sábado, febrero 06, 2010

Take Asaka e o riohonorés


O meu amigo xaponés Take Asaka acaba de mandarme dúas cousas que lle agradezo moito. Unha delas é a foto da palloza xaponesa que foi descuberta en 1961 e que agora está no parque Joohiku de Tokio. Pertenece ao século VIII, e lembra pola súa estrutura, constitución e estética as nosas pallozas dos Ancares, concretamente as que aínda se conservan en Piornedo.
O outro agasallo seu é a reproducción que me manda do artigo que publicou a finais do ano pasado na revista Tsuda College IICS Bulletin, do Institute of International and Cultural Studies (2009. vol. 44, pp. 16-21) da capital xaponesa. Trátase dunha Investigación lingüística en Río de Onor de España e Portugal que Take Aaska veu facendo nos últimos anos durante as súas frecuentes visitas a Galicia.
Concretamente o ano pasado, tocoume acompañalo a Rihonor de Castilla, que é como se chama en España esta localidade fronteiriza, que estivo moito tempo dividida en parte española e parte portuguesa (Rio d’Onor), e que constitúe un dos catro enclaves nos que se desenvolveron falas de transición: o mirandés, o rihonorés e as falas cacereñas de Cedillo e Herrera de Alcántara.
Take Asaka, interesado dende hai anos polo estudio do idioma galego e doutras linguas da península, investiga no artigo comentado o caso do riohonorés. Take é moi agradecido e recoñécenos a Antón Santamarina, D.X.L. Regueira, Manolo González, Paco Fernández Rei e a min unha axuda que el di que lle prestamos. No meu caso limiteime a acompañalo nunha fermosa viaxe a Rihonor que me deixou gratas lembranzas.

3 comentarios:

Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Luisfoz dijo...

Rio-Onor continua a estar dividida entre os dois estados. O rionorês e uma forma de leonês como o mirandês. O mirandês tem um status de co-oficialidade no território onde se fala, isto não acontece com o rionorês, se calhar por estar muito mais deturpado, em Espanha pelo espanhol e em Portugal pelo português.