jueves, junio 28, 2012

Allons enfants de la Patrie


Xa é hora de empezar a dicir as verdades. Estamos no pior momento de Europa, na pior circunstancia de España e no menos mellor de nós mesmos. Asistirmos ao espectáculo delirante dun goberno de Rajoy que está estudiando a maneira de subir o IVA dos alimentos, dos medicamentos e dos servizos básicos, sen pensar para nada en incrementar os impostos sobre o consumo de luxo, é unha maneira de dicirnos que somos carne de cañón, súbditos condenados a voltármonos pura escravitude, deseperación e autodesprezo.
Se lle engadimos que hai un presidente da patronal bancaria, Miguel Martín, que nos di que deberiamos “estar agradecidos” porque hai unha Europa que nos presta diñeiro “en condicións vantaxosas”, o espectáculo pasa de escandaloso a esperpéntico. Será posíbel que neste país só haxa unha persoa que tivo que ver coa Banca, José Luis Sampedro, capaz de exercer algo de autocrítica sobre o que está a suceder? Por que, entre os nosos santós da economía, non hai case nada que lle pareza ao premio Nobel de Economía Paul Krugman? Será por culpa de Franco que aquí todos son da escola exterminadora de Milton Friedman? Onde están os Beiras e os Castelaos desta coxuntura? De vacacións no Caribe ou simplemente xubilados á espera de que lles baixen as pensións?
Guillermo de la Dehesa, outro que ben baila, avísanos de que podemos correr o risco dun “suicidio colectivo” (a que el non se suicida?). Hai que ter cara dura para virnos agora con estas ladaíñas. Ou empezan a calarse os banqueiros, os especuladores e os ladróns de guante branco e empezan dunha vez a falar de verdade os políticos honestos –de momento François Hollande é un deles– ou haberá que pensar en resucitar a Bastilla, ocuparse outra vez de María Antonieta e volver a cantar os estribillos da Marsellesa.

miércoles, junio 27, 2012

Sucasas

Fóisenos outro gran galego: Alfonso Sucasas. Enorme artista e home no que latía u corazón cheo de sentimentos e de experiencias. Había poucos coma el. Agora imos botalo moito de menos. Os que vivimos con el unha época moi determinada e interesante de Compostela, coa súa morte, perdemos tamén unha parte de nós mesmos. É como se nos morrera un irmán, algo noso.
Porque con Sucasas podía un levarse moi ben, ben, regular e ata mal e moi mal ás veces, pero Alfonso sempre era aquel tolo xenial que inzaba as nosas velas como se fose un vendaval afoutado que nos empurraba no medio dunha galerna atlántica que nos vivificaba. Lembro neste instante a Ramiro Fonte e a Catuxa Batallán–outros dous que tamén se nos foron– e a moitos máis que formamos con Sucasas unha Santa Compaña inesquecíbel das noites santiaguesas dos anos 70 e 80 do século pasado. Canta memoria imborrábel daqueles tempos!
Non sei por que, pero as terras de Lalín déronnos marabillosos artistas contemporáneos: Laxeiro, Sucasas, Lamazares..., que, ademais de grandes xenios da pintura, representan o melloriño da condición humana. Se eu crese niso de que un vai ao ceo cando morre, estaría seguro de que Alfonso Sucasas agora está botando unha enome gargallada co seu amigo e mestre Laxeiro. E, se cadra, bebendo un vaso de bo viño. Ou comendo un cocido da súa terra. As dúas cousas, o máis seguro.

jueves, junio 21, 2012

Rap bretón


A canción rap Bienvenue chez les Bretons, dos franceses Jean Floc’h e Grandpamini, colgada en YouTube o 23 de maio, recibiu máis de 630.000 visitas en menos dun mes. Pegadiza, ben construída e chea de humor, podía ser un modelo a seguir por rapeiros doutras comunidades europeas con idioma propio, aínda que no caso que comentamos a lingua utilizada non é o bretón senón o francés.
Os autores son comediantes e coñecéronse en París facendo cursos de teatro. Jean Floc’h ten 28 anos e naceu en Brest. Grandpamini é parisino e ten 30 anos. A canción escóitase no video de aquí ao lado ou premendo aquí.

