martes, julio 01, 2008

Óscar Pereiro e Roberto Verino xogan no mesmo equipo


Non acabo de saír do meu asombro. Dous amigos polos que sinto auténtico aprezo persoal, o ciclista Óscar Pereiro e o modisto Roberto Verino, caeron no erro de expor os seus nomes ao pim-pam-pum da polémica lingüística e atrévome a pensar que aínda han rematar pagando algo pola súa fazaña. Refírome a que acaban de aparecer firmando o polémico manifesto promovido polo xornal dereitista El Mundo para defender a língua española.
Con Óscar aínda pasei parte dunha tarde hai poucos días en Vigo, para facerlle unha entrevista que aparecerá proximamente na revista Galegos, e precisamente queixábaseme o ciclista de Mos de que os políticos “cada vez que hai un evento importante e poden sacar unha foto contigo, non dubidan en chamarte”. Non sei aínda por que, pero teño o presentimento de que Pereiro picou nun deses cantos de serea que lle entoaron os sacristáns do nacionalismo españolista coma quen esvara torpemente nunha casca de plátano.
No tocante a Verino hai tempo que non falo con el e non sei exactamente como respira política e culturalmente. Dinme que o viron nun mitin do BNG no seu Verín natal cando foron as municipais pasadas, pero tampouco sei se é certo ou non. O que sei seguro é que tanto el como Óscar Pereiro son galegofalantes e ambos mostraron, ata agora, un exquisito respecto por todas as manifestacións da culura galega e da súa lingua propia. Sorpréndeme, polo tanto, que os dous aparecesen apoiando un manifesto no que se pide, entre outras cousas, que a única lingua obrigatoria de calquera habitante de España sexa a língua de Cervantes, medio de expresión que me resulta absolutamente respectábel e querido persoalmente, entre outras cousas porque me servíu para gañar o pan que comín a maior parte da miña vida profesional, pero que non é o único que hai nin ten por que gozar de ningunha forma de monopolio oficial.
Deséxollles a estes dous amigos que non lles pase como ao gran poeta Antonio Gamoneda ou ao mal cantante Ramoncín, que tamén apareceron apoiando a mesma trela e tiveron que matizar a súa inclusión na lista promovida polo filósofo centralista Fernando Savater case de maneira inmediata. Cada un é moi libre de firmar o que lle peta, pero tamén aos demais nos acompaña a liberdade de criticalos. E, insisto, son e agardo seguir sendo amigo destes dous persoeiros galegos a quen lles reitero a miña estima e respecto persoais.
Coincide todo isto, ademais, con dúas cousas que non carecen de importancia. A primeira é que os autores intelectuais desta reacción a favor do idioma español non son un feixe de chiquilicuatres. Detrás do manifesto están Savater e outros piares dunha opción política partidaria e de sobra coñecida pola súa aversión case obsesiva ás normalizacións lingüísticas periféricas. Non deberían Óscar Pereiro e Roberto Verino sorprenderse demasiado se os máis comprometidos coa normalización do idioma galego lles reprochan agora a súa actitude. Os dous son personaxes públicos e, como tales, han responder dos seus criterios.
Empezo xa a ver polo ciberespacio peticións demasiado precipitadas de boicot aos produtos comerciais que explota Verino e á figura deportiva de Pereiro. Algúns comentarios xa lle botan á cara ao de Mos a súa gañanza do Tour ou que padeza dificultades respiratorias que lle obriguen a tomar Ventolin. Non me alegro de ler tales comentarios nin compartirei nunca o seu criterio, pero xa se sabe que o que vai ás troitas remata sempre co cú mollado.
A segunda coincidencia que lles dicía radica na eclosión de españolismo a que está dando lugar a merecidísima vitoria da Selección Española de Fútbol. Empeza un a escoitar e a ler comentarios que non lía nin escoitaba dende hai moito tempo. Algúns, auténticos mimetismos do franquismo puro e duro. Fútbol e política andiveron antes e andan agora demasiado levados da man e isto non vai ser bo nin para unha cousa nin para a outra. E conste que este criterio vale tanto para o nacionalismo centralista como para calquera dos outros que campean pola periferia española. Os nacionalismos autodenominados “liberadores” tamén teñen a súa dose de culpa en todo canto acontece, pero isto xa é fariña doutro costal e, se cadra, me ocuparei dela un día calquera neste blog.
Quero rematar salientando tamén outro acontecemento que se produciu á beira de toda esta mêlée. Todo un catedrático da Universidade de Santiago, Roberto Blanco Valdés, bicoulle o anelo de cardeal ao seu poncio-editor, Santiago Rey, e reverenciou o seu banqueiro do Vaticano, Xosé Luís Méndez, en presenza de militares e políticos da corrección política estatal, con tal de presentar nesta nova sociedade que está tentando despertar a toque de clarín dun neoespañolismo o seu libro La aflicción de los patriotas, un volume que recolle artigos publicados polo autor en La Voz de Galicia e que seguramente han ser moitos máis os que falen del que os que o lean.
Deben ser cousas do fútbol. Nin Franco lle tirou tanto partido ao gol de Marcelino.

