lunes, julio 14, 2008

Identity galega




Publica hoxe El País (edición Galicia) que “o coche fantástico galego non arranca”. O que non explica é se non arranca por fantástico ou por galego. Cómpre pensar que debe ser pola primeira razón. ¿Como vai arrancar se non existe? O chamado Identity é unha máis das nosas cousas que só nos serven para argallar e para facernos pensar que somos case tan listos como o Mago Merlín.
Seguramente, Xosé Ramón Fernández Franquiera, o mozo de Carballo que paríu a idea de fabricar na súa vila estes bólidos para clientes que pagasen con petrodólares ou indíxenas que fixesen as compras en narcoeuros, nunca leu a Cunqueiro, pero demostrou que podía emular a imaxinación do escritor de Mondoñedo aplicando as neuronas na industria automovilística. Lembro que, hai dous anos, fíxenlle unha entrevista que me encargou A Nosa Terra e, sentado con el no café Derby de Santiago, rematei sen saber se tiña diante un visionario ou alguén con morro suficiente para levantar da Xunta algunha desas subvenciós que tanto lles gusta aos gobernantes otorgar cando lles falan de sumar a cuarta e a novena letras do alfabeto. No tocante a iso de I+D+I, eu ás veces pregúntome se non haberá quen pensa que quere dicir interese desacougante pola ignorancia.
Arsenio, o camareiro amigo meu dende os felices anos setenta, que nos oíu falar do tal bólido, preguntoume ao rematar se non encargaba xa “un Identity deses cos que podes ir presumindo pescar troitas á Pontenova”. Eu rinme, e díxenlle que o estaba pensando, pero en realidade o asunto non volveu á miña cabeza ata que hoxe lin o que publica Julián Rodríguez . “Nada queda tampouco –di o xornalista– daquela planta industrial anunciada que ía acompañar a producción do vehículo. Foi tal o éxito que tivo no Salón de Xenebra, naquel 2006, que todas as Admnistracións activaron os seus recursos para apoiar a iniciativa. O Igape aprobou unha liña de subvencións de algo máis dun millón euros; Innovación, case 100.000 euros para I+D, e o Ministerio de Economía, outros 411.000 euros para unha inversión comprometida de 1,3 millóns, Daquela, o Identity sería realidade en dous anos; os seus 500 cabalos de potencia xa deberían estar ruxindo polas estradas galegas”. Segundo informa o xornal citado, as subvencións otorgadas non chegaron a entrar na caixa de Identity Cars Engineering, a empresa promotora do proxecto, que decidíu cambiar “de rumbo nas prioridades" porque se percatou de que había que “concentrar os recursos en I+D”.
O meu mestre Borobó sempre me dicía que Galicia era terra de “inventores de inventos”, e este xenial xornalista mesmo escribíu varias veces sobre estes temas. Se vivise agora, estou seguro de que lle facería gracia o caso de Identity e ata sería capaz de comparalo coa Cidade da Cultura ou co petróleo mareiro de Fraga. Menos mal que o goberno bipartito, que empezou promovendo o “invento” do Identity, agora xa anda no vento dos muíños eólicos. Algo avanzamos.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Arsenio do Derby: un filósofo.

Anónimo dijo...

Pensarían os conselleiros/as que lles ían regalar un coche destes a cada un? E aos que están enparellados cantos lles tocaba? Un ou dous por parella? A Bugalla case seguro que o pedía pintado a cadros negros e vermellos.

Anónimo dijo...

Os Conselleiros non sei qué podían pensar, pero qué pensan vostedes da noticia publicada na edición galega de El País sobre os 2 millós de euros que van receber de clo-cló a patronal galega e mías os tres sindicatos verticais do país, UGT, CIG e CC.OO?.
Curiosamente, nengún medio de desinformación fixo-se eco do feito.
Será unha ocorrencia máis do Goberno de Progreso?
Será unha compra barata de vontades?

Anónimo dijo...

Boas tardes.

Un respecto para o Mago Merlín, que é amigo meu e aínda estiven con el onte á tarde en Mondoñedo.

Inviteino a tomar un helado (hoxe non me dá a gana de poñer xelado...) e non quixo, creo que por culpa dos dentes, que non se lle apegan ben.