miércoles, junio 30, 2010

Malos tempos para a heterodoxia


Europa camiña cara a degradación preocupante dalgúns valores democráticos e sociais que a foron caracterizando dende a Revolución Francesa de 1789 e o posterior desenvolvemento dos dereitos humáns. O terrorismo, a crise económica e o anterior fracaso do comunismo levárona, pouco a pouco e solapadamente, a unha deriva que empeza a ser escandalosa e que se caracteriza polo recorte sistemático dos dereitos das persoas. O punto de inflexión chegoulle co atentado das torrres xemelgas de Nova Iorke, en setembro de 2011, e, dende aquela, a cultura da vella liberdade europea –de raiz francesa, sobre todo- non parou de verse sometida a constantes limitacións. Ata o punto de que, hoxe, viaxar en avión constitúe ás veces un auténtico coñazo (especialmente no aeroporto Charles de Gaulle de París).
Dentro desa deriva, en marzo deste ano, a Unión Europea aprobou o seu Documento 7984/10 (Instrumen for compiling data and information on violent radicalisation processes) no que, coa respectábel intención de perseguir aos que inciten o odio e a violencia terroristas, aparecen algunhas indicacións dirixidas aos gobernos dos países da UE que poden dar lugar a interpretacións perversas do tema. Para empezar, case toda, por non dicir toda, a materia tratada no documento está representada por asuntos e actividades que xa están penados pola lexislación dos estados membros. A única novidade é unha preoupante confusión tendida entre os conceptos de radicalización e radicalización violenta.
O documento convida aos gobernos que forman Europa a que estean atentos ás “mensaxes de radicalización” e ata recomenda investigar os “sentimentos” das persoas que formen parte de grupos sospeitosos, mesmo incluídos “códigos de vestimenta, hixiene, alimentación, a oración, medios de comunicación, visitas” ou “familia, estado civil, fillos, amigos”. Ata o “desemprego, deterioro, pérdida dunha bolsa de estudios ou dunha axuda financeira” figuran entre as características a reseñar policialmente.
Para algúns expertos en dereitos humáns, estas directivas poden rematar en instrumentos perigosos de persecución das ideas e ata dos “estados de ánimo”. Esta nova estratexia europea de perseguir o terrorismo, dirixida, entre outros, contra “extrema esquerda ou dereita, nacionalistas, relixiosos ou antiglobalización”, pode esconder, de feito, unha cobertura legal para que calquera persoa sospeitosa de radicalización política poda ser controlada e reprimida policialmente, teña ou non vencellos co terrorismo.
Corren malos tempos para heterodoxia. Probabelmente, Marco Panella, o histórico fundador do Partido Radical italiano, ou Enma Bonino, que ocupou altos cargos nesa Unión Europea que agora quere controlalo todo, ou a mesmísima Cicciolina, rematarían nos arquivos de Europol e non digamos xa nos dos Caravinieri e da Polizia Italiana. Radical, a fin de contas, non é máis ca quen pertenece ou se relaciona cunha raíz, quen é partidario de reformas extremas, especialmente en sentido democrático. Ou sexa, que debemos ser millóns os que podemos rematar atraíndo a atención desas estratexias europeístas, tan difíciles de casar coa antiga tradición europea de respectar o dereito á intimidade e á liberdade de expresión.
O máis chocante de todo isto é que o antes progresista Zapatero rematou a súa presidencia da Unión Europea aprobando un novo documento, o 8570/10, no que se convida a Europol a favorecer “a posibilidade de xerar listas de radicalizadores ou transmisores da mensaxe radical”. E xa se sabe, empézase polas listas e ¿quen sabe onde se remata?

3 comentarios:

Anónimo dijo...

O Sr. dos sicarios Ruvalcaba xa está a pensar como van a foder a EA por aliarse con Batasuna. Non creo que os milleiros de votantes de EA e Batasuna (que son moitos), sexan de ETA. Hai que demonizar a todo quisque para quedar eles sós. Mira que son estes socialdemócratas-neoliberais uns "escorrentaporcos" de moito carallo. Están achegándose con tanto control a un sr. de bigotito chamada Hitler.
Cada ano que pasa, creo menos os das torres de Nova Iorke, vou pensando que foi unha autodrestución para xustificar máis leis en contra dos dereitos humanos e ao mesmo tempo apoiar estas políticas económicas neoliberais de libre mercado salvaxe, que comezaron a Thacher e o puto Reagan. Deixamos o raposo entrar no galiñeiro, destruien o galiñeiro, comen as galiñas e agora o raposo está cheo e a súa avaricia aínda quere máis, e a maioría da familia que tiña as galiñas e mailo galiñeiro, quedaron a velas vir. A cousa non queda aí, isto hincha como unha vexiga e coido que non veremos luz ata que canonicen a Pepiño Blanco.

Luisfoz dijo...

Tens mais razão que um santo. Estamos fodidos, Soto dizia "estamos perdidinhos" mas isto é pior ainda

www.nontenho.com dijo...

Non, perdidos aínda non estamos, meus queridos amigos...

Moito non lle falta, pero de momento -na miña opinión particular- aínda non.

Saúde e Terra, irmáns!!!!