Medra a polémica acerca da lasitude coa que determinados parlamentarios galegos cobraron quilometraxes e peaxes por asistiren ás sesións de traballo na rúa do Hórreo de Santiago. Ninguén nega xa que houbo picaresca e a mala práctica alcanza polo menos a deputados do PP e do PSOE, e está por demostrar que non haxa tamén algún omprometido no BNG, formación que se limita neste tema a ver como van transcorrendo as cousas. Xa se fala dalgunha tentativa por chegar a un pacto de non agresión que reconduza o tema a un tratamento interno que o aparte do escándalo e da xenreira que puidera provocar na opinión pública o feito de que algúns representantes democráticos se mostrasen inescrupulosos cos fondos públicos nunha época de aguda crise como a que estamos pasar.
O feito real é que os nosos deputados (e deputadas, como din eles) cobran por término medio un salario mínimo mensual de 4.200 euros, pero tributan só pola metade do que levan para a casa. Dese montante, polo menos 2.092 euros non están sometidos a retención fiscal de ningunha clase. Corresponden a gastos de aloxamento e manutención atribuíbeis ao cumprimento da súa actividade parlamentar. Só o resto, 2.075 euros, representa a asignaciónn fixa pola que pagan impostos os deputados con dedicación exclusiva, que son a inmensa maioría dos parlamentarios galegos. É dicir, que tributan só pola metade do que gañan, condición que os alonxa enormemente da realidade laboral á que petencen.
Ademais dos 2.075 euros que lles corresponden como asignación fixa e dos 2.092 que levantan por indemnización, os deputados tamén cobran as quilometraxes e as peaxes que lles corresponden por desprazárense dende os seus lugares de residencia decrarada ata a sede do Parlamento en Santiago, condición que xa orixinou a picaresca que está a dilucidarse estes días e que tén como exemplo paradigmático, por agora, ao representante do PP Antonio Rodríguez Miranda, pero tamén poden acabar aparecendo casos nas fileiras do PSdeG-PSOE polo menos (de feito, xa circulan nomes e apelidos de varios casos e o PP puxo no escaparate o da deputada Mar Barcón que se despraza nun coche do Concello da Coruña para cumprir as súas obrigacións parlamentares).
En tempos de vacas fracas como os que vivimos, ler nos periódicos que os nosos representantes políticos se comportan coma vulgares viaxantes de roupa interior que tratan de enganar ás súas empresas cargando quilometraxes por percorridos que non fixeron, non resulta precisamente un espectáculo moi exemplar, pero aínda pode ser pior se se poñen de acordo entre eles para que a roupa sucia se lave só co deterxente da casa.
5 comentarios:
Conviría engadir outras administracións nas que tamén se estilan prácticas semellantes. O curioso do caso é que estas maneiras son motivo continuo de análise (non me atrevo a poñer a palabra denuncia porque non é a súa función) no Consello de Contas, un dos organismos máis fiables e menos atendidos da administración. A min me escandaliza pensar que todo canto o Consello destapa pasa sen pena nin gloria polo parlamento. Como todos os partidos están en maior ou menor medida tocados...
Se fose certa esta "súbita unanimidade" dos tres grupos parlamentarios galegos en incrementar a transparencia, o primeiro que tiñan que facer é dar á luz pública todos os datos de todos os deputados. E tamén o compromiso de cesar a todos aqueles collidos nas patacas, sustituíndoos polos suplentes nas listas.
Que parece unha medida demasiado radical? Pois non. Sería unha verdadeira moralización da vida política e a única forma de non caer en máis cambalaches conxuntos.
Sendo certo, como di ANT, que "polo de agora non se pode acceder ás dietas de cadaquén, debido á Lei de Protección de Datos, salvo que o publique o propio interesado", deben ser as propias direccións dos partidos e dos grupos parlamentarios as que OBRIGUEN aos seus membros a facelo. Se hai disciplina de voto para todo o demais, tamén pode habelo para isto.
Todo o demais son desculpas de mal pagador, perdón, de malos cobradores. Ah, e tamén tributación do 100% dos ingresos, como todo fillo de veciño que ten un salario.
Quedo coa boca aberta cando leo: "Xa se fala dalgunha tentativa por chegar a un pacto de NON AGRESIÓN..." Estaría moi ben que tivesen un certo dominio da lingua de Shakespeare, esa que tanto ansían que aprendan outros, e do termo "Accountability" (o ingleses son moi prácticos nesto da lingua).
A rendición de contas asegura a lexitimidade do poder público. Entón, é moito pedir que forme parte da axenda do debate público?
Aquilo de a imaxinación ao poder, agora o mellor sería "Putas al poder". Puta sí, pero honrada.
Trocar a Lei Electoral que é a máis inxusta que pariu nai e listas abertas dunha puta vez, para sanear un pouquiño esta "democracia franquista", que se vai para o carallo paseniño polos sumideiros da bosta.
Seguro que lle interesa, amigo Perfecto: Fagioli cotti ovunque.
Publicar un comentario