
Con máis gracia que rigor, asegura hoxe
Xosé Luís Barreiro en
La Voz de Galicia que andamos de
Anás a Caifás e de Herodes a Pilatos no delicado asunto da piratería que padecen o barcos que navegan ou faenan por determinados mares, tal é o caso do
Alakrana, que antes de que se consiga a liberación dos seus tripulantes xa deu orixe a unha peregrina polémica sobre se os pescadores españois deben ir ou non protexidos por militares ou persoal de seguranza privada que manexen armas de guerra.
Parece que, finalmente, os barcos que pescan fronte ás costas de Somalia van levar axentes de seguridade privada que embarcarán con armas de guerra para repeler ataques piratas, logo de que o Goberno aprobe os cambios pertinentes da lei de seguranza privada que permitan o uso de armas militares por parte deses axentes privados. Tratarase, esencialmente, de metralletas de tipo medio e rifles de asalto de ata 20 milímetros, armas que ata agora estaban catalogadas como de uso exclusivamente militar.
Fontes deste sector pesqueiro seguen insistindo, porén, na conveniencia de que os barcos de pesca españois que traballan expostos á piratería acudan aos caladeiros protexidos con infantes de Mariña a bordo, como xa está facendo Francia, pero esta petición non está sendo ben acollida polo Goberno nin polos propios militares españois, que reiteran a súa imposibilidade legal.
Algo me fai pensar que estamos entrando nunha dinámica perigosa que non se sabe a onde pode dar. É evidente que os armadores e pescadores españois, entre eles moitos galegos, teñen razóns de sobra para estaren preocupados e poden resultar comprensíbes as súas esixencias, a pesar de que moitas veces aparezan expresadas por eles con altas doses de personalismos dificilmente integrabeis nunha contemplación razonábel do problema. Hai que verse no seu corpo para interpretar minimamente ben a súa aparente intención de devolver dente po dente nun Talión do que non se sabe quen pode levar a dianteira.
Evidentemente, ninguén pode asegurar que levar armas de guerra a bordo dos barcos de pesca, coa intención de usalas, vai resolver o problema. Pola contra, ata poderá agravalo producindo unha preocupante escalada armamentística non conflito. A priori, xa resulta abondo difícil de entender que, nos tempos que vivimos, as actividades produtivas e/ou comerciais teñan qu ir acompañadas de accións bélicas determinadas. Non parece propio so século XXI, nin de recibo que os custos desas operacións pseudomilitares se carguen na conta do contribuínte. Son un gran comellón de atún, peixe que me gusta extraordinariamente, pero estou disposto a cambiar parte dos meus gustos culinarios se para conservalos teño que ver como se mata xente.
O meu admirado
Antonio Caballero, columnista do semanario colombiano
Semana e un dos mellores xornalistas que deu Latinoamérica, escribía hai poucos meses que
“agora resulta que os inimigos da civilización e da globalización son os piratas, os pobres piratas somalís do océano índico”. Neste momento persíguenos flotas de Estados Unidos, Francia, Gran Bretaña, España e Alemania. E eles secuestran petroleiros, buques mercantes e pesqueiros de Noruega e de Grecia, de Holanda, de Malasia, de Gran Bretaña e da illa de Saint-Vicent.
“Curiosamente –apunta
Caballero–
por unha coincidencia poética, buques con bandeiras de países que noutros tempos foron piratas eles mesmos”. En Saint-Vicent e en Tortuga facíanse fortes os “Irmáns da Costa” dos tempos dos filibusteros do Caribe, que eran ingleses e holandeses, e de Malasia chegaba o temido
Sandokán, e de Noruega os feroces piratas vikingos. Non houbo piratas italianos, agás os que capturaron nada menos que a
Xulio César e o corsario negro que inventou
Emilio Salgari, pero o único barco italiano capturado ata agora polos somalís chámase
Boucaneer, ou sexa, bucaneiro. Tal como opina
Antonio Caballero,
“nesta historia hai algo de xustiza poética”.
Ou de xustiza a secas, como tamén apunta o escritor colombiano, entendendo a xustiza non como o imperio da lei senón como o equilibrio das inxustizas. Os que agora secuestran os nosos barcos son pobres e son piratas porque foron reducidos á miseria e non lles quedou máis que o recurso da piratería como resultado de que as modernas flotas pesqueiras dos países ricos devastaron a pesca das súas augas territoriais. Eran pescadores artesanais, incapaces de competir coas redes de arrastre e os sónares dos ricos competidores. E quedaron sen peixe. Pola contra, o que lles sobraban eran as armas que lles deixaron as grandes potencias no decurso das varias guerras civís que fomentaron en Somalia e no resto de África. "
¿De onde saen se non –pregunta
Caballero–
os Kalashnikov e os M-16 e os fusís Galil e as ametralladoras e os lanzagranadas que esgrimen os piratas somalís?". Eles non os producen. Recíbenos dos mesmos que agora piratean e polos que foron pirateados os seus bancos de pesca.
“Do mesmo xeito –volvo a citar a
Caballero–
, como acaban de recoñecer sucesivamente en México a secretaria de Estado Hillary Clinton e o propio presidente Barack Obama, as armas dos narcos mexicanos son compradas nas tendas de Estados Unidos. A globalización traba no seu proio rabo porque é redonda, como sabiamos dende antes de que se empezara a popularizar a palabra”.
Como dí
Caballero, todo se repite. Agora
Obama, que é o dono do mundo, ordea que se persiga os piratas ata bombardear as súas "bases", que son portos pesqueiros de cando aínda había pesca, e non só tanqueiros de petróleo na costa somalí. Deste xeito ordenou
George Bush bombardear as bases de Al Kaeda e dos talibáns para vingar os atentados das torres Xemelgas, e desencadeou as guerras paralelas de Irak e Afganistán.
Xulio César, cando foi liberado logo de pagarlles o rescate aos piratas que o tiveron secuestrado, púxose a armar unha flota para perseguilos e rematou aforcándoos. E de aí seguiu para as súas guerras de España e das Galias, despois iniciou a guerra civil contra
Pompeio, e xa non parou.
Conta
San Agustín, segundo me entero por
Antonio Caballero, que cando
Alejandro Magno lle preguntou a un pirata capturado por que facía dano, o pirata respondeulle:
–Polo mesmo ca ti. O que pasa é que, como eu só teño un barquiño, chámanme pirata e a ti, que tes unha flota de guerra, chámanche emperador.Polo que se ve, nin os do PP nin os do Bloque len a
San Agustín.