miércoles, marzo 28, 2012

Cosmopaletismo

Ata agora non tiña eu unha mala imaxe do alcalde conservador de Santiago, Xerardo Conde Roa. As poucas veces que falei con el pareceume unha persoa amistosa e dialogante coa que se podía practicar doadamente a convivencia e o pracer da palabra. O tratamento intempestivo e reaccionario que lle acaba de dar ao caso do humorista Leo Bassi fanme ver claramente que as apariencias enganan.
O feito de que a Conde Roa, como alcalde da capital de Galicia, lle produza “especial repugnancia” a personalidade e a obra dun dos principais valores da cultura europea actual, podería quedar reducido a unha chocallada se non fose, ademais, un preocupate síntoma do desvarío ao que nos están levando unha parte dos xestores da política cultural que elevou ao poder a vitoria electoral do Partido Popular.
“Non teño ningún interese en que a cultura de Santiago se vexa identificada con este humor, e polo tanto non teño ningún problema en dicir que Santiago non é unha opción”, aínda remachou máis o político que parece tan flamante herdeiro das ideas culturais que podían ter o xeneral Millán Astray ou o frade Torquemada. A punta máis occidental do Camiño de Santiago, a cidade da estrela, debería estar gobernada por xente algo máis cosmopolita e menos cosmopaleta.

lunes, marzo 26, 2012

Eppur si muove

Contra pronóstico, os resultados electorais de Andalucía e de Asturias, sobre todo o primeiro, marcan un inesperado rumbo da política española que pon o contador a cero para empezar probabelmente a contra atrás do Partido Popular. A pouquísimas semanas dunhas eleccións presidenciais en Francia das que se pode esperar un máis importante cambio de ventos cara a esquerda, este vendaval antóxáseme a min moi importante para a política europea dos próximos anos.
Para empezar, non está mal que Mariano Rajoy reciba no lombo do seu candidato andaluz, Javier Arenas, e nas costas da súa candidata asturiana, Mercedes Fernández, a labazada que lle pegaron as urnas do pasado domingo pola súa insoportábel reforma laboral e pola súa errática política económica. Estaba claro que Rajoy tiña que ser castigado nalgún futuro próximo, pero a min non se me antoxaba tan próximo o comenzo da súa conta atrás. Está claro que a realidade segue superando sempre a imaxinación, mesmo en materias de política e de economia, e que non hai mal que cen anos dure.
Situados, ademais, os resultados electorais do domingo a catro días antes da folga xeral convocada para o 29 deste mes, algo me fai pensar en que o mundo, contra todo o que poda parecer, aínda non está parado de todo. Algo está a moverse. Eppur si muove, como nos tempos de Galileo.

domingo, marzo 25, 2012

Polémica sobre o caso Merah

O gravísimos sucesos acontecidos nas últimas semanas en Francia puxeron de manifesto as debilidades das políticas securitarias que se están aplicando en Europa e os perigos que están a correr as liberdades. Edwy Plenel, antigo director do xornal Le Monde e agora fundador e director da publicación electrónica Mediapart, acaba de publicar un interesantísimo artigo (La politique de la peur) que pola súa importancia reproducimos traducido ao galego.

