desequilibrios sociais e a desigualdade, empézanselle a romper a costuras do traxe. Vinte anos despois de Maastricht, aquel referendum que tanto dividiu os franceses sería perdido se fose sometido hoxe a votación. A sondaxe levada a cabo por Ifop para o xornal Le Figaro revela que o 67 por cento dos franceses consideran que a Unión Europea vai “máis ben na mala dirección” dende que se ratificou o Tratado de Maastricht. No ano 1999, o 53 por cento dos consultados estimaron que se ía “máis ben na boa dirección”.
O primeiro que poñen os franceses no punto de mira é a moeda única implantada por Maastricht, o euro, que se revela así coma un pésimo axente da recruta europea. O 45 por cento dos enquisados pensan que o euro está sendo un handicap respecto á crise. Hai só dous anos, en agosto do 2010, este pensamento só era expresado polo 34 por cento. Os obreiros e os profesionais intermedios son os que maiores reparos lle poñen ao euro, pero a maior parte dos franceses activos tamén expresan un xuízo moi negativo sobre a unión monetaria.
Os franceses consideran que pasar do franco ao euro tivo consecuencias negativas sobre a competitividade da economía (61 por cento), o paro (63 por cento) e o nivel dos prezos (89 por cento). O campo dos que desexan maioritariamente menos integración europea medrou 12 puntos e pasou a ser do 60 por cento. O 64 por cento deles ven “pouco probábel” a emerxencia dun “Estado europeo único”.

viernes, septiembre 14, 2012

O iPhone 5 fabrícase con sangue, suor e bágoas


O máis grande que lle pasou ao iPhone dende o IPhone. En frases publicitarias non anda mal a multinacional norteamericana Apple, que acaba de presentar a quinta xeneración do seu famosísimo smarphone, o iPhone 5. Do que non falan nunca os directivos da empresa fundada por Steve Jobs é das condicións de traballo nas que son poducidos os seus obxectos de desexo, nunha enorme empresa taiwanesa que ten más de 1,2 millóns de traballadores e un volume de negocios de case 60.000 millóns de dólares.