miércoles, junio 20, 2012

That is the question


Vivimos sen vivirmos en nós, pero –iso si– sen lermos a santa Teresa de Ávila. Ou sexa, sen saber como vivimos. De súpeto, escandalizámonos porque un bispo provinciano de Axentinna vaia a unha praia mexicana cunha amiga que el di que é da infancia ou porque unha revista turística norteamericana –Frommer’s– aconsella aos seus lectores homosexuais que non viaxen a Sicilia porque “segue sendo un dos bastións máis importantes da homofobia en Europa”, pero séguenos sendo perfectamente normal que acordemos cada mañá cos titulares dunha economía globalizada que nos está levando á desesperación, á miseria e á ignominia. Moi mal anda o mundo para que outra vez volvamos a dicir que chove cando están a mexar por nós.
A caterva de intelectuais, economistas, capitalistas, políticos e compañeiros de viaxe que están a sinalarnos o camiño da penitencia como única redención posíbel non é máis ca unha estadea de aproveitados que queren reconvertir a historia nun suceso de sometemento, explotación e oprobio que xa empeza a saberse a onde nos pode levar. Ou espertamos do noso sono ou definitivamente remataremos cavando a tomba do futuro da humanidade.
Xa non nos vale pensar que estamos á mercede do que poda suceder. Ou atrapamos coas cosa nosas mans a nasa do porvenir ou xa é case seguro que estamos a piques de convertírmonos en súbditos dun mundo dominado pola especulación, o desconcerto e a desesperación. Momentos coma iste houbo máis na historia, pero ningún foi experimentado con tantas ferramentas para contrarrepostar á dominación e á escravitude. Que pensarían Saco e Vanzetti de viviren nos tempos actuais? Que diria Rosa Luxemburgo? Que aposta faría Espartaco? Ou que facería Xesucristo se se volvese a encontrar cos mercaderes no templo? A resposta está clara. Botalos a latigazos.
Por que, polo tanto, non estamos a responder como case sempre se respondeu? Tha is the the question, xa o dixo Shakespeare. Quen sexa quen de responder a esta pegunta ha ter a chave do futuro. Para Grecia, para España, para Portugal, para Irlanda e para Europa enteira. Mentres tanto, estamos todos a velas vir.

martes, junio 19, 2012

O orgullo desmedido


Paul Krugman

Paul Krugman, premio Nobel de Economía do ano 2008, profesor da Universidade de Princeton e columnista do influínte xornal The New York Times, case sempre dá no cravo cando analiza a realidade actual da crise. Nun excelente artigo que publica hoxe El País, remata dicindo que “a única forma na que o euro podería salvarse é se os alemáns e o Banco Central Europeo se decatan de que son eles os que teñen que cambiar o seu comportamento. Senón, Grecia pasará á historía como a vítima do orgullo desmedido doutros países”.

viernes, junio 15, 2012

Carrefour: de Grecia a Arxentina


Cando os ratos empezan a botarse ao mar é que o barco está a piques de afundirse. A multinacional francesa Carrefour, segundo grupo de distribución do mundo, decidiu vender a súa participación nos negocios de Grecia polo deterioro da economía do país, segundo anunciou o seu seu máximo dirixente, Georges Plassat (ver Le Monde de hoxe). Paralelamente, anunciaron a compra de 129 supermercados de baixo prezo da cadea arxentina Eki.
Curiosamente, todos estes anuncios fanse 48 antes de que os gregos volvan a comparecer nas urnas, o que fai pensar en que esta medida non é allea á cadea de presións que están a execerse dende Europa para tentar que o voto helénico non caia na tentación de manifestarse a favor da esquerda daquel país.
Carrefour pretende deste xeito “facer fronte aos desafíos que presenta o contexto económico grego”, e o seu socio local, Leonidas Marinopoulos, farase cargo de seguir explotando a cadea de supermercados, mediante franquicia, en Grecia, Chipre, Bulgaria, Albania e outros países dos Balkáns. No que concerne a Grecia, as vendas do ano 2011 representaron o 2,7 por cento do grupo. Os mercados bursísticos xa saudaron a operación cunha subida do 4,53 por cento dos valores de Carrefour.
O grupo francés está a sufrir, dende hai algún tempo, unha progresiva desmotivación dos seus equipos de traballo, con supermercados que ven aumentar as perdas constantemente e unha preocupante perda de imaxe comercial. Os seus resultados operativos baixaron preto dun 20 por cento o ano pasado, por exemplo, e os sindicatos franceses xa ergueron a súa voz de alerta.
O capital, como é ben sabido dende Marx, non ten patria. Carrefour agora vaise a Arxentina. Para que siga dicindo Rajoy que Cristina Kirchner está botando a perder o país dende que decidiu nacionalizar Repsol-YPF.