A política do medo

Edwy Plenel

O caso Mohamed Merah é un fracaso para os que están no poder. Fracaso tanto da súa política securitaria como da súa política a secas: a primeira, impotente para previr a deriva dun desequilibrado coñecido dos seus servicios policiais; a segunda, incapaz de mobilizar as alertas das diversas admnistracións que se cruzaron con el. Máis esencialmente, é un fracaso desta política do medo que distingue o sarkosismo, na que virulencia angustiosa enmascara a fonda ineficacia.
Nin rir nin chorar, senón comprender. Enunciada por Baruch Spinoza, esta esixencia é a da razón. A do espírito das luces e do humanismo do Renacemento. A dun pensamento que non cede ás paixóns tristes da xenreira e da violencia. Fronte a actos terroríficos coma os de Mohamed Merah que, a priori, nos parecen incomprensíbeis de tanto que firen a nosa humanidade, comprender non significa evidentemente excusar, senón aprender para facer de xeito que isto non se reproduza. Aprender para previr. Aprender, mesmo sobre a humanidade do home.
O sarkosismo non o entende así. O presidente-candidato e o seu partido, a UMP, soñan con darlle vacacións á democracia e, con ela, á intelixencia. Nada de preguntas inquietantes, nada de reflexións estimulantes, nada de debates úteis, nada de críticas construtivas. Nada máis co silenzo xeral cunha soa voz autorizada, a do poder, dun poder reducido á súa esencia policial. Lonxe dunha decencia debida ás familias das vítimas, a suspensión momentánea da campaña electoral móstrase como unha estratexia politicastra: facrelles calar aos opositores. A tal punto que, nunha montaxe de video que se torna contra o seu propósito, o partido presidencial xulga indecentes as declaracións, porén sagaces, reflesivas e pausadas de François Bayrou, François Hollande, Eva Joly e Jean-Luc Mélenchon sobre as ensinanzas das matanzas de Toulouse e Montauban.
Contra a razón que reflexiona de maneira desapaixoada, Nicolás Sarkozy prefere o desatino do Estado que non parou de cultivar xogando coas paixóns, explotando as emocións, usando rexistros do exceso e do irracional. Así, o xoves 22 de marzo en Estrasburgo, deuse présa en debuxar unha barbarie que nos sería extranxeira, un “monstro”, asestou antes de prohibir todo comentario, a xeito dun tabú moral: “Buscarlle a máis pequena excusa sería unha falla moral imperdonábel. Por en causa a sociedade, sinalar co dedo a Francia, a política, as institucións, é indigno”. Xa que logo, non faría falta facer ningunha pregunta sobre o clima de tensión que alimentaron ideoloxías potencialmente asasinas que separan os homes, as humanidades, as súas relixións e civilizacións? Nin sobre unha sociedade francesa maltratada, desgarrada e dividida, alterada pola inxustiza, a exclusión e a indeferenza ata deixar sen socorro nenos perdidos, desorientados pola súa desesperanza?
Estes grandes molinetes en forma de prohibidos de Nicolás Sarkozy acompáñanse con propostas tan liberticidas como irrealistas. Fronte á deriva criminal dun so –esta “autorradicalización salafista atípica” que resume o itineario do asasino, segundo o fiscal da República–, o presidente-candidato nun dubida en designar como chivos espiatorios a circulación das ideas e a dos homes. Facendo caso omiso dos principios constitucionais fundamentais que garanten a liberdade de pensamento e de expresión, propón que se castigue penalmente “a consulta de sitios de Internet que chamen á xenreira e á violencia”, así como “toda persoa que se dirixa ao estranxeiro para seguir alí traballos de adotrinamento en ideoloxías que leven ao terrorismo”. Se estas propostas se cconcretasen, significaría o nacemento dunha lexislación de excepción que criminalizaría as opinións xulgadas perigosas polo poder.
O caso Merah, unha cascada de fallos e de erros
Pero esta fuxida cara adiante, enlouquecida e precipitada, tapa mal un inmenso obstáculo. Tanto como dicir claramente que, por precaución xestora ou prudencia electoral, os responsábeis políticos non se atreven a dicir demasiado outo o que pensan polo baixiño: de cabo a rabo, esta historia dramática é un inmenso fiasco. Un fiasco sen etiqueta política que implica a varias administracións, servizos, profesións, oficios –todo este tecido de responsabilidades e de competencias que, cando funcionan de xeito harmonioso, fan ter de pé a sociedade protexéndoa e dándolle seguridade. Pero un fiasco particularmente abrumador para quen, despois de dez anos e o seu nomeamento en 2002 para o Ministerio de Interior, pretende encarnar a seguridade dos franceses facendo da “cultura do resultado” o seu principio cardinal.
Cando se recapitulan, as “fallas” espontáneamente evocadas polo ministro de Asuntos Estranxeiros, Alain Juppé, revélanse abismos dos que a fenda deixa colgadas inmensas cuestións. A xeito de resultados efectivos, unha cascada de chapuzas e de fallos, de ocasións perdidas e de alertas vanas. Diante da súa deriva criminal, Mohamed Merah foi logo un cliente moi regular da xustiza dos menores, un delincuente que foi preso varias veces, un suicida hospitalizado e sometido a esperticie por un psiquiatra, un rapaz á deriva que ameazou veciños e veciñas no nome do extremismo relixioso.
Pero tamén foi un turista curioso no Pakistán e en Afganistán, xa que durante estes dous últimos anos, 2010 e 2012, nunha época e en rexións en guerra onde os mochileiros non están na súa sazón. E foi sobre todo un viaxeiro no que repararon as forzas americanas en Afganistán, que o mandaron inmediatamente a Francia; unha remontada terrorista potencial fichada polos servizos antiterroristas internacionais, particularmente americáns, que lle prohibiron voar nas súas compañías e cara o seu destino; en breve, un perfil recargado e sinalado dos que a penas existe máis de algunhas decenas nos ficheiros do autiterrorismo francés concernente aos xoves nacionais que poden bascular cara a acción violenta.
E precisábase aceptar sen debate, sen comisión de investigación independente, sen interpelación pública lexítima, como se se tratase de culpar á mala sorte, que este individuo non estaba vixiado máis de preto? Mesmo cando era marcado e tratado pola DCRI, ese “FBI á francesa” creado en 2007 para profesionalizar a “información interior”, como a entendera de maneira informal un fucionario no outono de 2011? A este fiasco de entrada, o da DCRI, que é o d máis graves consecuencias en tanto que a prevención dos crimes é a máis eficaz das policías, engadiuse un segundo: unha investigación de policía xuidicial que non logrou impedir a matanza na escola xudea de Toulouse, a falta de non ser capaces de explotar máis rapidamente as dúas pistas procedentes do primeiro asasinato, o do 11 de marzo, sempre en Toulouse, un anuncio consultado en Internet e unha scooter da marca Yamaha.
Desgrazadamente, o cruzamento destes dous elementos co perfil de Mohamed Merah non foi levado a cabo ata o martes 20 de marzo, ao día seguinte da matanza antisemita, e daquela o asasino xa tiña sete cadáveres no seu pasivo. Pero é preciso crer que, nesta mala serie policial da que a sociedade francesa pagou os custos, o fracaso debía ser xeral. Porque a final foi a infeliz demostración por unha unidade de élite, o RAID, en teoría especializada na neutralización de furiosos, da súa impotencia en dominar e interpelar vivo un so individuo cuxo armamento non daba tanto o peso. Con esta información última que aínda fai máis desorde: a autopsia do corpo de Mohamed Merah mostrou que estaba cribado polas balas, a pesar do chaleco antibalas que levaba, con vintedous impactos sobre os brazos e as pernas, sen contar o tiro mortal na cabeza.
Politización e privatización da Policía Nacional
Nun tal encadeamento de disfuncionamentos en cascada, a explicación para a suposta incompetencia individual dos policías implicados non se sostén. Demasiados servizos implicados, demasiados oficios diferentes, demasiadas especialidades requeridas. Hai que buscar, sobre todo, a carón da mezcla dos xéneros entre policía e política, cuxos efectos sempre son desastrosos, logrando debilitar, desgastar e obstaculizar  o profesionalismo dos mellores. Porque durante uns longos dez anos Nicolás Sarkozy fixo da policía nacional o seu dominio privado, adulando os seus responsábeis, promovendo os seus fieis, impoñendo unha concepción case pretoriana da institución, como se fose unha cousa súa, o seu escudo, o seu viveiro de peixes. Ata o punto de prantarse el mesmo, durante a crise tolosana, como ministro de Interior dende o pazo do Elíseo mentres que o ministro en exericicio era promovido a xefe de investigación no terreo, para gran dano da xustiza, tanto dos seus principios como dos seus homes, e, máis esencialmente, da separación dos poderes.
Dende a súa elección á presidencia, os seus dous principais fieis, Brice Hortefeux do 2009 ao 2011, logo Claude Guéant dende 2011, foron nomeados á cabeza do Ministerio de Interior. O director xeral da Policía Nacional, Frédéric Péchenard, é un amigo da infancia do xefe do Estado. Bernard Squarcini, o patrón da DCRI, creada de novo pola fusión dos RG e da DST e colocada ao abrigo do segredo de defensa, é un policía de Renseignements généraux que ligou a súa carreira a unha familiariedade manifesta con Nicolás Sarkozy. Baixo esta presidencia, varios altos responsábeis policiais chegaron a prefectos da República en recompensa pola súa vasallaxe, de La Seine-Saint-Denis a L’Isère pasando pola zona de defensa de París. Entre eles, un dos antigos xefes do RAID, unidade mimada polo ex alcalde de Neuilly dende unha toma de reféns nunha maternal cuxo autor, que se fixo coñecer polo alcume de “Human Bomb”, foi matado polos policías canda o asalto.
Totalmente fóra de norma e sen precedente, a xestión elisiana das matanzas de Montauban e Toulouse mostrou sen disimulos a política que inspirou este presidente e a sistemática toma de control da institución policial. Politización e privatización son os dous resortes. Unha xerarquía policial sometida a un executivo reducido soamente á presidencia da República, dócil e servicial sen distancia nin reserva. Unha imbricación nefasta das comepetencias profesionais e dos cálculos políticos, mezcla dos xéneros que produce invevitabelmente xa sexan retrasos ou fracasos, sexan transgresións ilexítimas, é dicir, ilegais, como no caso da espionaxe policial a xornalistas do caso Bettencourt para coñecer as súas fontes. Dito en breve, a politización sobre a que a Policía Nacional tivo moitas dificultades e lle custou un montón de tempo para conxurala nos anos 1980, logo dos anos do post 1968 e da época de Raymond Marcellin, está de volta outra vez.
Quen o dubidaría despois da posta en marcha de Claude Guéant, e de el so, sobre a pista do criminal en Toulouse, o ministro do Interior e brazo dereito do xefe do Estado eclipsante, con desprezo do código de procedemento penal, a autoridade xudicial, non só a súa presenza senón a lexitimidade? Quen o dubidaría aínda vendo os patróns da DCRI(en Le monde) e do RAID (en Le Figaro) saltar á palestra do concerto co aval e o sostemento do seu ministro para tentar xustificar os seus fracasos (previr o crime, interpelar o criminal) nunha operación de comunicación que a penas sofre a contradicción? En toda democracia adulta –é o caso especialmente de Gran Bretaña– unha investigación independente sería levada a cabo para estabrecer as responsabilidades a fin de remediar as disfuncións aparecidas. No canto da cultura do resultado tan alabada por Nicolás Sarkozy, xa ten ela sancionado por fallos ben menores altos funcionarios que non estiveron ao nivel das previsións presidenciais.
Polo tanto, debemos crer que estes responsábeis policiais son responsábeis por si mesmos. Sen dúbida porque máis aló da súa vasallaxe, eles son os eslabóns dun dispositivo que debe velar pola política do medo coa que o sarkosismo fixo o seu fondo de comercio dende o retorno ministerial do seu heroe no 2002. “Tede medo, e eu ocúpome do resto”: esta política aposta sobre a inseguridade máis do que a remedia. Axítaa, mantena, utilízaa, explótaa, excítaa, etc. Todo o contrario dunha política de concordia nacional e de seguridade pública, aquela que resume esta antigua denominación republicana dos policías de base en uniforme: gardas da paz. A política do medo é angustiosa porque esta angustia déixalle o campo libre. É virulenta porque esta violencia fornécelle os seus pretextos. E non para de agardar a súa ocasión, crise, crime, suceso, atentado, etc. para adestrar a opinión nun remuíño de desvaríos autoritarios e de regresións democráticas.
Pero o que mostra a secuencia tolosana arredor do caso Merah é que esta política é fundamentalmente ineficaz. Os medos que non para de axitar vólvense contra ela, e revélase incapaz de protexer a sociedade dos seus impactos, estragos e desgarramentos.  Así é preciso desexalo, a poucas semanas dunha elección decisiva na que a alternancia necesaria  e a alternativa desexábel están en xogo, que esta demostración abra o seu camiño en toda a sociedade francesa. Para rematar co medo e coa política que aposta sobre o medo, esta política eminentemente perigosa porque non resolve nava e agrávao todo. E para tomar o tempo de apaciguar a sociedade francesa, reconcliliándoa con ela mesma, é dicir, cos seus, de todas as idades, de todas as condicións, de todos os lugares, de todas as orixes.
Erguer a Francia, isto sería o que lle devolvería a dignidade e a altura, a confianza e a serenidade, a solidariedade e a xenerosidade. É preciso engadir que esta ambición é a da República radicalmente democrática e social?

