viernes, junio 18, 2010

Italia



Un anónimo comuni-
cante escríbeme a seguinte plaisan-
terie que lle agradezo moito: “Come me piace il Signore Conte quando anda alla mia Italia. Sembla un uccello, un uccellino felice”. Non sei se será un italiano(a) de verdade ou un de chanza, pero teño que dicirlle que acertou. Efectivamente, eu síntome en Italia (especialmente en Roma, nas Eolias e en Sicilia) un paxariño feliz. Case un animaliño dos que lle gustaban tanto a San Francisco de Asís.
Di FranciscoVázquez, embaixador de España ante a Santa Sede, que Roma é unha cidade-enciclopedia, unha enciclopedia de pedra, na que un alcanza a comprender as nosas orixes, e ten razón. Pero Italia é moitísimo máis ca Roma en si mesma. A Toscana (“cinguinda polo seu teatro de cotarelos recolle as súas cosechas de trigo, aceite e viño, en salta en plenitude á vida sorrinte, co corno da abundancia”, Byron dixit), ese marabilloso país que tanto amaron os viaxeiros internacionais ata quedárense nel a vivir: Florencia, Luca, Siena, Pisa, Pistoia, San Gimignano, Moltalcino, Montepulciano… Toscana é a quintaesencia de Italia. E a súa veciña Umbría, con Perugia, Ancona, Asís, Orvieto… ¡Ai, quen puidera revisitar máis a miúdo a Piero della Francesca, o gran pintor que tanto emocionaba a Cunqueiro!
A diversa e inconmesurábel Italia co seu Mediterráneo siciliano e calabrés: o archipélago das Eolias, Palermo, Cefalú, Lípari, Trapani, Messina, Catania, Siracusa, Reggio di Calabria. A súa surreal Venecia, abafada polos turistas. Terra de santos e de bandidos pola que aínda vagan os pastores. Aínda hai neles “algo que non é deste mundo”, dixo Norman Douglas. O mar italiano, coa súa espléndida luz mediterránea. A gastronomía, a xente. Os italianos, cun sentimento menos tráxico da vida ca nós, ás veces, poden amargarlle a un a existencia, pero normalmente esfórzanse enormemente por adozarlla.
Italia, aínda con Berlusconi dentro, ese Berlusconao do carallo, como me dixo o outro día un taxista romano, é a terra na que o milagre de vivir aínda segue sendo unha arte.

2 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Asino punto por punto todo. O meu país preferido. Con diferencia.

Viveirés dijo...

Outro que asina punto por punto e que considera Italia o seu país preferido. Pero só me gustaría facer unha pequena apreciación. Ancona pertence alle Marche, non a Umbría.