miércoles, junio 13, 2012

Volve a guerra ao Mediterráneo?


Global Hawk

Informacións que me chegan de Italia fan pensar en que o Mediterráneo pode volver a estar tan movido durante este verán como no do 2011, cando foi atacado o réxime do coronel Gaddafi en Libia. Grandes avións de espionaxe, tipo Global Hawk, Predator e Reaper, poden estar a piques de seren utilizados dende a base norteamericana de Sigonella, preto do aeroporto civil de Catania Fontanarossa, en Sicilia (Italia), para peparar escenarios de guerra en Siria, na zona do Mediterráneo e en Oriente Medio.
Predator
Tres das notificacións aos pilotos de aeronaves (NOTAM), que se emitiron o 4 de xuño, refírense á terminal de Fontanarrosa. Esixen a suspensión dos procedementos instrumentais estandar durante o acceso, saída e chegada dos aeronaves ata o 1 de setembro, debido ás “actividades de avións non tripulados” pertencentes ás fozas armadas de Estados Unidos e de Italia. Nas citadas notificacións especifícase que “as restriccións anteriores aplicaranse sobre unha base táctica dende o aeroporto de Catania”. Ademais, outro aviso comprendido no código M3066/12, ordena a suspensión de toda instrumentalización estandar nos despegues e aterraxes que se efectúen na estación aeronaval de Sigonella dende o 4 de xuño ata o 1 de setembro, e a gran base que teñen as forzas aéreas de Estados Unidos e da OTAN en Sicilia tamén será sometida a restriccións do tráfico os días 19 e 20 de xuño por unha vasta realización de exercizos aéreos no Mediterráneo.
Reaper
A base siciliana de Sigonela convertiuse na capital mundial dos vehículos aéreos non tripulados e a instalación dunha terminal terrestre do novo sistema satelital da Marina militar estadounidense, o Mobile User Objective System (MUOS), en Niscemi, converteron a Sicilia no “epicentro da guerra global e permanente do século XXI", segundo Alfonso di Stefano, da Campaña pola Desmilitarización que se leva a cabo en Italia. Segundo esta fonte, en Sigonella hai dous ou tres Global Hawk da USA Air Force e no 2015 estarán en funcionamento o AGS, sistema operativo de vixianza terrestre da OTAN, e a Broad Area Maritime Surveillance da US Navy, cos que os grandes avións espías operativos dende Sicilia pasarán a ser máis de 20.
Hai dous anos, a aeronáutica militar e o ente nacional de aviación civil asinaron un acordo técnico para as actividades de aeronavegación dos Global Hawk despregados en Sigonella no espazo aéreo italiano. Este acordo enmarcouse no ámbito do convenio Italia-Estados Unidos do 2008, sen atender unha normativa europea que regula o emprego dos aeromóbiles a pilotaxe remota dentro do sistema de tráfico aéreo xeral, e consentindo pocedemenos de coordinación entre a autoridade civil e a militar para limitar ao máximo o impacto sobre a actividade aérea civil. Á aeronáutica militar atribuiuselle a “presdisposición dos espazos aéreos necesarios para o emprego operativo e adestrativo das aeronaves a pilotaxe remota”, e o Ente Nazionale per l’Aviazione Civile (ENAC) encargouse da xestión e control do tráfico aéreo xeral.
Con todo isto, en Sicilia xa hai xente que está preocupada polo que pode pasar este verán no seu espazo aéreo e no mar Mediterráneo, e mesmo lémbranse de que algúns dos vehículos aéreos non tripulados que están a utilizarse –Global Hawk, Shadow, Predator e Reaper– mostran unha certa predisposición a perderen o control e precipitárense perigosamente ao chan ou sobre o mar. O estudoso local deste tema, Antonio Mazzeo, xa ten feita unha relación destes aparatos que sufriron accidentes.