jueves, marzo 22, 2012

Un novo 11 de setembro?

Todo o que acaba de acontecer en Francia traerá sen dúbida importantes consecuencias para a convivencia dos franceses e non só para a deles. A inmediata reacción de Nicolás Sarkozy, case minutos despois de que Mohamed Merah fose abatido en Toulouse, anunciando que se van perseguir penalmente os que visiten páxinas de Internet que fagan propaganda da violencia terrorista ou as persoas que regresen de zonas quentes nas que se viabilice esa violencia, fan temer que se pode desatar en Europa unha reacción semellante á que conlevaron os atentados do 11 de setembro de 2002 nos Estados Unidos.
Está por ver cal vai ser a influenza dos denigrantes actos de violencia salvaxe cometidos por Merah e mesmo o tratamento policial e político que se lle deu ao seu caso nas moi próximas elecións presidenciais, pero está máis claro ca auga que a Francia de antes destes feitos xa non é a mesma ca de agora. En realidade hai moito tempo que a nación de Robespierre e de Rousseau empezou a perder parte das señas de identidade que lle otorgou a Revolución de 1789. Os sucesos de Toulouse e de Montauban seguramente van acelerar a decadencia dos valores revolucionarios daquela época. Moito me temo que nos espera unha nova andanada do fundamentalismo securitario que tratará de impoñerse por riba dos elementais dereitos indivividuais. Oxalá que me equivoque.

jueves, marzo 15, 2012

Precísase un Coppola galego

Só faltaba un representante da administración de xustiza para que o elenco do empresario corrupto-corruptor Xurxo Dorribo fose completo. Agora xa está non punto de mira nada menos ca o presidente da Audiencia Provincial de Lugo, Xosé Antón Varela Agrelo. Segundo publica hoxe o xornal El Mundo, as xuízas luguesas Estela San José e Pilar Lara están procesando información que lles facilitou Dorribo acerca de que o presidente da Audiencia de Lugo recibiu donacións económicas do presidente de Laboratorios Nupel, e mesmo podería ter algo que ver con asuntos relacionados cos negocios de prostitución investigados pola Operación Carioca.
Horas antes de aparecer esta información no xornal madrileño, o maxistrado Varela Agrelo presentou unha denuncia contra o principal imputado pola Operación Campeón, Xurxo Dorribo, por un presunto delito de extorsión. Segundo o denunciante, Dorribo fíxolle saber que lle esixía diñeiro a cambio de non declarar na súa contra. Polo que parece, maxistrado e empresario coñecérose e tratáronse persoalmente a través do club Acción & Classe. Dorribo mesmo lle puido manifestar á xuíza Estela San José que o maxistrado lle mostrou interese en formar parte dunha empresa eólica que o empresario estaba montando tamén co ex conselleiro e ex deputado nacionalista Fernando Blanco e co ex ministro Xosé Blanco. Curiosamente, toda esta información non aparece reflexada en ningún dos xornais galegos que, porén, coincidiron en salientar a denuncia do maxistrado contra Dorribo.
Paralelamente, o xornal dixital Galicia Confidencial está dando a coñecer os abultados tomos do sumario da Operación Campeón, que non teñen desperdizo. Repasar os os case 30.000 folios resultado da instrucción da xuíza Estela San José chama poderosamente a atención polo grado de implicación que tiveron un feixe de altos funcionarios da Xunta presidida por Núñez Feijóo para favorecer supostamente o burdo entramado empresarial que montou Xurxo Dorribo para beneficiarse de subvencións e créditos oficiais que serviron, entre outras cousas, para comprar casas, iates e carros de luxo. Tal lectura ben podería inspirar o guión dunha boa película sobre a corrupción política e empresarial de Galicia e as súas relacións mesmo co narcotráfico. Agora que se cumpren os corenta anos da magnífica The Godfather de Francis Ford Coppola, o que falta por saber é se en Galicia xa hai tamén un Vito Corleone.

lunes, marzo 12, 2012

De Los Soprano a Los Soplapollas

Deu no cravo totalmente Manuel Rivas cando escribiu esta fin de semana en El País que “imos de Los Soprano a Los Soplapollas”. Ademais de todo o que el comenta no seu artigo acerca do corrupto e corruptor empresario Dorribo, abonda con mirar de esguello o que está pasando polo país adiante para decatarse de que nin o santo milagreiro da miña terra, o San Pedro Fiz, ha ser quen de salvarnos da sicilianización mexicana na que nos meteron a degradación moral e política padecida no últimos anos, a insufríbel codicia empresarial e –tamén hai que dicilo– a molicie acomodaticia dunha sociedade que nin soubo nin lle petou responder a tempo ao estacazo que lle caeu enriba das costas. Nunca tanto coma agora sería preciso un Castelao que nos lembrara que mexan por nós e dicimos que chove.
Galicia, neste sentido, é un auténtico xogo de espellos que deforman a realidade ata convertila no esperpento que sería quen de sorprender ao propio Valle Inclán. Os 230 carros de luxo e os dazaseis iates ou os colmillos de elefante de Dorribo, o fato de políticos de todas as cores que entran e saen dos xulgados, o sexto posto mundial entre as grandes fortunas de Amancio Ortega, a pirámide de Guiza do Gaiás, os incendios do Courel, a morte do idioma galego envelenado polo soplapollismo que non é só coruñesista e polos herdeiros inetelectuais de Millán Astray, a economía da fariña e do hachís, por non dicir toda a economía sumerxida e mesmo a simbiótica, o feísmo desarquitecturado, a ínvasión da costa, o patrimonio usurpado polo ditador que nos tivo debaixo da súa bota cuarenta anos ou o patrimonio que non soubo gardar a Igrexa (Codice Calixtinus e altri)... De todo isto, o que é máis e o que é menos galego? Que cousa é a máis real ou a máis ficticia? Non serán todas verdade e mentira ao mesmo tempo? Se cadra son todas a mesma cousa e o único que non somos, nin estamos nin se nos agarda para nada somos os que sentimos a autentica náusea sartriana polo que está a acontecer no país para o que Cunqueiro agoirou mil primaveras e o destino lle está a deparar mil invernos sen chuvia. En fin, a invención de pesadelos, o ollo Panóptico que nos lembrou Rivas.