21 comentarios:

Anónimo dijo...

De acordo co que di no artigo sr Perfecto mais Gamoneda non é un gran poeta...nin de lonxe...

Anónimo dijo...

Deixémolo polo menos en poeta, home. Eu era por caerlle ben a Zapatero.

Anónimo dijo...

A Don Perfeuto debeuselle esquecer redirixir o que di da matización de Gamoneda á páxina do El Pais na que foi publicafa. Aquí está:

www.elpais.com/articulo/opinion/Manifiesto/razonable/elpepuopi/20080630elpepiopi_10/Tes

Tamén indico a dirección na que outro modisto, Adolfo Domínguez, ezpresa a súa opinión sobre o galego. Ben diferente, por certo, á que mostra Verino:

www.elpais.com/articulo/Galicia/volviese/nacer/seria/fisico/elpepuespgal/20070723elpgal_9/Tes

De nada.

Anónimo dijo...

Pois eu tamén aporto outra pista para aclarar este asunto. A resposta de Ramoncín a El Mundo. Consultar na seguinte dirección:

www. elplural.com/politica/detail.php?id=22483

Igualmente de nada.

Anónimo dijo...

É certo que Verino acudiu como estrela invitada ao mitin do BNG de Verín, o que dalgún xeito é amosar algunha simpatía. Pero é modisto e fabrica chaquetas, non?

Anónimo dijo...

E logo foi por esquecemento ou por que o comentarista deixou de lado o comportamento similar que tivo a cantante "gallega" Luz Casal?

Anónimo dijo...

Por esquecemento non, porque acordar, acordeime dela, pero coido que é un caso menos significativo. A Luz Casal, en realidade, non se lle coñece ningún significado galeguista. Quizais entra na súa lóxica apoiar o célebre Manifesto monolingüista. A min rechináronme máis os casos de Pereiro e Verino.

Anónimo dijo...

Pois a min o que fai certa gracia é a postura de don Fernando Savater, que non é o pai de Leticia Sabater, senón un filósofo que:
1. Era anarquista de mozo e de non tan mozo. "Anarquista moderado" seica poñía a súa ficha policial cando Franco dirixía os destinos e desatinos de Ocidente.
2. Despois foi siareiro de ETA. Qué artigos publicaba Savater en "El País" de Cebrián!
3. Máis tarde foi un tipo próximo ao PSOE que en agradecemento permitiulle estrear unha obra de teatro e converterse en brilante estrela da dramaturxia.
4. Agora Savater é "intelectual orgánico" do partido de Rosa de España e promove un manifesto españolista para levantar con subvención unha nova casa común para extraviados de centro, dereita e esquerda.
Hai persoas que envellecen mal, que non lles senta ben iso de cargar con anos e máis anos. Pois que tomen exemplo do noso Perfecto, que está como un touro.
Savater e Miguel Cancio, por poñer un exemplo enxebre de fácil regurxitación, son mostras de que no tramo final da vida, ai, un pode chochear a cachón sen que lle internen nun frenopático.

Luisfoz dijo...

Home, eu si que gostaria de que Verino e (sobretudo) Pereiro recuassem e se arrependem-se de terem caído nessa imunda trapela.

Anónimo dijo...

Visto o que se ve, propoño que os da progresía, polo menos,volvamos a vestir todos de Adolfo Domínguez. Nunca tivo unha mala palabra para as cousas galegas e, no tocante a galego falar, ata se mostrou algo lusista nunha entrevista en "El País".
Que Roberto Verino volva para París. A ver se lle dan traballo alí outra vez. E que lle compren a súa roupa os de Madrid, Valadolid e Sevilla. E ao figurín Óscar Peral que lle aplaudan os de Villanueva de la Serena.

Anónimo dijo...

É que Adolfo é o noso Adolfo. Nin Zara, nin Verino, nin Purificación García nin hostias.

Anónimo dijo...

Sigamos a liña marcada neste blog.
Nen compremos a Puri, nen a Verino... nen teñamos os cartos en Caixa Galicia, que ten un boss que tontea co émulo galego de Savater; tampoco gastemos papel (qué acerto, Perfecto, con esta cousa dixital!) porque Elnosa-Celulosa emporca a ría de Pontevedra; FENOSA, que non é nosa (estaba claro hai anos) non merece que paguemos a enerxía que nos serve; desprezemos á Real Academia Galega por dicer que isto é Galicia e non Galiza, patria pequena de Suso de Toro porque a grande Patria é PRISANOSTRA.
E así até a victoria final.

Anónimo dijo...

Só un apunte para este último Anónimo. Podo compartir e comparto a súa retranca, pero non acerto ben a comprender cara a que lado do mundo vira a súa singradura. E respóndolle persoalmente só por invocar vostede o meu nome. Coido que vostede dá por supostos demasiados puntos de partida dos demais e non nos mostra nada que nos permita adiviñar o porto no que vostede arría áncora. Porque, realmente, iso de repartir estopa co de Prisanostra pódelle ser un tópico tan grande como se eu lle respondo co de do home que lle gustaba que lle mexaran enriba. En fin, cuestión de tribus máis ou menos urbanas ás que eu non pertenzo nin penso pertenecer nunca. Que lle aproveite.

