jueves, junio 03, 2010

¿Controlará El País a maioría de Le Monde?

O grupo editorial francés Le Monde, que comprende o xornal de referencia dese nome, o seu site Internet, as revistas La Vie, Télérama e Courrier international, ademais de Le Monde diplomatique e Le Monde Imprimerie, pasará a ter unha nova maioría accionarial o 14 de xuño, data na que se tomará a decisión sobre cal será o inversor ou inversores aceptados. O grupo español que edita o xornal El País, é dicir, Prisa, está entre os aspirantes a tomar esa maioría en Le Monde.
Segundo acaba de explicar o actual presidente do Directorio, Éric Fottorino, “Le Monde debía sanear o seu balance e reforzar os fondos propios para facer fronte a gastos financeiros importantes que a crise aguda do mercado publicitario agravou moi rapidamente. Le Monde sufriu logo tensións sobre a súa tesoureria, que o levaron no ano pasado a contraer un préstamo bancario de 25 millóns de euros, empeñado con Télérama e condicionado polos nosos prestamistas –a BNP, en primeiro lugar– á posta en marcha dunha recapitalización”.
Esta opración financeira resulta, ademais, necesaria –segundo Fottorino, que acaba de publicar esta explicación nas páxinas do xornal– porque “o grupo emitiu en 2005 obrigacións reembolsábeis en accións por un monto de 69 millóns de euros, que deberá reembolsar aos seus detentadores (Publicis, La Stampa, BNP, entre os pcincipais) segundo certas condicións especiais, ou transformalas en capital, unha parte no 2012 e outra no 2014”.
Esta non é a primeira vez que Le Monde atravesa momentos difíciles. O xornal fundado en 1944 por Hubert Beuve-Mery, por encargo do xeneral Charles Degaulle, padeceu grandes dificultades financeiras en 1980 e 1990 e foi deixando atrás o seu pasado autoxetionario que o levou a por en marcha, en 1951, a primeira sociedade de radactores que chegou a ter un poder real sobre a marcha dun periódico. Dende 1968, ese control foi exercido por unha sociedade de empregados e outra de cadros dirixentes, pero os asalariados seguiron ocupando un lugar principal na xestión. Xa en 1994, a cousa empezou a cambiar coa conversión da empresa nunha sociedade anónima e a posta en marcha dun Directorio e un consello de vixianza.
No ano 2003, a aparición dun libro escrito por dous ex xornalistas do periódico, Pierre Péan e Philippe Cohen, titulado La face cachée du Monde (A cara oculta de Le Monde), abriu unha ampla polémica sobre a orientación do xornal francés máis influínte no mundo enteiro. Acusaba aos daquela presidente, Jean-Marie Colombani, e director da Redacción, Edwy Plenel, de conduta parcial e de involucrárense en amaños financeiros que comprometían a independencia de Le Monde.  A Plenel tamén lle reprochaban que cobrase un moi alto salario (26.000 euros ao mes) no momento en que o grupo editorial parisino rexistraba perdas por 25 millóns de euros.
O caso é que o famoso xornal de centro-esquerda (mantivo fortes enfrontamentos con Mitterand, pero pediu o voto para Ségolène Royal) está a piques de rematar no mercado globalizado do capital. Ademais da española Prisa, aspiran a facerse coa súa maioría o grupo francés Le Nouvel Observateur (editor do semanario do mesmo nome), varios banqueiros, algún operador de Internet como Xavier Niel (fundador de Free), o grupo suizo Ringier (editor do diario Le Temps de Xenebra) e unha sociedade estranxeira que aínda non quixo darse a coñecer.
¿Cal será, logo, futuro de Le Monde? Éric Fottorino xa marcou severas condicións de orde editorial: “Conseguir a garantía de que o novo accionista non intervirá nin de preto nin de lonxe nos contidos dos nosos títulos, nun período no que o vencemento presidencial do 2012 xa ocupa as mentes. O valor dos nosos contidos, a súa credibilidade, está directamente en fucnión da liberdade permitida ás redaccións para traballar, fóra de toda sospeita de influencia”. Non está mal omo declaración de principios, pero un investimento tan forte como que hai que facer para comprar a maioría de Le Monde ¿vaino facer alguén sen intervir “nin de preto nin de lonxe” nos contidos do famoso xornal francés? Oxalá.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Longue vie et longue indépendance !
Longue vie et longue indépendance au quotidien français le plus diffusé et le plus apprécié à l'étranger (et ce depuis son premier numéro, paru, modestement sur une unique feuille recto verso, le 18 décembre 1944), dont le Général de Gaulle, qui souhaitait doter la France d'un grand journal rayonnant à l'étranger, fut l’un des éléments moteur de sa création, et dont les journalistes sont les actionnaires de référence depuis près de soixante ans.
HORCHANI Salah

Luisfoz dijo...

Está bem o que diz o Anónimo mas Le Monde nao é o que era... Sempre nos quedará Le Monde Diplomatique e Paris.