martes, junio 12, 2012

Lea de faldas na política francesa

Ségolène Royal
As fabas cócense en todos os potes. A compañeira sentimental do presidente francés, Valérie Trierweiler, xornalista do semanario Paris Match e asidua comunicante en Twitter, precisamente a través da súa conta neste servizo de microblogging, acaba de apoiar o adversario de Ségolène Royal, Olvier Falorni, que se presenta contra ela na primeira circunscripción do departamento de Charente-Maritime (La Rochelle) na segunda volta das eleccións que van ter lugar o domingo que vén.
Valérie Trierweiler
Ségolène Royal é a ex muller de François Hollande, coa que tivo catro fillos, e dase a casualidade de que o presidente francés chamouna por teléfono para prestarlle o seu apoio hai pouco máis de 24 horas, segundo manifestou a señora Royal, na actualidade presidenta do consello rexional de Poitou-Charentes.
Realmente a sorte desta política francesa non é a máis brillante do mundo. Elixida candidata á presidencia da República para as eleccións do 2007, perdeu fronte a Nicolas Sarkozy, cinco anos antes de que o daquela aínda o seu marido, François Hollande, desprazase a Sakozy nas eleccións que tiveron lugar en maio. Un rimán de Ségolène Royal, Gérard Royal, membro dos servizos secretos franceses cando era presidente François Mitterand, participou no afundimento do barco Rainbow Warrior, da organización Greenpeace, mediante un atentado que lle custou a vida ao fotógrafo portugués Fernando Pereira.
Ségolène Royal aspira agora á presidencia da Asamblea Francesa, pero pode telo difícil tal como se lle están pondo as cousas, debido á “loita fraticida” (expresión utilizada polo xornal Le Monde) que se desencadeou en La Rochelle. A actitude adoptada pola agora compañeira do seu ex marido pode resultar para ela unha navallada mortal. Hoxe mesmo pola mañá, Valérie Trierweiler escribiu na súa conta de Twitter o seguinte: "Ánimo a Olivier Falorni, que non desmereceu, que se bate a carón dos rochelleses dende hai tanto tempo nun compromiso desinteresado". Hai cousas que case sempre rematan do mesmo xeito.

lunes, junio 11, 2012

Gobernantes que non saben contar ata tres

Cameron coa súa muller, Samantha, e a súa filla Nancy.
Sempre me fixeron moita graza eses contos que se atribúen a persoas despistadas que deixan esquecidas nunha gasolineira a súa muller, a súa sogra ou o can. O que non me podía imaxinar é que houbese primeiros ministros capaces de esquencer unha das súas fillas pequenas nun pub de Londres. É o que lle pasou ao premier británico, David Cameron, que deixou a súa filla Nancy nunha taberna do barrio londinense de Buckinghamshire, despois de tomar a parva alí coa súa muller e o resto dos seus fillos.
Segundo revela hoxe o xornal The Sun, Cameron foi almorzar ao pub Plough Inn coa súa muller e tres fillos. Ao remataren, regresaron á residencia oficial de Chequers a bordo de dous coches. Nun deles, a esposa do primeiro ministro, Samantha, co fillo Arthur, de seis anos, e a filla Florence, de 22 meses. No outro coche montaron David Cameron e os seus gardaespaldas. Cando chegaron a Chequers decatáronse de que faltaba Nancy, a filla de oito anos. Como é lóxico, volveron rapidamente ao pub para buscala. Atopárona na toilette do local público que acababan de abandonar.
Os británicos, case tan practicantes da retranca coma os galegos, xa andan preguntándose como pode xestionar a economía do país quen non é capaz de contar ata tres. Se me permitisen a brincadeira, eu preguntaría como vai resolver a crise española un gobernante coma Rajoy, que confunde un rescate cunha liña de crédito. A favor do primeiro ministro de España aínda está o feito de que nunca perdeu a ningún dos seus fillos nunha taberna de Sanxenxo ou nun campo de fútbol, que se saiba polo menos.