A Hon Hai Industry Co., Ltd. ou Foxconn International Holdings, máis coñecida como Foxconn a secas, é a máis grande multinacional de componentes electrónicos. Este gran coloso ensambla todos os produtos da marca Apple, dende o IPad ata o IPhone, en 13 fábricas que ten en China e noutras distribuídas pola India, Malasia, Hungría, Eslovaquia, República Checa Brasil e México. Entre os seus principais clientes atópanse Apple, Acer, Amazon, Cisco, Nokia, HP e Dell. Foxconn ensambla arredor do 40 por cento de todos os produtos electrónicos que se consumen no mundo.
Aparentemente podía parecer unha sementeira de progreso, a fábrica dos soños e das marabillas, pero a Foxconn é, sobre todo, un enorme modelo de explotación laboral á chinesa, no que os seus traballadores vense constantemente exprotados ata o suicidio por sobrecargas de dazaseis horas de traballo diarias e por soldos que van de 90 a 240 euros ao mes. Os traballadores son obrigados a facer entre 80 e 100 horas extaordinarias ao mes, que lles son pagadas a pouco máis de un euro por hora, e quen non obedece aos capataces é forzado a limpar os baños, escribir cartas de “confesión e arrepentimento”, traballar de pé, mover 3.000 caixas por día, barrer os patios e axoenllarse diante do director.
As intimidacións aplicadas aos que non manteñen o ritmo de 16 horas de traballo diarias chegan ata impedirlles volveren ás súas casas, unha vez cada ano, para ver os seus propios seres queridos, porque moitos destes traballadores viven nos dormitorios estabrecidos pola propia empresa en condicións lamentábeis. En cada dormitorio, 30 literas e as condicións hixiénicas acostuman ser de inmundicia.
Terry Gou, presidente executivo de Foxconn
Escudándose na protección dos segredos industriais e nas patentes dos seus clientes, a Foxconn imponlles aos traballadores durísimas condicións. Ninguén pode ter teléfono, cámara fotográfica, lectores mp3, pendentes nas orellas... Nada metálico. Se sona a alarma, o afectado é despedido inmediatamente. Xa sucedeu algunha vez por portar un cable de recarga USB.
Foxconn é o símbolo da deslocalización occidental e do novo “made in China hit tech”, onde os abusos, a violencia, os castigos e as humillacións “xeneran os novos e ignorados escravos do século”, segundo concluíron Sacom e Fair Labor Asociation, organizacións que se ocuparon de investigar o estado dos dereitos laborais nas fábricas desta multinacional.
Tim Cook, presidente de Apple, vistando a planta de Foxconn en Zhengzhou (China).
No ano 2010, 14 obreiros de Foxconn suicidáronse a causa das inhumanas condicións do seu traballo. Unha explosión causou dous mortos e 16 feridos na fábrica de Chenhdu, capital da provincia de Sichuan, no sudoeste de China, na que xa houbo varios enfrentamentos graves entre os traballadores e os servizos de seguridade.
Recentemente, un xornalista do Shanghai Evening Post logrou camuflarse como operario na fábrica de Foxconn de Tai Yuan, na provincia chinesa de Shanxi, e publicou a súa escandalosa experiencia. Durante o tempo que estivo dentro, puido ver de todo: dez días de pesadelo entre noites sen durmir, intimidacións, cascudas e fazañas inhumanas.
Por exemplo, “todo o cuarto cheira a lixo: unha mestura de olor a inmundicia, suor, suciedade. Fóra de cada habitación, apílanse residuos non botados”. Cando o xornalista infiltrado abriu o seu armario, viu como se escapulían as cascudas das sábanas distribuídas a cada novo empregado, que estaban sucias e cheas de cinza.
Ademais, na Foxconn é habitual valerse de estudiantes dos institutos técnicos para faceren unha forma de “traballo forzado” que se disfraza de stages, períodos de prácticas e aprendizaxe.
Remato esta información recoñecendo que son “macquero” de toda a vida, e admiro as grandes partes positivas que tivo Steve Jobs e que aínda ten a empresa fundada por el, pero isto non me impide ser cada vez máis crítico coa política laboral e financeira de Apple, hoxe un xigante da deslocalización e da explotación laboral encuberta como tantos outros casos que hai polo mundo adiante. Será iste o mundo que nos queren impoñer en Europa coa crise económica?

Medicamentos que só serven para gastar cartos

Philippe Even, á esquerda, e Bernard Debré.

Case a metade dos medicamentos que se utilizan actualmente son inúteis e representan un custo situado entre 10.000 e 15.000 millóns de euros para a Seguridade Social francesa, segundo sosteñen os médicos Philippe Even e Bernard Debré, autores dunha Guide des 4.000 médicaments utiles, inutiles ou dangereux (Guía dos 4.000 medicamentos úteis, inúteis ou perigosos), que apareceu onte en Francia. Philippe Even, neumólogo, é director do Institut Fédératif de Recherche Necker, e Bernard Debré é urólogo e deputado UMP por París.
Segundo o estudio realizado por eles sobre 2.200 especialidades, o 40 por cento dos medicamentos “teñen unha eficacia feble ou nula”, un 25 por cento presentan “un risco potencial” e destes últimos un 5 por cento, “un perigo maior”. Porén, un 70 por cento dos medicamentos “pouco eficaces” e o 28 por cento dos que non teñen “a menor eficacia” seguen sendo pagados pola Seguridade Social.
Philippe Even chega a xulgar de “completamente inúteis” as estatinas, un grupo de fármacos usados para diminuir o colestorol nas súas diferentes formas, “avalados por tres a cinco millóns de franceses”, que lle custan a Francia 2.000 millóns de euros cada ano e que son “completamente inúteis”, segundo este investigador que chega a dicir que esta deriva hai que buscala no “laxismo, na demagoxia, a incompetencia e a corrupción”.
Even sostén que se trata, sobre todo, de algo “vencellado coa incompetencia, sustentado pola corrupción asegurada pola industria farmacéutica para procurarse o 20 por cento de beneficios que logra cada ano”. Para este especialista, “a industria farmacéutica é a máis lucrativa, a máis cínica e a menos ética de todas as industrias”.
Esta última frase parece pronunciada dende Lugo despois de coñecer o nada exemplar caso do empresario farmacéutico Dorribo. Non ten, porén, nada que ver con el. Os autores da xa famosa guía baseánse, entre outros, nun caso que deu moito que falar en Francia, o de Mediator.