jueves, febrero 23, 2012

Rajoy e os neutrinos

Mire vostede por onde algúns experimentos do Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN), estou a referirme ao Ópera, poden parecerse algo á política económica e social de Mariano Rajoy.
Hai pouco tempo, o CERN deu a coñecer un resultado moi sorprendente do Opera. Logo de lanzar gavelas de partículas subatómicas, neutrinos, dende Xenebra ata o laboratorio italiano do Gran Sasso, a 730 quilómetros de distancia, chegou á conclusión de que os neutrinos chegan 60 nanosegundos antes ca luz ao seu destino. Tales resultados controverterían a famosa e ata agora aceptada universalmente teoría da relatividade formulada por Albert Einstein, que estabrece que non hai nada que poda viaxar máis rápido ca luz.
Agora resulta que ao CERN parece que lle pasou coma eses electricistas que van vellos e ven mal, e rematan enchufando o postivo onde había que colocar o negativo. Alguén enchufou mal o cable de fibra óptica que conecta o reloxio central do experimento co GPS exterior. Ademais, houbo un erro na frecuencia do oscilador do cronómetro interno do experimento. En resume, que Eistein aínda non ten que resucitar de susto na súa sepultura.
O que lle pasa a Rajoy aínda é moito máis sorprendente. Anuncia en campaña electoral que non vai abaratar o despido laboral nin tocar as pensións, por non dicir moitas cousas máis que prometeu e que agora non cumpre, e logo pon en marcha unha reforma que nos leva por diante ata os pensionistas porque eu, por exemplo, a partir de febreiro, en vez de cobrar máis o igual polo menos, vou recibir 22,26 euros menos, segundo me acaba de comunicar por carta a directora xeral do Instituto Nacional da Seguridade Social, María Euxenia Martín Mendizábal, (por certo, antes estes sustos metíanse escribíndonos en castelán e en galego, agora xa só lles serve “el idioma del imperio”).
En fin, que nin o CERN de Xenebra conseguiu aínda superar a Einstein nin Mariano Rajoy vai camiño de superar o progreso. Maís ben todo o contrario, diríxise a pasos axigantados a unha involución social e política que, como diría un italiano, nos pode guindar nunha “storia buia”. Se cadra un grego, polo menos Theodorakis, aínda utilizaban unha expresión máis dura.

miércoles, febrero 22, 2012

Theodorakis pronunciouse sobre a crise grega

Mikis Theodorakis, compositor e político grego que xa cumpriu 87 anos, proclamou a súa posición sobre o que está a pasar en Grecia acusando a Alemania, a Francia e ao Fondo Monetario Internacional de estaren levando a cabo unha auténtica ocupación do país helénico. O home que loitou na resistencia contra o nazismo e que se convertiu en figura internacional da música polas súas composicións para películas como Zorba, o grego, Estado de sistio, etc. ou que foi deputado e ministro do seu país, volve á actualidade política cando Europa enteira e especialmente Grecia están sacudidas pola crise.

