Realmente, non sei de que nos queixamos. Somos o que se pode chamar un país moderno, à la page. Se Francia ten ministros na corda floxa por mor das veledidades fiscais da matrona de L’Oreal, nós temos a Agustín Hernández empapelado xudicialmente por certificar obras sen estaren feitas. Que se Obama tivo que fulminar a un dos seus xenerais máis importantes, bueno, nisto quedámonos algo curtos porque aínda non temos Exército galego propio. Porén, no que ninguén nos iguala é en termos pechado pola Igrexa Católica, Apostólica e Romana o Panteón de Galegos Ilustres.
Leva razón Guillerme Vázquez cando sostén que “Rosalía e Castelao están secuestrados, vedados ao público”, ou cando se mostra incapaz de imaxinar que “os norteamericanos non puidesen acceder ao monumento de Lincoln ou que aos franceses lles fose vedada a entrada a Les Invalides para ver a tumba de Napoleón”.
En Francia, por exemplo, hai moitos anos que as igrexas e os templos son propiedade do Estado. Aquí, San Domingos de Bonaval, onde está o Panteón de Galegos Iustres, foille devolto á Igrexa despois de pasar cen anos en poder da administración pública. A consecuencia é a que é: que o Panteón está pechado ao público. Ou Feijóo fai algo inmediatamente por resolver este contrasentido ou pasará á historia como o último enterrador de Castelao e de Rosalía, por moitas medallas que agora entregue co seu nome. E todo isto, en Ano Santo. Para máis inri.
3 comentarios:
Este último posts vese perfectamente. Faga o favor e siga mecanografando co que acaba de facelo, pois cos outros sigo a ter que "ler en grego".
Un saúdo
E que fan o libertario Lamazares e a nacionata Pencha aí espatarrados con Feijóo?
Pencha creio que tem bem merecida a medalha. O raro é que lha deram.
Perfeutim: a ver se arranjas isto para que os habituais não tenhamos que preencher sempre
Publicar un comentario