Agora resulta que cobrar ou pagar contra o erario público por un gasto que non se fixo é unha “disfunción”. A min, que algunha fe aínda me queda nos diccionarios, parecíame que tal cousa, sendo anómala, non era máis ca unha alteración fisiolóxica da función dun órgano, pero pensaba que cobrar por quilómetros que non se percorreron ou que se andaron sen pagar nada por eles caía máis no campo da picaresca, da trampa e diso que os castelán falantes chaman jeta, morro, boca, hocico, labios ou belfos.
Pois resulta que non. Veu o presidente da Xunta e dixo que se trata dunha “disfunción”, como se estivésemos na sesión clínica dun deses hospitais que cada día lles medra máis a lista de espera. "Son deputado –dixo Núñez Feijóo– e todas as disfuncións dun Parlamento teñen que correxirse, pero as de todos os deputados, non só as dun”. Ou sexa, que Rodríguez Miranda non é o único protagonista da peli. Hai máis protas, e agora o caso é dar con eles.
Feijóo debería ser máis explícito. Ou sabe do que fala e debería dar nomes e apelidos, ou sería mellor que gardase a discreción propia do cargo que representa. Non nos serve de nada que nos diga que “como un sabe en que sitio está, saberá o que tén que facer”. De momento, o que xa parece seguro é que hai no seu partido un deputado pouco escruploso á hora de poñer o cazo. E non nos debería valer poñernos bíblicos e dicir que se trata dun prato de lentellas. Un empeza alimentándose coa semente desta herbácea e remata afeccionándose ao caviar, ao Moët Chandon e aos robustos de Cohibas en menos do que canta un galo, sobre todo se se dedica á especulación financeira e a certas artes da política.
Neste asunto resulta evidente que non están á altura ds circunstancias nin os de Laíño nin os de Lestrove (que culpa terán os pobres de seren etiquetados pola poesía de Rosalía). Nin PP, nin PSOE, nin BNG están facendo máis nada ca deixar correr a bola a ver se remata pronto rompéndose contra o fondo do val. Falta radicalidade, coherencia, contumacia na busca da transparencia que tanto precisa a vida pública actual. E isto non tén nada que ver coa alienación rebuscada de soster que toda política e todos os políticos son iguais. Precisamente por pensar que non é así, é polo que hai que esixir que non teñan todos o mesmo comportamento. Desgrazadamente, no tema que nos ocupa non hai diferenzas moi grandes. Todos tiran da fariña para o seu costado.
3 comentarios:
O máis alucinante é que o señor Miranda considere unha anécdota ter cobrado 26000 euros por dietas que non lle correspondían.
Parece que estes señores viven fora do mundo real.
Non deberíamos aceptar nada que non fose a súa dimisión.
Se o resto de partidos nona esixen e comenza o pasteleo será síntoma de que todos teñen algo que ocultar.
[url=http://www.ganar-dinero-ya.com][img]http://www.ganar-dinero-ya.com/ganardinero.jpg[/img][/url]
[b]Toda la informacion que buscas sobre ganar dinero[/b]
Hemos encontrado la mejor pagina web en internet de como ganar dinero. Como fue de interes para nosotros, tambien les puede ser de utilidad a ustedes. No son solo formas de ganar dinero con su pagina web, hay todo tipo de formas para ganar dinero en internet...
[b][url=http://www.ganar-dinero-ya.com][img]http://www.ganar-dinero-ya.com/dinero.jpg[/img][/url]Te recomendamos entrar a [url=http://www.ganar-dinero-ya.com/]Ganar dinero[/url][url=http://www.ganar-dinero-ya.com][img]http://www.ganar-dinero-ya.com/dinero.jpg[/img][/url][/b]
Alégrome de que alguén repare neste escándalo. Miranda demostrou coa súa reacción que é un sinvergonza, e o silencio do resto dos partidos e deputados é cómplice.
Isto non se debería permitir. É unha burla (unha máis) á cidadanía e á democracia.
Publicar un comentario