Manifesto de resistencia civil

Mikis Theodorakis

Hai unha conspiración internacional que ten o obxectivo de eliminar o meu país. Iniciouse en 1975, opoñéndose á civilización neogreca, continuou cunha distorsión sistemática da nosa historia e da nosa identidade cultural contemporánea e agora está tratando de acabar co nós, mesmo fisicamente, co desemprego, a fame e a miseria.
Se o pobo grego non toma as cousas da súa man para evitalo, o perigo da desaparición de Grecia é real. Eu calculo que pode pasar isto nos próximos dez anos. De nós só ficará a lembranza da nosa civilización e das nosas batallas pola liberdade. Ata o ano 2009, o problema económico non era grave. As grandes feridas da nosa economía eran os esaxerados gastos de defensa do país e a corrupción dunha parte dos políticos e dos xornalistas. Porén, destas dúas feridas tamén foron corresponsábeis países estranxeiros como Alemania, Francia, Reino Unido e Estados Unidos, que gañaron miles de millóns de euros connosco coa venda anual de material bélico. Esta hemorraxia continua púxonos de xeonllos e non no permitiu medrar mentres que ofrecía grandes riquezas aos países estranxeiros. Pasou igual co problema da corrupción.
A empresa alemá Siemens mantiña un departamento que se ocupaba da corrupción dos nosos políticos coa finalidade de colocar mellor os seus produtos no mercado grego. En consecuencia, o pobo grego foi vítima deste dúo de ladróns, os gregos e os alemáns, que se enriqueceron ás súas costas.
É evidente que estas feridas puideron ser evitadas se os dous partidos que estiveron no poder (filoamericanos) non acolleran nas súsa fileiras elementos corruptos que, para tapar a hemorraxia de riqueza (produto do traballo do pobo grego) cara as caixas dos países estranxeiros, subscribiron préstamos esaxerados co resultado de que o débito público aumentou ata preto de 300.000 millóns de euros, isto é, o 130 por cento do PIB.
Con este sistema, as forzas estranxeiras que mencionei anteriormente gañaron o duplo. Pola venda de armas e dos seus produtos, primeiro, e polas taxas de intereses dos capitais prestados a varios gobernos (e non ao pobo), despois. Porque, como xa nos decatamos, o pobo é a vítima principal en ámbolos dous casos. Abonda un só exemplo para convencernos. As taxas de interese dun préstamo de 1.000 millóns de dólares, contraído por Andreas Papandreu en 1986 con Francia, convertírono en 54.000 millóns de euros e foron fnalmente saldados no 2010. O señor Juncker dixo hai un ano que se decatou de que esta gran hemorraxia de diñeiro de Grecia era a causa dos enormes (e obrigatorios) gastos pola compra de varios armamentos a Alemania e a Francia. Decatábase de que os nosos vendedores levábannos directamente a unha catástrofe segura, pero confesaba publicamente que non reaccionou nin minimamente para non afectar aos seus países amigos.
No 2008, produciuse a gran crise económica en Europa. Era normal que tamén se resentise a economía grega. O nivel de vida, abondo alto (estabamos entre os 30 países máis ricos do mundo), mantívose sen cambios. Houbo, porén, un crecemeno da deuda pública. Pero a deuda pública non leva obrigatoriamente á crise económica. As deudas do grandes países, como Estados Unidos ou Alemania, cóntanse en 3.000 millóns de euros. O problema era o crecemento económico e a producción. Por ste motivo contratáronse préstamos da gran banca con taxas por debaixo do cinco por cento. Nesta exacta posición atopabámonos no 2009, ata que en novembro Georges Papandreu se convertiu en primeiro ministro. Para entender o que eu coido que hoxe pensa o pobo grego da súa catastrófica política abonda con estes dous números: o Partido Socialista acadou o 44 por cento dos votos nas eleccións do 2009, hoxe as enquisas danlle o seis por cento.
Papandreu podería enfrontar a crise económica (que reflexaba a europea) con préstamos de bancos estranxeiros á taxa habitual, é dicir, por debaixo do cinco por cento. Se fixese iso, non habería ningún problema para o noso país. De feito, pasaría o contrario porque estabamos nunha fase de crecemento económico. Papandreu, porén, comenzara o seu complot contra o seu pobo dende o verán do 2009, cando se reuniu en segredo con Strauss-Kahn para poñer a Grecia baixo o paraugas do Fondo Monetario Internacional (FMI). A noticia desta reunión foi dada a coñecer directamente pola presidencia do FMI.
Para pasar o control do FMI era preciso distorsionar a realidade económica do noso país e permitir a elevación da taxas de interese dos préstamos. Esta operación mesquiña deu comenzo co aumento “falso” do débito interno, do 9,2 por cento ao 15 por cento. Por esta operación criminal o fiscal Peponis pediu hai vinte días o reenvío a xuízo de Papandreu e de Papakost Antinou (ministro de Economía). A continuación, a campaña sistemática en Europa de Papandreu e do ministro de Economía, que durou cinco meses, para convencer aos europeos de que Grecia era un Titanic a piques de irse ao fondo, que os gregos son corruptos, vagos e, polo tanto, incapaces de enfrontar os problemas do país. Logo de cada unha das súas declaracións, as taxas de interese subiron ata o punto de non poder conseguirse ningún préstamo e, por conseguinte, o Fondo Monetario Internacional e a Banca Central Europea tomaron a forma de seren os nosos salvadores cando en realidade foi o comenzo da nosa morte.
En maio de 2010 firmouse, por un solo ministro, o famoso primeiro acordo de salvamento. O dereito grego, nestes casos, esixe para un acordo tan importante o voto favorábel de polo menos tres quintas partes do Parlamento. Aquel primeiro acordo é, polo tanto, ilegal. A troika que hoxe goberna Grecia actúa de modo completamente ilegal. Non só dende o Dereito grego senón tamén do europeo.
Dende aquel momento ata hoxe, se os pasos que nos levan á nosa morte son 20, xa andamos máis da metade. Imaxinemos que con este segundo acordo, para a nosa “salvación”, ofrecemos a estes señores a nosa integridade nacional e os nosos bens públicos. Isto é, portos, arroportos, autoestradas, electricidade, auga, riqueza mineral, etc., etc., etc., e, ademais, os nosos monumentos nacionais como a Acrópole, Delfl, Oimpia, Epidauro, etc. porque con este acordo renunciamos a calquera recurso.
A producción parouse, a desocupación saltou ao 20 por cento, pecharon 80.000 negocios, milleiros de pequenas fábricas e centos de industrias. En total pecharon 432.000 empresas. Decenas de miles de xóvenes graduados marcharon do país, que cada día se sumerxe máis nunha escuridade medieval. Milleiros de cidadáns ex benestantes buscan comida nos contedores de lixo e durmen na rúa. Mentres tanto dísenos que estamos vivos grazas á xenerosidade dos nosos “salvadores”, de Europa, da Banca e do Fondo Monetario Internacional. En realidade, todos os miles de millóns de axuda destinados a Grecia só chegan onda nós en forma de novas e increíbeis taxas de interese.
E, dado que é necesario seguir facendo que funcionen o Estado, os hospitais, as escolas, etc., a troika carga con super taxas (absolutamente novas) os estractos máis débiles da sociedade e lévaos directamente á fame. Unha análoga situación de fame xeralizada tivémola no inicio da ocupación nazi de 1941, con 300.000 mortos en seis meses. Agora volvemos a ver a mesma situación. Se se pensa que a ocupación nazi custou un millón de mortos e a destrucción total do noso país, como é posíbel que os gregos aceptemos a ameaza da señora Merkel e a intención dos alemáns de instalar un novo Gauleiter, e esta vez de gravata?
Para demostrar como é de rica Grecia e canto traballan os gregos, que son conscientes da obrigación de liberdade e do amor pola propia patria, aí está o exemplo de como reaxiron á ocupación nazi dende 1941 ata outubro de 1944. Cando as SS e a fame mataban un millón de persoas e a Vermacht destruía sistematicamente o pais, roubando a producción agrícola e o ouro da banca grega, os gregos fundaron o movemento de solidariedade nacional que lle deu comida á poboación e creou un exército de 100.000 partisanos que obrigaron aos alemáns a estar presentes de maneira continua con 200.000 soldados. Ao mesmo tempo, os gregos non só conseguiron sobrevivir grazas ao seu propio traballo senón que desenvolveron a arte neo greca, sobre todo a literatura e a música, baixo condicións de ocupación.
Grecia escolleu a vía do sacrificio pola liberdade e a sobrevivencia. Daquela golpeáronnos sen razón e respondemos coa solidariedade e a resistenciza, e fomos quen de vencer. A mesma cousa é a que temos que facer tamén agora coa certeza de que o vencedor final será o pobo grego. Mándolle esta mensaxe á señora Merkel e ao señor Schäuble, decraraando que que eu son sempre amigo do pobo alemán e admirador da súa gran contribución á ciencia, á filosofía, a arte e sobre todo á música. Quizais a mellor demostración de todo isto é que todo o meu traballo musical, a nivel mundial, confieillo a dous grandes editores alemáns, Schott e Breitkopf, cos que teño unha óptima colaboración.
Ameázannos con botarnos fóra de Europa, pero se Europa non nos quere unha volta nós a esta Europa de Merkel e Sarkozy non a queremos dez voltas.
Hoxe é domingo 12 de febreiro. Estoume preparando para participar con Manolis Glezos, o heroe que sacou a esvástica da Acrópole, dando así o sinal para o comenzo non só da resistencia grega senón da europea contra Hitler. As rúas e as nosas prazas énchense de centos de miles de cidadáns que experimentan a súa propia carraxe contra o goberno e a troika. Oín onte o noso primeiro ministro-banqueiro, revolvéndose contra o pobo grego, dicir que “chegamos á hora cero”. Quen nos levou, porén, á hora cero en dous anos? As mesmas persoas que, en vez de estaren na cadea, chantaxean os deputados para asinar o novo acordo, pior co primeiro, que será aplicado polas mesmas persoas cos mesmos métodos que nos conduciron á hora cero. Por que? Porque isto é o que mandan facer o Fondo Monetario Internacional e o Eurogrup, chantaxeándonos con que, se non obedecemos, será a quebra.
Estamos asistindo ao teatro da paranoia. Todos estes señores que substancialmente nos odian (gregos e estranxeiros) e que son os únicos responsábeis da situación dramática á que conduciron o país, ameázannos, chantaxénnos, dannos ordes co único propósito de de continuar a súa obra destrutiva, é dicir, levarnos á hora cero ata a nosa desaparición definitiva.
Sobrevivimos durante séculos en condicións moi difíciles e é certo que se se nos ocupa pola forza, con violencia, no derradeiro instante antes da nosa morte, os gregos non só sobreviviremos senón que renaceremos. Neste momento presto todas as miñas forzas á unión dinámica do pobo grego. Estou tentando convencelo de que a troika e o FMI non son unha rúa de sentido único. Tamén hai outras soluccións. Hai que ollar incluso para Rusia para unha colaboración económica, para explotar as nosas riquezas mineiras en condicións diversas e a favor dos nosos intereses.
No tocante a Europa propoño que se interrompa a adquisición de armamentos en Fancia e Alemnia. E debemos facer todo o posíbel para recibir o noso diñeiro que Almania aínda non pagou dende o período da guerra. Tal suma é agora de case 500.000 millóns.
A única forza que pode lograr estes cambios revolucionarios é o pobo grego unido nunha enorme fronte de resistenza e solidariedade para botar a troika (FMI e Banca) do país. Mentres tanto débese considerar a anulación de todos os acordos ilegais (préstamos, taxas de interese, impostos, vendas do país, etc.) e, naturalmente, os seus colaboradores gregos, que xa son condenados pola conciencia popular como traidores, deben ser castigados.
Etsou dedicando todas as miñas enerxías á unión de todo o pobo, e creo que finalmente imos conseguila. Eu fixen a guerra coas armas na man contra a ocupación nazi. Coñecín os sotos da Gestapo. Fun condenado a morte polos alemáns e estou vivo de milagre. En 1967 fundei o PAM, a primeira organización de resistenza contra os coroneis. Actuei na ilegalidade contra ditadura. Fun arrestado e encadeado no “matadoiro” da ditadura. Finalmente sobrevivín e aínda estou aquí.
Hoxe teño 87 anos e é moi probábel que non chegue a ver a salvación da miña amada patria. Pero morrerei coa miña conciencia tranquila porque continuo dando a miña batalla polos ideais da liberdade e do dereito ata a fin.

