Tardou demasiado en poñer as cousas enriba da mesa, pero o Consello da Cultura Galega rematou mostrando que pode servir de algo para resolver o conflito lingüístico no que nos meteu o goberno de Núñez Feijóo. Por fin, na sesión plenaria que tivo lugar o 17 de novembro, a institución que preside Ramón Villares acordou dirixirse ao Parlamento de Galicia propoñéndolle que “promova a constitución dunha Comisión Parlamentaria que, oídas as institucións, colectivos e expertos que considere oportuno convocar (e se así o require, co asesoramento do propio Consello da Cultura Galega), elabore unha proposta de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización Lingüística, proposta que deberá elaborarse nos próximos meses e ter como horizonte de aplicación a presente lexislatura”.
Habería que saber por que unha posición tan determinante coma de agora foi precedida por varios meses de ambigüidade que puideron facer pensar algunha vez en que esta importante institución pública galega non estaba mostrándose á altura do graves acosos que ven padecendo a promoción do idioma máis galego, que non é outro que o propio galego.
As augas, porén, parece que volveron ao curso dunha auténtica defensa do galego coa proposta que deu a coñecer o Consello e que se pode consulta integramente na súa páxina web. Partindo base de que “o debate sobre as linguas en Galicia foise intensificando nos últimos anos e acabou derivando nunha controversia política e social envolveita nunha excesiva virulencia, e polo memos, ao noso entender, seriamente perxudicial para os intereses xerais do país”, e que “o que resulta negativo e ata pernicioso para o clima social, e particularmente para o idioma galego, é que os ditos debates dexeneren en polémicas irracionais, nas cales se chegan a poñer en cuestión as bases sobre as que se sustenta a nosa identidade e cohesión social, e incluso a propia lexitimidade das políticas de promoción do galego”, o CCG non dubida en denunciar que “en concreto, a asociación entre o idioma galego e a imposición, dunha banda, e o idioma castelán e a liberdade, da outra, resulta unha groseira falsificación da realidade que carece de toda base na historia, remota e recente, do noso país”.
Sostén o CCG que “o discurso da acusación e da sospeita constante contra o galego debe ser substituído por unha atmósfera de debate sereno e informado e pola procura de acordos que permitan restablecer unhas bases sólidas desde as que encarar un desafío e un proceso históricos, como é o da recuperación do galego”. E, para que non haxa dúbidas, o informe apunta nunha dirección cando di que “en particular, á Xunta de Galicia corresponde exercer o liderado dese proceso de recuperación e dignificación do idioma galego, como está inequivocamente plasmado nas nosas leis”.
Esta vez o Consello non foi ambiguo. Manifestacións como as de que “en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego”, que “os responsables políticos en xeral e o goberno galego en particular deben impulsar un discurso público en que o idioma galego deixe de formularse en termos de problema e pase a comprenderse en termos de recurso dun activo social”, ou que “o funcionariado e o conxunto das institucións e servizos públicos deben estar suxeitos a especiais obrigas de capacitación e de uso do galego” desbotan calquera dúbida: o Consello da Cultura Galego está onde ten que estar, na defensa do idioma e da cultura que xustifican a súa existencia con cargo aos orzamentos de Galicia.
A bola está agora no campo do Parlamento e no terreo da Xunta. Veremos como xogan este partido, que vai ser definitivo.
6 comentarios:
Falábase o outro día do palanganeiro de Sir Paco Vázquez, César Antonio Molina. Non perdan ao de Feijóo en EL CORREO GALLEGO de onte, domingo, 22 de novembro. O señor Ónega, José Ramón, director da Casa de Galicia de Madrid.
Home, tampouco é para tanto. É lóxico que o subordinado enxabrone un pouco ao "boss", a quen chama crac e outras cousas lindas. ¿É que? A vaquiña polo que vale. Por certo: ¿este Ónega ten que ver con aquel outro, turiferario de Suárez?
Son irmáns. O turiferario é o pequeno.
Gran xornalista, por certo, Fernando, o que dis que espallaba incenso. Que eu non lembro máis ca unha valoración -histórica- positiva.
Do Ónega pequeno nada sei (se non o autorretrato inmisericorde que se fai este domingo en El Correo Gallego). Mais o maior, se non lembro mal, escribía mareando a perdiz, un poco ao estilo Cantinflas;por un lado xa ves e por outro que queres que che diga. E veña incenso. Moito a quen estaba no poder. ¿Nonsi?
Falando de perdices mareadas...
¿Vostedes entenden ao patron do Alakrana?
Publicar un comentario