viernes, noviembre 27, 2009

Caixafusionismo

O que sei de finanzas cabe no ollo dunha agulla e o que vou aprendendo sobre financeiros chéirame case sempre a chamusco. Que queren que lles diga, a min a figura dos banqueiros aínda me segue parecendo que onde mellor aparece representada é naquel célebre debuxo de Castelao no que un vello con levita aparece muxindo ata o límite o remollo dunha vaca que pode ser Galicia (non atopei ese debuxo, e substituíno polo que fala dos querían ver sempre así a nosa terra).
Se cadra é por iso polo que acostumo navegar abondo ao pairo do que está a acontecer coa promovida fusión, casamento, arrimo ou cópula das dúas caixas de aforros que aínda quedan en Galicia. Seguramente son un tipo moi raro, pero sigo sen decatarme de canto me vai cambiar a vida porque amos da faltriqueira coma Xosé Luís Méndez ou Gayoso rematen durmindo na mesma cama. Nin sequera sinto moita curiosidade por saber algo sobre o pedigree que pode saír desa camada.
Outra cousa sería que me dixeran que estivese en xogo o sistema financeiro que poden representar esas caixas que agora parecen estar en celo. Se se tratase de aproveitar a ocasión para irmos pondo en marcha un sistema de finaciamento diferente do universalmente especulativo dos bancos clásicos, a miña indiferencia trocaríase en emocionada esperanza, pero coido que non estamos viaxando por ese camiño.
A pregunta sería se os políticos actuais, dende o BNG ao PP e pasando polo PSOE, teñen na cabeza algo que poda sustentar a existencia das caixas de aforro como algo alternativo ao que xa veñen ofrecendo os bancos privados. Con caixas de aforros dirixidas por executivos, conselleiros e demais plana maior de pagados mellor que os presidentes de goberno e inmensamente mellor cos que están investigando unha posíbel vacina contra a Sida, nun país no que a renta per capita é a que é, a min pode parecerme indiferente que o me cobre por domiciliar o pago da luz se poda chamar Botín, Francisco González, Méndez ou Gayoso. Ou Mario Conde, se non o obligasen a converterse en eremita nunha aldea da montaña ourensá.
E insisto en que non diría o que estou dicindo se vise que a polémica desenvolvida arredor das caixas fose o que non é. Mentres tanto, que me permitan polo menos seguir pensando que non me abonda con que os que muxen a vaca falen galego. Mesmo preferiría que fosen mudos ou que falasen esperanto con tal de que deisexasen algo de leite e unha pouca de manteiga para os que temos que conformarnos con tomar sempre produtos desnatados.
Ou sexa, que fagan o que queiran. Que se caixafusionen, caixagalicien, caixanovicien ou, mellor aínda, que se canguendiolen. Total, o que non van facer nunca é preguntarnos como nos gustariá a nós que nos encaixaran. Quizais porque lles dá medo pensar en que podiamos responder que a única caixa que nos parece inevitábel é a de táboas de piñeiro. E nin sequera esa dende que o lume se aproveita industrialmente para incinerarnos.

7 comentarios:

Sandra Barboni dijo...

Alfredo Conde volveu ao galego e iso é moi boa nova. Que non están os tempos para restas.

Xaime dijo...

Eu síntome tan despistado neste tema como vostede, Perfecto, e coincido ca súa análise de que sin dúbida o nivel de vida dos galego non se vai a alterar o máis mínimo si se fusionan ou non.
Os políticos dos grandes partidos si que teñen que estar preocupados, xa que si aqui entra outro tabeirón teñen que repartila colleita e os postos, ay os postiños!.

Anónimo dijo...

Eu non entendo de finanzas nin de macroeconomía, só entendo da minieconomía, a que eu coñezo que é a de cobrar mensualmente e cada vez non chega a fin de mes, e mira que voto contas e nin pada dios me saen.
Da macro son eses economistas e financeiros que xogaron coas finanzas como un casino ilegal,e agora o mundo vai en pelotas picadas.
Por iso que o das caixas eles o fan o fixeron e eles o comen, me trae sen coidado todas esas "traquiñuelas" dese golfos. O que si podo dicir (un xuízo de valor) que algo cheira no mundo da banca e caixas, non sei se haberá nestas unións bancarrota e non nolo queren dicir por non alarmar ao persoal.
Ao final de todo o que si entendo ben so as finanzas das que fala Castelao, as da vaca e o banqueiro, carallo que ben se entede.

Anónimo dijo...

Nunca máis voltarei a ollar este blog, se unha persoa non sabe a diferencia entre caixas e bancos é que non pode term oita idea do mundo que o rodea.

Os gaños das caixas son para obra social galega e os dos bancos son para fortunas privadas. Por iso temos que defender a galeguidade das caixas e evitar que desvien a obra social cara outros sitios como fan habitualmente.

Ata nunca.

Anónimo dijo...

Good-bye, wiser than Salomon, goodf-bye.

Anónimo dijo...

O anónimo das 20.17 faría ben en revisar os seus coñecementos; cunha ollada á wikipedia tería suficiente. Ponher caixa de aforros en gugle tamén axuda.
E o Conde volveu ao castelán.

Anónimo dijo...

Para eses que din que non sei diferenciar un banco dunha caixa. Claro que a sei diferenciar, pero para min tanto monta e monta tanto o Sr. Gayoso como Botín, os dous chupan da vaca marela.
A ese anónimo das 20,17. si te vas do blog nada se perde, da a sensación que te cres o ombligo do mundo e tes que ser máis humilde e respectar a todos aqueles que escriben sen ofender a ninguén, parece que queres ser banqueiro, e ao mesmo tempo a túa soberbia non che deixa selo.
A humildade é un ben moi escaso nestes tempos e vostede entra dentro dese saco. Dásme moita mágoa.