(Traducción: Perfecto Conde)

jueves, febrero 16, 2012

En Italia queren que tamén pague a Igrexa

O primeiro ministro italiano, Mario Monti, acaba de comunicarlle por carta ao vicepresidente do Consello Europeo e comisario para a Competencia, o español Joaquín Almunia, a súa proposta de enmendar a lei de Imposta comunale sugli immobili (ICI), equivalente ao noso Imposto sobre Bens Comunais (IBI), para que a Igrexa Católica pague polos inmobles nos que se desenvolven actividades comerciais. Polo que se ve, Monti, un tecnócrata, non fai coma Rajoy, que ata agora só carga a crise sobre os de sempre.
A proposta italiana limita a exención vixente ata agora aos inmobles nos que e desenvolva exclusivamente unha actividade que non sexa comercial e prevé a derogación das normas que regulan a exención para os inmobles que non teñan actividade comercial exclusiva senón somentes prevalente. A exención verase limitada a parte dos inmobles destinada a unha actividade de natureza non comercial. Introducirase un mecanismo de declaración vencellado a directivas rigurosas estabrecidas polo Ministerio de Economía e Finanzas sobre a individualización da relación proporcional entre actividade comercial e non comercial exercida dentro de un mesmo inmoble.
Con estas medidas o Goberno italiano calcula que pode recaudar entre 500 e 600 millóns de euros destinados á financiación dos municipios. De entrada, as reaccions da Conferencia Episcopal Italiana e das distintas organizacións políticas están sendo moi prudentes sobre este asunto. Só un pequeno grupo de deputados da dereita puxo de manifesto que o propósito do Goberno “sacou á tona a habitual regurxitación anticlerical”.
De cantos millóns de euros estariamos falando se se aplicasen estas medidas en España? Canto tería que pagar a Igrexa Católica só en Santiago de Compostela?

miércoles, febrero 15, 2012

A calarse

“Ahora cantaremos doce y nos quedamos todos quietos” (Pablo Neruda dixit), pero non creo que Pilar de Borbón, irmá do Rei de España, teña o poeta chileno entre os seus autores de cabeceira. O que si ten é un acendrado espírito de mandar calar á xente, que parece virlle de familia pois o seu recentísimo “¡A callarse!”, pronunciado na inauguración do XXVI Rastrillo Benéfico de Nuevo Futuro, en Sevilla, parece calcadiño daquel insolente “¿Por qué no te callas?” que lle lanzou o seu real irmán ao presidente de Venezuela Hugo Chávez. Tejero repetiu a mesma expresión varias veces cando tentou pasar á historia secuestrando a punta de metralleta a democracia o 23 de febreiro de 1981. Vaia coa carraxe de dona Pilar, que é polo menos tan longa como o seu nome de pía: Pilar Alfonsa Juan Victoria Luisa Ignacia de Todos los Santos de Borbón y Borbón-Dos Sicilias.
En fin, que “ahora cantaré hasta doce y tú te callas y me voy" (outra vez Neruda dixit), ou se cadra, mellor aínda “A callarse ranas, que va predicar el sapo”, como dixo o Anónimo.

jueves, enero 05, 2012

Compañero del alma, compañero

Hoxe madrugou cedo a madrugada, coma canda Ramón Sijé. Un manotazo duro, un golpe xeado, un machetazo invisíbel e homicida, un empuxón brutal derrubouno. Compañero del alma, compañero, como lle chamaría Miguel Hernández (obrigado e chapeau ao amigo que destapou o lapsus). Morreunos Isaac Díaz Pardo alimentando choivas, caracois e órganos da dor sen instrumento.
Agora si que ficamos definitivamente orfos. Fóisenos o máis grande dos históricos que nos quedaban. De Isaac dixen hai pouco que me parecía o noso Steve Jobs, e, agora que se foi co norteamericano poboar as paisaxes inmorrentes da memoria, engado que Díaz Pardo era o Roi Xordo que os da súa Fusquenlla botaron do castelo. Algún día hase saber quen foron os Xudas e cales as moedas que traizoaron o corazón e a saúde de quen foi para min o galego máis importante do século pasado.
Isaac Díaz Pardo nunca morrerá na nosa memoria.

martes, diciembre 20, 2011

O Pícaro de Zumárraga

Pois vai resultar que Ignacio Urdangarín é todo un compendio da vella e nunca oxidada picaresca española. Se nacese entre o Renacemento e o Barroco entraría sen dúbida no Século de Ouro das letras españolas e sería un personaxe de Mateo Alemán, Quevedo ou López de Úbeda. A novela correspondente quizais se podería chamar O Pícaro de Zumárraga, O Lazarillo da Zarzuela ou A vida do Buscón Principesco.
A última que se lle acaba de saber é que está xordo como unha tapia, pero oe todo o que hai que oír cando lle convén. Para librarse de cumprir o servizo militar obrigatorio que lle correspondía, conseguiu que o vocal médico do Centro Provincial de Recrutamento de Barcelona lle diagnoticase unha hipoacusia (disminución da percepción auditiva) bilateral o 11 de xaneiro de 1993, diagnóstico que lle serviu para que, dous anos máis tarde, o 27 de febreiro de 1995, fose declarado “exento do servizo militar por padecer enfermedade ou limitación física ou psíquica”. No seu caso, concretamente por “1I01 xordeira completa”.
Non ten desperdizo a nota coa que, dende o Hospital Militar de Barcelona, se remitiu a un “Mi respetado y querido Coronel” a historia do mozo Ignacio Urdangarín Liebaert. No seu apartado 3º dise o seguinte: “El informe de 11-1-93 fue de Ex. temporal, pues el perfil audiométrico no era suficiente para una exclusión total, pero tampoco para la aptitud”. E no párrafo que segue a continuación lese isto: “El informe de 27-2-95 fue de exclusión total pues sensiblemente había empeorado su audición. Quizás hubo algo de exageración, pues hasta los sordomudos exageran.
Todo isto non o supera ni O Lazarillo de Tormes.

viernes, diciembre 16, 2011

A inocencia de Blanco

Por fin e definitivamente a min convenceume Xosé Blanco da súa inocencia dicindo que “se quixera facer algo obsceno, fóra da lei, citaríao (ao empresario Dorribo) no meu despacho. Que lugar pode haber máis indicado para facer gandulerías administrativas, deixarse subornar ou practicar todo tipo de trapalladas? Véxase senón a experiencia que estamos vendo traslucir do xuízo que lles segue a Camps et altri en Valencia.
Para iso están os despachos dos ministros e dos demais altos cargos, e non as gasolineiras, templos sacros estabrecidos para a relación humana espiritual, como todo o mundo sabe. Eu nunca parei nunha gasolineira que non fose para rezar o rosario de paso que estiraba as pernas, e endexamais vin neses inocentísimos lugares a ninguén que tivese máis ca pinta característica dos que nunca matan unha mosca nin son quen de asaltarlle a faltriqueira a unha vella. Ou sexa, xente como o inminente ex ministro de Fomento e o empresario Dorribo.
Con argumentos así vai ser, efectivamente, imposíbel que ningún xuíz poda facer máis nada que darlle o premio da Santísima Inocencia Inmaculada a don Pepiño Blanco.

jueves, diciembre 15, 2011

José Manuel Rey, campeador de Feijóo

Mio Cid José Manuel Rey polo Parlamento entrove.
en súa compaña trintaoto pendones;
exien lo ver mugieres e varones,
burgeses e burgesas por las finiestras sone,
de las súas bocas todos dizían una razóne:
Dios, que buen vassallo se oviese buen señore!

