miércoles, marzo 30, 2011

Berlusconadas

Non hai como ser rico e gobernante ao mesmo tempo. O primeiro ministro italiano, Silvio Berlusconi, visitou na mañá de hoxe a illa de Lampedusa, onde se amontoaban máis de 7.000 inmigrantes procedentes de varios países de África –entre eles, libios que fuxiron da guerra–, e matou dous paxaros dun tiro: anunciou o inmediato traslado dos africanos a varios puntos e Italia e aproveitou para mercar unha nova casa de veraneo.
Os habitantes da illa levaban varios días protestando pola difícil situación que atravesaban debido á constante chegada de inmigrantes clandestinos, e Berlusconi anuncioulles que, entre 48 e 60 horas, “Lampedusa serà habitata solo dai lamedusani”, unha curiosa maneira de implantar unha vella teoría política que fixo época en América, aquí traducida por Lampedusa para os lampedusanos.
Co cavaliere chegaron á illa sete grandes barcos que van transportar nas próximas horas todos os inmigrantes que malvivían en Lampedusa despois de arribar alí en condicións lamentábeis a bordo de embarcacións clandestinas. Agora serán repartidos por varios puntos de Italia, algúns deles na propia Sicilia (en Trapani, por exemplo). A escasez de auga e de alimentos e os problemas de seguridade que estaban empezando a crearse fixeron insostíbel a súa permamencia na illa da súa chegada a Europa.
Berlusconi tamén lles anunciou aos illeiros que vai propoñer que lle concedan o Premio Nobel da Paz á illa de Lampedusa e que trazará un plan para darlle á iilla unha “moratoria fiscale, previdenziale e bancaria” destinada a transformala nunha “zona franca”. Véxase por onde a guerra de Libia aínda vai rematar servindo para o estabrecemento dun novo paraíso fiscal no Mediterráneo.
Por de pronto, o propio Silvio Berlusconi xa comprou unha nova casa de veraneo (a que aparece na fotografía), situada –como non– nun dos lugares máis fermosos da illa, en Cala Francese, coa casa de campo a só dez metros do mar. Pagou por ela algo menos de dous millóns de euros. O que non dixo Berlusconi é se tamén vai levar alí as velinas que levou á luxosa mansión que ten o primeiro ministro italiano na Costa Esmeralda da illa de Sardeña.
Como todo siga así, entre Tomahawks (míseis) de case un millón de euros por cabeza e casas de campo mediterráneas para gobernantes coma Berlusconi, a guerra de Libia vai saír por un ollo da cara (de moi cara polo menos).

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Los refugiados libios.....¡Que vengan a España......!!!!!!!

RIODERRADEIRO dijo...

Berlusconi, coma outros compositores da actualidade, tamén interpreta a súa propia música. Está feito un Toscanini, pero vai un pasiño por diante.

O anónimo que me precede, cando di "libios", quere dicir "libidos", creo, e, de non ser así, que me corrixa.

A hipocresía recorre a tres octavas sen perder o alento

Almiral Mouchez dijo...

Falando das infinitas caras da realidade, e a propósito da vella tradición de cocer fabas en todas partes, mirade, por favor, atentamente este vídeo:

http://www.youtube.com/watch?v=IvqbjuOmqPk&feature=youtu.be

(Un programa de televisión para este paisano XA.)

Anónimo dijo...

Non vai poñer ningún post sobre as municipais?.