Vaia bordel o que armaron as famosas dietas por quilometraxe abonadas aos parlamentarios que se pasaron de listos. Estaba claro: no antigo cuartel e máis antiga aínda escola de Veterinaria da rúa do Hórreo senta o cú o mellor de cada casa. Seguramente levaba razón José L. Alvite cando publicou o outro día en La Opinión que “muchos de esos diputados no han conseguido en su ejecutoria pública otra proeza que la de empobrecer con su oratoria la atmósfera del hemiciclo y atascar con sus culos los retretes del Parlamento”.
E menos mal sería se só fose iso. Porque agora estamos vendo que a bola de neve dos cobros quilométricos vai camiño de levar por diante ao mesmísimo presidente da Xunta. Entre as mesnadas socialistas xa andan dicindo que Alberto Núñez Feijóo “estivo cobrando o plus dos quilómetros e das peaxes cando viaxaba nun coche do seu partido que lle cedera gratuitamente a empresa Citröen”. E de que Agustín Bahamonde tamén cobrou polo mesmo concepto a pesar de que viaxaba no coche oficial que tiña á súa disposición Xosé Manuel Balseiro por ser vicepresidente do Parlamento.
Xa só falta saber se no BNG tamén hai alguén que viaxase no coche de San Fernando, unhas veces a pé e outras cobrando. Levaba alguén consigo Anxo Quintana cando se movilizaba a bordo do seu C6 vicepresidencial entre Allariz ou Vigo e Santiago? Ía soa a vicepresidenta do Parlamento Tereixa Paz? Nunca lle fixeron auto stop a Dolores Vilariño cando circulaba no seu Audi oficial pola A6? Vaia lea morrocotuda a do transporte parlamentar das súas señorías.
7 comentarios:
Deu vostede coa palabra exacta, bordel, que en francés significa nin máis nin menos que a casa de tócame Roque. Iso é o que é o Parlamento Galego agora mesmo.
Bordel é unha aldea de perto de Carral, creo. Non vaia ser.
Pois en francés, idioma que cita Borne, bordel tamén significa burdel.
Parece ser que o propio Feijóo cobraba dietas cando viaxaba nun coche cedido por Citroen en atención ao xefe da oposición.
Citroen tamén porá un coche a disposición de Pachi e Guillerme ou como vai isto?
En España hai 73 persoas censadas co apelido Bordel. Viven en 52 provincias, e a maior parte delas están na provinca de Zamora. "Putain, quel bordel!, diría un francés
Xa lle saiu a vostede, don Perfeuto, o machismo escola de Interviú que leva no corpo. E logo? Non podía poñer na foto, en vez dunha moza, o retrato dun deputado? O de Bieito Lobeira ou o de Lage, por exemplo.
Mire, Don Perfeuto, o problema dos políticos é que para eles todo o monte é ourego. Verá, todos, incluído vostede, sabemos que ademais dos 4.000 e pico euros que se levan por xornal, e dos cales só declaran a metade, tamén todos cobran a kilometraxe vaian ou non no seu coche, vaian catro xuntos ou moren en Santiago e non vaia ningún dende onde sinalen que teñen a súa residencia. Que, por outra banda, dende hai máis de 30 anos todos o están a facer.
O problema é o sistema, que eles non queren reformar, poñendo outro sistema de xeito que non poidan mangonear nada.
Verá, una das persoas que está saíndo como que cobrou kilometraxe sen ir no seu coche e que se está a resgar as vestiduras e clamando o ceo pola súa honestidade, foi nun coche oficial, no que ía eu, polo menos dúas veces, aínda que penso foron tres, e fixo que nesas datas cobrou kilometraxe, aínda que isto para sabelo con exactitude quen paga no Parlamento as despesas debera publicalo. Outra boa é a falta de publicidade dos pagos.
Eu que tiven un “carguiño” en Santiago, e que só os aturei medio ano, vin compoñentes dos tres partidos como aproveitaban para ir nos coches oficiais a Santiago. Unhas veces ían no dalgún dos 5 integrantes da mesa do Parlamento (todos teñen coche oficial con condutor), outras veces no dalgún Director Xeral (tamén teñen coche oficial con condutor), no dalgún Xefe de Gabinete dalgún Conselleiro (teñen coche oficial, mais sen condutor), e outras no dalgún Director dalgún Organismo Autónomo (teñen coche oficial con condutor).
Na actualidade sei que seguen a ir, mellor diría seguían a ir porque coa que está caendo imaxino que istos días o que vai nun coche oficial dun compañeiro non será tan parvo que pase o kilometraxe.
Algo que nunca entendín foi como o meu Xefe solicitou que lle pagasen o aluguer dun apartamento en Santiago, 350 euros, e dixéronlle que non podían porque tiñan que modificar non sei que lei e que era moi difícil. Preferiron que o condutor fixese todos os días douscentos kilómetros a maña ao ilo a buscar e outros douscentos a noite ao ilo a levar, e ademais pagarlle as dietas o condutor. Isto, coa amortización do coche e os gastos que levaba calculámoslle uns 3000 e pico euros por mes, todo por non querer pagarlle os 350 euros do aluguer. Ao final cansouse de viaxar todos os días e preferiu pagar o aluguer do seu peto.
Como verá a isto chámaselle saber xestionar.
Por certo, o meu “carguiño” foi durante o bipartito.
Publicar un comentario