viernes, diciembre 09, 2011

Telemática de corredoira

Hai entidades bancarias para as que aínda non chegou o século XXI por moito que teñan directivos pagados a prezo de ouro. As vantaxes da informática e da telemática son para estes especuladores da crise e da globalización só unnha ferramenta mal usda ou empregada interesadamente.
Poño un exemplo. O mércores 7 de decembro, despois de ler o comunicado da Consellería de Cultura dicindo que se poñían a venda novas entradas para asistir ao espectáculo do Circo do Sol en Santiago, a través de ServiCaixa (de La Caixa), procedín rapidamente a adquirir dúas desas entradas para a sesión das 17:30 do venres 9 de decembro.
Primeira obsolescencia: as entradas adquiridas non se poden imprimir directamente. Para facelo hai que acudir a un terminal de ServiCaixa. O que teño máis preto da miña casa está na avenida da Mahía, 84 de Bertamiráns. O día seguinte é festivo. Entro no caixeiro da citada sucursal de La Caixa e oh, sorpresa! carece de impresora para despachar entradas a pesar de que ao seu carón figura un moi visible cartel que anuncia a súa venda.
Agardo, pois, ao día seguinte e acudo a que me resolvan o asunto os empregados da oficina. Na fileira teño catro persoas diante de min e hai unha soa empregada despachando asuntos correntes. A outra persoa que está na oficina mantén unha distendida conversación cunha parella sobre os actualísimos avatares da posición de Alemania encol da crise económica. Cando me atenden dinme que teño que ir a Santiago para recoller as entradas. Menos mal que o día anterior non lle fixen caso ao letreiro que había no caixeiro automático recomendando as alternativas de Negreira e do Milladoiro.
Ao empregado que me atendeu pareceulle todo do máis normal. “As entradas non son para un espectáculo que ten lugar en Santiago, pois logo?”, foi toda a explicación que soubo ou quixo darme. A min só se me ocurriu responderlle que o seu banco me parecía do século pasado.
Resumen: que botei man de Internet para evitar as colas do Multiusos Fontes do Sar e rematei indo a Bertamirán dúas veces e a Santiago unha. Tiven que pagar case dous euros de aparcadoiro en Santiago e traballei gratis para La Caixa durante máis de catro horas repartidas en tres días. Isto é a telemática de La Caixa en Galicia. Menos mal que eu non vivo en Fisterra ou no Courel. Sabe todo isto a Consellería de Cultura cando impón como canal de venda de entradas o de ServiCaixa?
A min esas máis de catro horas de traballo non mas pagou La Caixa, pero saben canto me cobrou esta entidade financeira catalá por venderme dúas entradas? Entre Serviticket, S.A. e ServiCaixa, que se ocupan da distribución do produto, 11,02 maís 1.98 euros de Ive, ou sexa, un total de 13 euros. Vantaxes da telemática, segundo La Caixa.
Estou tentado de escribirlle unha carta ao director xeral de La Caixa, que creo que se chama Juan María Nin, que se gaña tantos cartos como gañaba Xosé Luis Méndez en Caixagalicia seguramente lle chega a paga para comprar un sobre e responderme.

lunes, diciembre 05, 2011

Tecnocracia con corazón

Encolle o corazón observar o comportamento da ministra italiana de Traballo, Elsa Fornero, cando tivo que explicar, en roda de prensa, a reforma das pensións que acababa de acordar o goberno de Monti. Non foi quen de rematar o pronunciamento da palabra sacrificio e púxose a chorar com unha Magdalena.
En principio, as imaxes, que están percorrendo o mundo, mostran unha muller sensíbel e probabelmente solidaria na que mandou máis o corazón ca cabeza no momento de enfrontar publicamente unha realidade que sen dúbida non lle gusta, porque senón non se poñería a chorar. Se cadra pode un preguntarse por que apoia, entón, un goberno tecnócrático que pon en marcha esas medidas impopulares. Acaso non sería máis lóxico impedilas e mesmo dimitir?A señora Fornero é, ela mesma, unha tecnócrata, pero móstrase coma unha tecnócrta que aínda lle late un corazón que lle fai chorar en público. Para min, a súa escea é unha verdadeira mostra de que hai momentos nos que unha imaxe segue valendo motísimo máis que mil palabras. As bágoas de Elsa Fornero reconcilian algo a tecnocracia coa condición humana. Algo é algo.

miércoles, noviembre 30, 2011

Oscar Wilde segue sen pene

“Cando Oscar Wilde morreu en Paris, en 1900, estaba sen un penny”, segundo reza o comunicado da celebración do 111 cabodano da súa morte, que tivo lugar hoxe no cemtiterio Père-Lachaise de Paris. O xornal Libération rexouba con isto dicindo que “maintenat il est sans un pénis, ce qui n’est pas terrible non plus” (agora está sen un pene, o que tampouco é terríbel). Refírese a que o anxo asirio que adorna a súa tumba foi desprovisto do pene orixinal co que fou esculpido polo artista Jacob Epstein.
A realidade é que o autor do Retrato de Dorian Gray estaba sen un can cando finou na capital francesa en 1900. Os amigos pagáronlle daquela un enterro de sexta clase en Bagneux, e logo compraron unha concesión no famoso camposanto parisino de Père-Lachaise cando os seus libros comenzaron a venderse máis. Precisamente coa doazón de 2.000 exemplares deses libros puideron encargarlle ao escultor Jacob Epstein a execución dumba tumba apropiada que, no ano 1912, foi moi aclamada pola prensa inglesa, pero cando o artista foi ao cemiterio para darlle o derradeiro toque atopouna cuberta por unha lona negra e vixiada pola policía. O gobernador e o director da Escola de Belas Artes, alarmados polos órganos sexuais do anxo asirio da sepultura, fixérona tapar con escaiola e pedíronlle a Epstein que puxera unha folla de vide tapando aquelas vergonzas. O escultor negouse, e a tumba seguiu tapada ata 1914. O caso é que agora nin ten folla de vide nin sexo nin escaiola, e é un absoluto misterio a data de cando lle foron arrincadas eses elementos.
Sobre este particular correron os rumores máis diversos que van dende que serviu para facer tremendas bacanais, que a folla de viña foi retirada por estudiantes rebeldes no 1913 ou que foi unha muller a que lle rompeu os collóns ao anxo cun paraugas nos primeiros anos sesenta. Esta muller despois tiraría o pene nun corredor do cemiterio, onde foi recollido por un empregado que llo entregou ao director do camposanto, que o utilizou de pisa papeis no seu escritorio.
O famoso anxo eunuco e a tumba de Oscar Wilde sobreviviron así, con algunha pintada, ata o ano 1999, no que empezaron a aparecer sobre o monumento funerario pegadas cada vez máis abondantes dos bicos que moitos visitantes foron depositando sobre as pedras. As grasas e outros produtos utilizados nos cosméticos utilizados como pintalabios foron empapando a pedra e deixando sobre ela pegadas indelébeis. En cada limpeza que se facía houbo que utilizar produtos que foron gastando a pedra e volvéndoa máis porosa, polo que, co gallo da celebración do 111 aniversario da morte de Wilde, o goberno de Irlanda sufragou unha última limpeza da tumba, monumento histórico dende 1997, e mandou colocarlle unha protección de vidro para impedir que continúen os célebres bicos.
Hoxe precisamente, conmemorouse ese aniversario a as reformas da tumba de Oscar Wilde. Merlin Holland, o único neto do famoso escritor irlandés, decidiu que non se lle restituira o pene ao anxo asirio, argumentando que esta carencia case fantasmática do órgano sexual do que foi desposeído xa forma parte da historia do monumento. Se cadra ninguén pode volver a facerlle unha foto coma que lle fixen eu na miña última visita ao Père-Lachaise á tumba de Oscar Wilde (reproducida arriba á esquerda).