Anónimo dijo...

E, para rematar, o que se podía esperar, que Óscar Pereiro ratifica o seu erro persoal. Nunha entrevista que e pode ler en Vieiros (www.vieiros.com/nova/67602/non-rdtou-de-acordo-con-que-nos-colexios-sexa-obrigatorio-o-uso-do-galego) o ciclista de Mos persiste en sostenella e despreza o emendalla. Un caso máis de obscena negación do que un mesmo é.
É unha pena, pero seguramente é o que hai. Agora si que cómprefalar de colonizados. Estes, coma Pereiro e coma Verino, non son os do champú. Son os da colonia. E o grave é que cheiran qu apestan.

Anónimo dijo...

Estou a ver que a gran maioria dos comentarios sobre Pereiro tanto aquí como en vieiros, etc, son unha mezcla de dolor e pena porque moita xente aprecia a Pereiro e eso nótase. É como cando un rapaz nega ós seus e estes que o queren séntense doidos pero non o destrozan, sinten pena.
Tu quoque, Pereiro, filii mei!

Anónimo dijo...

Eu, posta a facer latinazos, máis ben preguntaríalle:
Quosque tandem, Pereiro, abutere patientia nostra?

Anónimo dijo...

Ata que me pete. Pasa algho?

Perfecto Conde dijo...

Por se non o lestes, transcríbovos o artigo que publiou Fernán Vello sobre este tema no xornal Galicia-Hoxe:

Galegos contra o galego
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO

Estamos asistindo estes últimos días á visualización de algo que, por outra banda, xa era coñecido ou sabido, mais que cobra nestes momentos un valor que abala entre a sorpresa, o asombro -nunca cesa este- e, finalmente, de xeito irremediábel, a tristura. Hai cidadáns galegos -prominentes cidadáns, diría o outro- que están contra o o galego, contra o "idioma propio" (Estatuto de Autonomía de 1981) de Galicia. E son estes, así debemos pensalo en primeira instancia, cidadáns conscientes, informados, desinhibidos: algúns deles mesmo artistas ou creadores culturais. Julio Camba -xa me teño referido a el nas páxinas deste Caderno- dicía, por exemplo, que "a todos los españoles suele indignarnos mucho el que los catalanes hablen catalán". E a pregunta que xorde, inmediata, é a seguinte: ¿Era este señor demócrata, intelixente, culto, humanista? ¿Por que expresaba semellante opinión? Saiban disimular. Porque Julio Camba era galego (naceu en Vilanova de Arousa) e non dubidou no seu día -nun artigo titulado Para hacer versos, comprar pescado y hablarles a las gallinas, a los pájaros y a los aldeanos- en escribir o seguinte: "El gallego, que es un idioma dulce, armonioso y abundante en vocales, no sirve para la vida ni para la literatura. (...) Pero, ¿como va a tener nadie la pretensión, no ya de escribir una obra filosófica, sino de hacer en gallego un artículo político o una crónica periodística". Xa ven o que opinaba o autor de Aventuras de una peseta. Mais así, deste xeito -outravolta o asombro-, séguese a opinar -introdúzanse todos os matices que sexan pertinentes- hoxe. E por parte de galegos e galegas prominentes. O galego só serve -sincérense, por favor- para lles falar ás galiñas, aos paxaros e aos aldeáns. E, iso si, todo o amor, as máximas declaracións de amor -¡que estraño amor este, deuses!-, para esa lingua doce e harmoniosa, suave e melosiña. Estar na actualidade contra o galego sendo cidadáns galegos é, ademais de antiético, fondamente antiestético. E ten mesto recendo a infamia.

Anónimo dijo...

Aquí despoltricar contra o galego ou calquera cousa asociada ao galego sae moi barato. Socialmente, ninguén cho afea, polo menos o suficiente para facercho pensar dúas veces.E así, calquera bota a língua a pacer si é para por a parir un medio en galego, un partido galego...pero non se atreven coa mesmasaña cun medio español-parlante ou un partido español-dependente.Un complexo metido ben fondo, até o tuétano.
Pereiro é (era) admirado por moitos de nós pola súa condición de galego. Como ciclista, podo admirar máis a Cadel evans, que é australiano.Pero atrévese, alegremente, (enganado, despistado, ou como se queira) a asinar algo sobre o seu idioma, algo que o denigra. Seguro que os eus contratos os lé con máis detenimento.O do galego dá igual, como dixen antes, sae barato cagar por el.
Pois, por pena que me dé o caso, que apande co feito, ou que rectifique.E abofé que o efecto "manifesto" hao notar, e hálle pesar.Respeto para o noso idioma (falémolo ou non), respeto para nós mesmos, coño!

Anónimo dijo...

O Pereiro aínda anda sudando a camisa no Tour, pero o tal Verino ¿onde é que está? Facendo caixa, supoño.

Anónimo dijo...

steph curry shoes
kobe byrant shoes
goyard outlet
supreme new york
bape