jueves, septiembre 13, 2012

A mazá trabada

Di Apple que a chegada do iPhone 5 é o máis grande que pasou dende o iPhone. Deixando a un lado os malabarismos publicitarios, hai que recoñecer o enorme éxito que ten a compañía fundada por Stve Jobs cada vez que pon no mercado un produto, que nin sequera é novo neste caso senón unha versión remozada do que xa había. Primeiras páxinas –enteiras nalgún caso– e hectáreas de papel impreso en todo o mundo, amén de espazos televisivos, radiofónicos e Internet, contando as marabillas dun produto que cambiou os costumes de falar por teléfono, escoitar música, ver cine, xogar e facer fotografías, ademais de presumir de smartphone de última xeneración.
Nin sequera importa que desta vez Apple ficase a medio camiño nas súas espectativas de  inventora de aparellos revolucionarios. A nova versión do iPhone ofrece melloras moi importantes con respecto aos modelos anteriores da marca, pero non deixa de ser algo que só é máis do mesmo, e non unha baza xogada con ánimo de inventar algo novo. Dende que morreu Jobs, a marca estadounidense non para de seguir triunfando no mercado internacional, pero parece algo estabilizada no conformismo de funcionar co que xa se sabe que vai funcionar ben, sen apostar por novos desafíos tecnolóxicos e comerciais como podía ser, por exemplo, a promesa aínda incumprida de desenvolver o que Steve chamaba “o televisor do futuro”.
Apple xa é a primeira empresa dos Estados Unidos e do mundo en capitalización bolsística, pero vai camiño de convertirse nun monstro frío de contante e sonante coma os que foron a General Motors ou IBM nos seus tempos. Coma Google, con quen compite directamente a través do mundo, esfórzase en derrochar simpatía, innovación e creatividade. Os seus consumidores pagan caro por comprar a beleza e a funcionalidade dos seus produtos. Apple soubo pechar sabiamente a música e as publicacións periódicas no seu portal de Stores. Pero fabrica os seus obxectos de desexo en obradoiros de China. Moi lonxe da súa cociña californiana de Cupertino. E, de paso, vai colocando as súas plusvalías en paraísos fiscais nos que lle é permitido pagar menos impostos. Non son, logo, os traballadores nin os consumidores os que máis saen gañando coas súas apostas empresariais, senón ela mesma. É Apple. A mazá trabada.