lunes, noviembre 21, 2011

Todopoderoso Rajoy

Falaron as urnas e pronunciáronse moi claramente. En realidade todo sucedeu como estaba previsto. O raro sería que acontecese todo o contrario. Cun Zapatero que no foi quen nin de por no seu sitio a Xosé Blanco, cun Rubalcaba ao que dificilmente se lle podía acreditar a súa repentina reconversión á socialdemocracia e, sobre todo, cun electorado extremadamente canso de que lle contaran mentiras, as eleccións do 20N só podían ter o resultado que tiveron: entregarlle todo o poder a unha dereita á que lle fixo Zapatero todo o traballo sucio e sen cobrarlle un can. Ou sexa, gratis.
Fáltanos agora saber como vai administrar toda esta bicoca Mariano Rajoy, o político que máis poder concentrou en si mesmo e no seu partido dende que vivimos en democracia. Como din que facían os esquíos de antano, que podían atravesar a pensínsula de sur a norte e de este a oeste saltando de árvore en árvore e sen saírse dos feudos da Casa de Alba, a Mariano Rajoy estalle permitido viaxar por todas as Españas –menos Cataluña e Euskadi– sendo sabedor de que vai pisando terras políticas da súa propiedade. Case coma un conde medieval.
Aos que pensamos que unha España gobernada por unha dereita todopoderosa só pode levarnos a algunha forma de neofranquismo oculto e vergonzante, só nos queda reconfortarnos cos éxitos extraordinarios de Esquerda Unida e de Amaiur, ou coa resistencia que foron quen de soster Convergència i Uniò (CiU) e o Partido Nacionalista Vasco (PNV). Mágoa que o BNG, aínda conservando os dous deputados que xa tiña, se mostrase incapaz de recoller algo da moita fariña que caeu da fornada do PSOE.

martes, noviembre 15, 2011

Demencia e bilingüismo

Santiago Lamas é un prestixioso psiquiatra galego que, aínda que só sexa por ser o autor do magnífico libro Galicia borrosa, ten gañado de sobra un dos mellores postos entre as mentes máis lúcidas de Galicia. Onte leu a información de Croques sobre que as persoas bilingües son máis rápidas e eficientes tomando decisións cas que son só monolingües. Rapidamente fíxome chegar un anaco do seu novo libro Fíos, que está a piques de ser publicado. Complementa de xeito extraordinario a investigación que deu a coñecer un equipo de expertos das universidades de Milán, Londres, Barcelona e Hong Kong. Di o seguinte:
Un dato curioso: as investigacións de científicos cognitivos afirman que non hai un bilingüismo perfecto, cousa que é coñecida polos sociolingüistas. Aínda que os nenos medren nun contorno igualitariamente bilingüe, seica escollen sempre unha das linguas como lingua nai, aínda que dominen sen acento as dúas e as empreguen en todos os contextos sociais e culturais. Ademais dos datos tirados da conduta lingüística, sábese tamén, porque os estudos con resonancia magnética funcional o comprobaron que, malia solapárense nagulhas áreas, a lingua nai emprega circuitos diferentes aos da outra lingua, e acontece o mesmo coa escritura, que activa áreas diferentes segundo se lea na lingua nai ou na adquirida serodiamente. Outra cousa curiosa, que aínda ten de ser comprobada e replicada por outros estudos, ten que ver coa demencia e o bilingüísmo. Un estudo feito en Canadá, hai tres anos, sobre unha mostra de 184 pacientes con demencia, dos que o 51 por cento eran bilingües, revelou que o inicio da doenza producíase nos bilingües catro anos máis tarde que nos monolingües. Algo tamén curioso era que, unha vez iniciado o deterioro cognitivo, a evolución era a mesma para os dous grupos. É dicir, o bilingüísmo retrasa catro anos o inicio da demencia, mais non frea a evolución una vez iniciado o deterioro. Un estudo hoxe en fase inicial de recollida de datos, do que é o investigador principal o psiquiatra Alexandre García Caballero, estase facendo en Galicia para confirmar ou refutar os resultados do estudo canadense e o papel que poida ter a proximidade ou distancia entre as linguas faladas , así como outros factores que puidesen influir no estudo canadense que non foron considerados. Claro que se trata de bilingües, coido eu, no sentido de Monteagudo, é dicir, xentes que falan de xeito correcto as dúas linguas e non unha lingua e un castrapo.

domingo, noviembre 13, 2011

Os bilingües son máis eficientes e máis rápidos

O cerebro dos bilingües coma nós, os galegos, pode resolver con maior rapidez e con menor esforzo as situacións conflitivas. É unha vantaxe da capacidade cognitiva que non ten nada que ver coa linguaxe. Esta é a principal conclusión da investigación que dirixiu Jubin Abutalebi, pofesor de neuropsicoloxía da Universidade Vita San Raffaele de Milán, en colaboracións coas universidades de Londres, Barcelona e Hong Kong. O xornal italiano La Republica ofreceu hoxe unha extensa información sobre este estudio.
As persoas bilingües mostran maior creatividade, máis flexibilidade, máis capacidade de concentración e máis confianza en si mesmas. Dominar o máis pronto posíbel un segundo idioma conleva vantaxe en diversos ámbitos culturais e cognitivos. Os bilingúes entenden antes ca os monolingües o que é unha elección correcta e unha situación de conflito. O bilingüismo axuda a tomar decisións críticas con rapidez e con menos recursos.
Isto ocurre, por exemplo, cando se trata de decidir se hai que parar ou pasar un semáforo estando a luz verde a piques de porse vermella, ou cando hai que tirar a porta ou pasar un balón nun partido de fútbol entre amigos. Son decisións que teñen unha consecuencia inmediata e un prazo de realización moi curto. No estudio Cerebral Cortex 1, levado a cabo na citada universidade italiana, os investigadores descubriron que as persoas bilingúes son quen de decidir antes o que hai que facer. E fanno, ademais, con máis eficacia e con menos esforzo.
Os investigadores compararon dous grupos. Un bilingüe dende o nacemento (italiano e alemán) da zona do sur do Tirol. E outro monolingüe. Ámbolos dous de idades, educación e socioeconomía semellantes. Os seu comportamentos no canto das tareas cognitivas analizáronse medindo a actividade do cerebro con técnicas avanzadas de imaxe de resoancia magnética funcional e de neuroimaxe, co resultado de que os “suxeitos bilingües teñen máis materia gris na corteza cingulada anterior, unha área fundamental para o seguimento das nosas accións”, segundo explica o doctor Abutalebi, primeiro responsábel da investigación.
Tamén hai unha correlación positiva entre os resultados na resolución dun conflito cognitivo e o grosor da materia gris na corteza cingulada anterior. O bilingüismo inflúe sobre o cerebro dende o nacemento e durante o crecemento e optimiza as tareas necesarias para tomar decisións rápidas e eficientes. “Os suxeitos bilingües son máis rápidos cando teñen que tomar decisións críticas, aínda que activen moito menos o cerebro”, sostén Abutalebi. De feito, a investigación levada a cabo polo seu equipo demostra, a través da función da resoancia, que os bilingües precisan menos ca os monolingües impregnar a corteza cingulada anterior para tomar decisións.
Máis rápidos, máis eficientes e con menos esforzos. Os investigadores especulan con que estas vantaxes dos bilingües radican no hábito de distinguir dende a infancia entre dous idiomas para evitar confusións, unha habilidade que os nenos en xeral aprenden a partir dos tres anos. Para este proceso utilízanse as mesmas estruturas neurais que interveñen na toma de decisións rápidas. O seu uso, polo tanto, dende o nacemento, tería dúas vantaxes: un maior desenvolvemento anatómico e a menor necesiadade de apremiar o cerebro mesmo nas decisións que non teñen nada que ver coa linguaxe.
Para gozar destas vantaxes non é imprescindíbel ser bilingüe dende que se empeza falar. “Atópanse tamén igualmente se a segunda lingua se aprende máis tarde, durante a pubertade”, segundo injdica o doctor Abutalebi.
A ver se se poñen a aprender galego dunha vez todos eses señoritos que aínda se negan a falar máis lingua ca do imperio. Aínda que só fose para comportárense mellor diante dun semáforo.