domingo, junio 10, 2012

E foise ver o partido


Escoitar hoxe, domingo 10 de xuño, no telexornal da Primeira, a Mariano Rajoy dicindo que se vai á Eurocopa "tras resolver a situación” española, non sei se pode dar náuseas, ganas de rir a cachón ou producir a inmediata necesidade de incharse de benzedrina como facía Jack Kerouac cando percorría a Route 66 para escribir On the Road.
Sei que non é o momento propicio para pedirlle que se vaia, ou sexa, que dimita, como facía Aznar con Felipe González, pero por moito menos teñen tirado a toalla gobernantes de países democráticos. Presentar agora como unha vitoria o que non é máis ca un completo fracaso da súa política dende que chegou á Moncloa, podería parecer unha frivolidade se non fose, ademais, a crónica anunciada de que nos vai seguir tomando o pelo durante todo o tempo que permaneza á fronte dos nosos intereses. Rajoy comenzou incumprindo as súas propias promesas electorais e, en menos de seis meses, rematou facendo exactamente o contrario de todo o que nos dicía que era bo para España. Un gobernante así non debería estar moito tempo no poleiro.
Entre outras cousas porque xa non podemos fiarnos do que di nin do que fai. O rescate que lle impuxeron agora resulta que é unha liña de crédito que nos vai sacar da crise. De momento, aos banqueiros polo menos. Ata cando nos vai seguir ocultando que a contrapartida ha conlevar incremento do IVE, regresión da función pública, reforma das pensión, descontos salariais, novas privatizacións e outras medidas restritivas que lle van dar a puntilla ao estado de benestar? Ao estado de benestar da inmensa maioría. Non ao seu propio, que de momento ben que lle sirve para largarse a Polonia ver como a seleción española de fútbol lle dá patadas ao balón. Patadas no cú é o que teriamos que darlles a todos os que nos levaron a onde estamos.

sábado, junio 09, 2012

Xa somos portugueses, gregos e irlandeses


En menos de seis meses, Mariano Rajoy cosechou o seu máis estrepitoso fracaso: o de ter que aceptar un plan de axuda económica de máis de 100.000 millóns de euros desbloqueados de maneira urxente pola Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional pra impedir a bancarrota española. Se o socialista Zapatero pasou á historia como o político que se negou teimosamente a aceptar a realidade da crise, o conservador Rajoy competiu con el nas tesimosías mostrando unha porfía obstinada na negación dun rescate económico que finalmente –coma Zapatero coa crise– non lle quedou máis remedio ca admitilo.
A porfía de Zapatero custoulle perder as eleccións. Que lle vai custar a Rajoy? Máis cedo que tarde, as eleccións tamén. Dende agora, o presidente español é un gobernante gravemente tocado que vai ter que xestionar un escenario á irlandesa ou algo aínda moito máis constrinxente do que el é o primeiro en non saber como se vai saír. Igualiño que Zapatero non sabía que estabamos afundíndonos na crise.
Hai que dar por seguro que o equipo económico de Mariano RajoyDe Guindos, Montoro, etc.– e el mesmo van experimentar nas próximas horas, días e semanas unha curiosa transformación, quizais habería que chamarlle trasvestismo, volvéndose aplicadísimos buscadores de sinónimos para evitar a palabra rescate. Chamaranlle de mil maneiras, pero non o que é. Igual que fixo Zapatero cando a crise.
E aos de sempre, aos que pagamos os rotos e os descosidos, volverán a apretarnos as roscas. Xa somos portugueses, gregos e irlandeses sen deixar de sermos, iso si, galegos e españois eternamente mal gobernados. Fódase pa! σκατά! Cac!