miércoles, septiembre 12, 2012

Precisamos de Castelao


Non ten por que ser un tema central da próxima campaña electoral, pero algunha vez os dirixentes políticos galegos –particularmente os da esquerda– terán que plantexar o noso futuro europeo dende termos realistas e comprometidos. Xa non abonda con mantermos un pragmatismo de ida e volta que se empeñe en persistir na idea contumaz de que fóra de Europa e do euro do capital non hai vida.
Xente coma Beiras, coma Iolanda Díaz e coma todos os líderes que vaian aparecendo neste novo acordar de Galicia, terán que abordar o problema dende posicións radicalmente diferentes. En Francia, Daniel Cohn-Bendit –aquel emblemático líder de cando as praias estaban debaixo das laxes, hoxe reconvertido ao pragmatismo máis de usar e tirar– di que hai que “continuar e avanzar, na grande bricolaxe de compromiso, de crises, textos e circunstancias e na imperfección dos medios cos que se conta a respecto da finalidade do proxecto”, segundo lembra hoxe Nicolas Demorand en Libération.
Pola contra, para Jean-Luc Mélenchon –o rostro enragé da esquerda francesa– todo vai cada vez pior: déficit democrático na Unión Europea, política económica moi alonxada da realidade social, abandonos de soberanías que se deixan nas mans de poderes que non son elixidos, etc.
Cómprenos salientar que, se todo isto é visto así dende a Francia de François Hollande, a realidade que se pode observar dende España –e xa non digamos dende o Portugal actual– é moito máis dramática e preocupante. Como tamén escribe hoxe Demorand, “a vida e unha parte do destino dos estados-membros están inexorabelmente xunguidas á Unión, e este estado de feito esgaza tanto á esquerda francesa como as dereitas europeas”, argumento que se pode extender ás esquerdas e ás dereitas españolas. E non digamos ás galegas.
Os galegos, ademais, debemos estar ao axeso do que anda a pasar en Cataluña, país no que seguramente xa nada volverá a ser igual ca antes por moito que cacarexen determinados elementos do nacionalismo español que aínda fondean no franquismo. Estamos diante de varios desafíos que xan non abonda con seren debatidos dende o seguidismo acomodaticio de Xosé Luís Barreiro ou dende o “chambonismo” dogmático de Francisco Rodríguez. Ou se abre unha nova maneira de ollar o que nos está pasando ou ficaremos como estamos para irmos cada vez a pior. Precisamos máis ca nunca dun Castelao, e se cadra Beiras pode selo. E, pola parte de Esquerda Unida, deberían canto antes tirar do seu sono a mentes tan preclaras coomo a de Xesús Alonso Montero, por exemplo. Oxalá que este camiño sexa andado pronto.

martes, septiembre 11, 2012

A alternativa de Beiras e Iolanda Díaz

Contra o que diga Fermín Bouza acerca de que falar da “Syriza galega” é unha “bobada”, eu non lamento nada que se perdera a conexión entre “o centro político e a esquerda post-pleistocénica”, que tamén dixo Fermín. Repecto e admiro moito todo o que está producindo este intelixente sociólogo e bo catedrático da Universidade de Madrid, pero paréceme que ás veces enchéselle a ola con demasiada tona socioliberal. Calificar de esquerda post-pleistocénica aos que máis poñen o dedo na chaga da deriva ultraliberal que nos está levando ao total falecemento da igualdade social e política pode resultar unha boa “plaisanterie” de sociólogo post-moderno, pero ten pouco de rigor científico.
Pola contra, eu agora si que sei que teño que ir votar o día 21 e por quen facelo. Indudabelmente pola Alternativa Galega ou como se teña que chamar*, de Xosé Manuel Beiras e Iolanda Díaz. Paréceme fundamental que, como aconteceu para facer chegar a segunda República e o Estatuto de 1936, en Galicia se poñan de acordo o nacionalismo radical e intelixente de Beiras coa tradición esquerdista e internacionalista de Esquerda Unida. Non sei se isto será máis unha “Syriza galega” ca un Front de Gauche, unha Coaliçao Democrática Unitaria (CDU) portuguesa –que, por certo, tamén se bate electoralmente nos Açores o 19 de outubro– ou o que sexa, pero é un comenzo esperanzador para que os desherdados da terra galega alcancen a ter voz e representación axeitada na democracia burguesa que lles está tocando vivir e mesmo padecer.
Unha boa proba de que esta coalición mete medo é que xa están aproando por aí, nos recelosos mares da dereita, que ela si que é pleistocénica, os vellos pantasmas do anticomunismo que nos tocou sufrir aos que vivimos unha parte do franquismo (Bouza seguro que se lembra deles). Magóase o sociólogo de que “algúns comentarios contra a formación descolgada son de pésimo gusto e proceden dunha suposta esquerda que comenza a proliferar e que se parece máis a algunha forma de populismo incalificábel que a outra cousa”. Desexo que ao meu admirado Fermín lle parezan de pior gusto aínda e máis incalificábeis os comentarios, cheos de anticomunismo franquista, que están divulgando Feijóo e os seus “boys”.
Que a presenza na coalición dos “marxistas de Groucho” –permítanme plaxiar a brincadeira– podería dar máis azos electorais á coalición. Sen dúbida. E ata, se seguísemos estendéndoa ata a fin da fin, chegariamos ao partido único –algo do que tamén sabe Fermín– e nin sequera habería que gastar cartos facendo eleccións. As cousas son como son, e non como se empeñe en facer delas a Socioloxía. Felizmente á política, no bo sentido do concepto, naquel que lle deron os gregos antigos (πολιτικος), aínda lle queda un longo percorrido antes de que todos nos volvamos ovellas dun único curral.
E, por outra banda, non me dan pena os que quedaron fóra. Estou seguro de que xente coma Pérez-Lema e algún outro han rematar atopando sitio nalgún lado. Son expertos en buscar acomodo político.

