viernes, julio 18, 2008

Adolfo Suárez

Impresiona hoxe ler en El País e observar a fotografía da visita que lle fixo onte o Rei ao ex presidente do Goberno de España Adolfo Suárez. O xefe do Estado quixo visitalo na súa residencia para entregarlle persoalmente o Colar da Insigne Orde do Toisón de Ouro, a máis alta distición que concede a Casa Real e que foi fundada, en Bruxas (Bélxica) o ano 1429, por Felipe o Bo, duque de Borgoña.
Digo que impresiona porque nos pon diante dos ollos e do corazón a metáfora dramática dos que padecen a temíbel doenza do Alzheimer. Eu son dos que gardamos na memoria a imaxe dun Adolfo Suárez entrañábel e listo como un allo do que os que tivemos o privilexio de tratalo algo sempre agardamos que remataría a súa vida escribindo as grandes memorias da transición democrática española. Sabiamos que ía facelas se non fose porque unha das piores doenzas do noso tempo retirouno da consciencia real das cousas e dos feitos.
Por iso nos fai arrepíar o ontemplar a foto do Rei abrazando ao político que máis e mellor contribuíu a que hoxe vivamos como vivimos, camiñando os dous de costas ao fótógrafo, que é un dos propios fillos ed Suárez. Esta é unha das veces nas que unha imaxe pode valer máis de mil palabras.