miércoles, junio 06, 2012

SOS España


Teño un amigo que rifa comigo cando me ve ler os xornais. Segundo me di, a miña teima pódeme volver tolo. Hoxe case lle dou a razón. Mentres leo na prensa española que hai algún sinal de recuperación económica, infórmome pola francesa de que todo nos vai de mal en pior. “SOS Espagne”, titula na primeira páxina Libération, que engade un antetítulo que di que “Afogado pola caída do seu sistema bancario, Madrid pídelle a Europa que lle axude. Unha nova Grecia?”. "O estado crítico de España e dos seus bancos alarma a Europa", titula pola súa parte Le Monde tamén en primeira páxina, precisamente hoxe, día no que o ministro español de Economía, Luis de Guindos, está en París para negociar co seu homólogo francés, Pierre Moscovici.
Libération, que lle dedica ao tema case toda a súa portada e catro páxinas interiores, co alarmante titular de “Bancos: España derrúbase, Europa entra en pánico”, sostén que “os créditos asombrosos dos estabrecementos españois, lastrados sobre todo por activos inmobiliarios dubidosos, fanlle temer á UE unha nova crise bancaria”. O mesmo xornal chega a dicir, nun artigo de Vincent Giret, que “sen risco de manter vanamente o énfase, é posíbel afirmar que a sorte de Europa xógase unha vez máis en Madrid, como no 1936, nun contexto moi diferente e sobre outro terreo, pero coa mesma agudeza dramática”.
Pola súa parte, Le Monde sostén que a recapitalización bancaria española podería acadar os 100.000 millóns de euros. “A hora é grave –di o xonal de París– e o martes 5 de xuño, no canto dunha conferencia telefónica de crise, os ministros de finanzas do G7 deben tratar o aumento de tensións na zona euro e a debilidade de certos bancos, sgundo unha declaración feita á AFP, o luns, polo ministro de finanzas canadense, Jim Falherty. España focaliza a atención”.
O caso é non son só estes dous prestixiosos xornais franceses os que acentúan a alarmante situación económica de España. O alemán Die WeltFinancial TimesThe Wall Street Journal, o italiano La Repubblica e moitos outros medios de comuniación, televisións incluídas, non paran de falar da crise española. E con razón: o rescate de Irlanda custou 85.000 millóns de euros. O de Portugal, 78.000. E o de Grecia, 292.000. Os nosos bancos, por si sós, precisan 100.000 millóns, segundo os cálculos optimistas. Ata 200.000 millóns de euros, segundo algúns expertos. O salvamento de Bankia xa custa 23.000 millóns. Canto falta para que nos rescaten? Ou teremos –terán– que botarnos fóra do euro? É todo o que lle debemos á especulación do capitalismo salvaxe, e non á nosa falta de producción, diga o que diga o amo de Mercadona.

martes, junio 05, 2012

Reganosa outra vez


Lendo hoxe praza.com entérome de que o Tribunal Supremo desestimou a apelación que Reganosa presentou contra a sentencia do tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 22 de abril de 2008, que anulaba a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Mugardos que serviu de base para licenciar as obras da pranta de gas de Roberto Tojeiro.
Sen dúbida o de Reganosa é un dos episodios industriais máis controvertidos e significativos da Galicia das últimas décadas. A planta regasificadora foi construída en plena ría de Ferrol e a menos de 1.000 metros de importantes núcleos de poboación, contra a opinión do Concello de Ferrol, daquela gobernado polo alcalde nacionalista Xaime Bello, e coa oposición de numerosos veciños da comarca, asociacións ecoloxistas e veciñais, etc.
O caso constituíu, ademais, un rechamante exemplo de como se moven ás veces intereses moi contraditorios no colo dos partidos políticos de Galicia. Así, mentres que o equipo municipal que gobernaba daquela en Ferrol (unha coalición de nacionalistas e socialistas) loitou contra a implantación da regasificadora no lugar que ocupa actualmente (propoñían que se instalase no que agora é o porto exterior de Ferrol), dirixentes do BNG, como o que despois foi conselleiro de Industria, Fernando Blanco –hoxe imputado xudicialmente por asuntos que non teñen que ver coa planta de gas–, ou o mesmo máximo dirixente da UPG, Fancisco Rodríguez, favoreceron todo o que puideron os intereses do promotor da mesma, Roberto Tojeiro, e dos seus socios, entre os que estaba a daquela chamada Caixa Galicia.