* Se aínda andan buscándolle "alternativa" ao nome da coalición, propóñolles que lle chamen Galicia Sempre. Sería un lindo nome e unha boa homenaxe ao de Rianxo.

lunes, septiembre 10, 2012

Vaite á merda, rico xilipollas


Moita máis de media Francia anda estes días escandalizada pola actitude do seu home máis rico, Bernard Arnault, patrón e accionista principal do líder mundial do luxo Louis Vuitton Moêt Hennessy (LVMH), que pediu que lle concedan a nacionalidade belga, precisamente no momento en que o presidente francés, François Hollande, anunciou que vai cumprir a súa promesa de subir ata o 75 por cento os impostos de todos os que teñen ingresos anuais superiores a un millón de euros.
Non é a primeira vez que o cuarto home máis rico do mundo, despois de Amancio Ortega ou Warren Buffet, que por aí andan, se mostra insolidario co seu país. Cando subíu François Mitterand ao poder, xa se exiliou durante tres anos nos Estados Unidos para mostrar a súa oposición á política fiscal dos socialistas e agora, aínda que se deu présa en advertir que seguirá cotizando en Francia, despois da alarma que orixinou a súa actitude, o patrón das marcas de luxo Louis Vuitton, do champán Moêt Chandon e do coñá Hennessy, non está acertando a convencer a ninguén de que o seu propósito non é máis ca o de zafarse de pagar a taxas que Hollande lles vai aplicar aos ultramillonarios franceses para compensar a crise económica. Bernard Arnault ten un salario fixo anual de 10,7 millóns de euros, ademais de remuneracións variábeis e stock-options que foron valorizadas no 2011.
Como é lóxico, non tardaron en arreciar as críticas contra el, que non proceden só da esquerda. Só están saíndo na súa defensa os partidarios de Nicolas Sarkozy, político co que sempre mantivo unha estreita relación de intereses económicos e de amizade persoal Bernard Arnault.
Jean-Luc Mélenchon, líder do Front de Gauche, no que está integrado o Partido Comunista Francés, dixo que “os homes coma Arnault son parásitos”, e a representante de Lutte Ouvrière, Nathalie Arthau, falou de “expropiación e que el se vaia”. Tamén manifestou que a única patria de Arnault é a súa conta bancaria.
O caso está dando moito que falar non só en Francia. E en España? Cantos casos como o de Bernard Arnault está habendo sen que se fale deles? Porén, a diferencia aínda é moi grande. Aquí goberna Mariano Rajoy e faino para os ricos. Polo menos en Francia hai un xornal de prestigio, Libération, que hoxe lle dedica a portada cun enorme titular que pon: “Casse toi, riche con! (Váite á merda, rico xilipollas!).

