lunes, julio 07, 2008

De Arnoia a Cortegada



De Arnoia a Cortegada, sen sair de Ourense, a penas hai unha carreriña de can, pero esta fin de semana eu alonguei a camiñata algo máis. Comecei o sábado na Abadía de Arnoia, corazón do Ribeiro, e rematei o domingo na illa de Cortegada, pulmón da ría de Arousa.
Acudín ao primeiro lugar seguindo a chamada que nos fixeron aos irmandiños do viño galego Giuseppe Paussatta, ditto “Ubérrimo”, e Nemesio Barxa para recibirmos na Irmandade dos Vinhos Galegos dous novos defensores dos nosos caldos. Un deles, o xeneral angolano Sindio Kamavo, que será agora o noso embaixador nas terras de Agostinho Neto, a quen por certo coñeceu ben o novo irmandiño.
Na Arnoia probamos tintos da Torna dos Pasás, Viña do Campo, XL Coto de Gomariz e Vilerma, e brancos Colección Costeira Clásico, Sameirás, Primacía e Casal de Arnau. Tamén demos conta de magníficos pementos do lugar, sen dúbida dos mellores do mundo, entoamos algún cántico e renovamos as nosas promesas de amizade eterna.
O domingo, logo dunha opípara comida en Vilaxoán, Xavier Babé, capitán de longo curso, como lle diría Jorge Amado, levounos a Alexandro Diéguez e a min, a bordo da planeadora Porto Piolho á illa de Cortegada. Nunca aló chegara eu, e que marabilla me estaba perdendo. Tocar as paredes ruinosas do que algún día foi unha preciosa aldea de pescadores, observar as rodeirras dos carros e percibir o cheiro dos loreiros foi unha experiencia inesquencíbel.