jueves, septiembre 06, 2012

A concelleira masturbadora

Veño de pasar doce días magníficos nas illas Terceira e de Sao Miguel, do arquipélago dos Açores. Podíalles contar como é que coñecín o paraíso nestes dous lugares privilexiados pola natureza no medio do océano Atlántico, pero prefiro mergullarme de novo na realidade cotiá desta Europa que está en completa decadencia senil.
Por exemplo, ese célebre video pornográfico dunha concelleira socialista de Los Yébenes (Toledo), que se gravou a si mesma mentres que se marturbaba, segundo ela para ofrecerlle as imaxes ao seu home. Hai cousas que non se entenden ben. Marturbarse para o seu marido? E non sería mellor facelo in live e sen necesidade de por unha cámara diante? Utlizando, ademais, un sistema tan inseguro como é o Whatsup? Hai que ser algo parvo ou un bocado exhibicionista, se cadra.
Pero o que é realmente grave é que houbese alguén disposto a difundir con escurísimas intencións o tal produto pornográfico. Di a afectada que o video foi enviado o 13 de agosto dende un correo electrónico da Alcaldía de Los Yébenes, rexida por un militante do Partido Popular. É curioso comprobar como os integrantes desta formación conservadora española, herdeira directa do franquismo, son auténticos e constantes expertos en remover na merda. Se non é por unha cousa, é por outra, pero sempre andan agarrados á manivela do ventilador. Como se eles non fosen os primeiros en formar a tona da fosa séptica.
Dito isto, tamén quero engadir que sigo botando de menos políticos e gobernantes máis centrados no servizo público e menos engaiolados no seu propio egocentrismo e, coma neste caso, na súa propia complacencia. Hai cousas íntimas –foder, masturbarse, rascarse a barriga– que simplemente deberían facerse polo simple placer de sentilas e non pola avaricia egoísta de transmitírllelas aos demais. Todos ou case todos gravamos algunha vez esceas íntimas das nosas vidas –e non digamos dármonos ao manubrio–, pero case sempre gardamos esas produccions "cinematográficas" no fondo dalgún baúl herdado das nosas aboas. Os franceses non quixeron que Dominique Straus-Kahn fose presidente da súa República. A min tampouco me gustaría que Olvido Hormigos fose a primeira presidenta da República española cando chegue. Frivolidades na vida pública, as xustas.

Óscar Fernández Refoxo, patriarca da bonhomía


Colleume tomando polbo á moda da Ilha Terceira nos Açores. Eran as nove da noite (11 en Galicia) do 25 de agosto cando Cristina me chamou para dicirme que morreu Óscar Fernandez Refoxo, avogado e bo amigo da Compostela inmorrente dos picheleiros. Foi coma un “mau tempo no canal”, que diría o gran escritor terceirense Vitorino Nemésio, o que me apretou o corazón.
Óscar era moito máis ca un excelente avogado e un bo militante nacionalista galego. O presidente da Asociación Cultural O Galo de Santiago era, sobre todo, un patriarca da bonhomía e da concordia. Un vello mariñeiro de terra adentro que remaba sempre a favor do vento que tiraba cara á liberdade e a confraternidade. O seu despacho de avogados sempre estivo aberto a todas as persoas, con recursos ou sen eles, que precisaron de asistencia legal nos anos da longa noite de pedra e nos da democracia sempre aterecida na que aínda andamos.
Refoxo e máis eu tiñámonos prometido facer xuntos unha peregrinaxe á festa andaluza do Rocío, á que tantas veces el acudiu con puntualidade case anual. Xa non podemos facela. Óscar, por vontade propia e da súa familia, fóisenos sen despedirnos. Sen afagos nen pompas fúnebres. El que o merecía tanto como o primeiro. Ata sempre, Óscar. Seguirei tomando sempre un viño contigo no María Castaña.