lunes, junio 04, 2012

Saírmonos do euro


Cada luns, o economista francés Alexandre Delaigue fai no xornal Libération unha pregunta iconoclasta que acostuma resultar molesta politicamente. A de hoxe é a seguinte: E se España fose a primeira en abandonar o euro?
Comenza dicindo que, dentro do relato convencional da crise na zona euro, Grecia fai o papel de país emblemático. O país no que o o goberno, pouco eficaz, gastou sen conta, camuflou a realidade das súas contas públicas e aínda agora négase a facer o esforzo necesario para restrabrecer a situación, pondo en perigo toda a zona euro. Neste relato convencional, todos os países en difucultade da zona euro son unha Grecia en potencia se non levan a cabo esforzos rápidos.
O problema deste relato dunha crise causada por gobernos sen pecunio –sostén Delaigue– é que non cadra en absoluto coa situación doutros países en dificultade, dos que España está na primeira fila. Entre o 2000 e o o 2007, coñeceu por termo medio un execedente orzamentario do 0,2 por cento do PIB por cada ano (contra un déficit do 2,2 por cento en Alemania) e unha débeda pública que foi menos da metade da dos alemáns.
Daquela, os seus excelentes resultados económicos dábanlle envexa a outros países europeos, ata o punto de que François Bayrou fixo campaña electoral prometendo ser o “José María Aznar francés”, e, no 2007, os seus partidarios alcumaban a Ségoène Royal de “Zapatera”. No 2008, os comentaristas financeiros non aforraban os eloxios que dirixían ao modelo financeiro español, dirixido por banqueiros a pé de obra que non se deixaban levar polos instrumentos financeiros sofisticados dos americanos e que resistían a crise das subprimes.
Dende o comenzo da crise, os sucesivos gobernos españois fixeron celosamente todo o que lles mandaron as institucións europeas someténdose inmediatamente á austeridade orzamentaria. O goberno de Zapatero pagouno nas urnas. Porén, España está ao borde do abismo. As taxas da súa débeda pública aumentan a toda velocidade, o país sofre unha fuxida de capitais (100 millóns de euros no primeiro trimestre do 2012), o paro bate récords (24,4 por cento da poboación activa), o sobreendebedamento doméstico vai a máis e o goberno atopa grandes dificultades para recapitalizar Bankia.
Como constatou o economista Paul Grauwe, a situación do Reino Unido parécese, en pior, á de España. Porén, o Reino Unido sofre moitas menos presións dos mercados. Hai unha soa diferenza, pero é crucial: o banco central británico poder servir de prestamista en última instancia e a libra esterlina pode devaluarse.
España, co euro, atópase na situación deses países en desenvolvemento endebedados en divisas estranxeiras de cando as crises dos anos 80-90. A presenza na zona euro levou a España a coñecer un boom inmobiliario sen precedente, alimentado por capitais do corazón de Europa, Hoxe, a súa presenza na zona euro impídelle saír da crise.
Para Grecia, saír da zona euro sifgnificaríalle unha devaluación considerábel, pero sobre todo unha enorme perda de estatus: convertiríase nun país balkánico como moitos outros. Por iso, no seu conxunto, os gregos consideran que terían máis que perder que a gañar en saír sós da zona euro.
O cálculo non é o mesmo para España, que quedaría, fóra da zona euro, integrada nun mundo hispanófono en pleno crecemento económico. España dispón dunha economía diversificada, cunha industria capaz de aproveitar rapidamente unha devaluación. As súas institucións políticas son moito máis sólidas cas institucións gregas.
Polo tanto, cando se vai cara a unha España botada nos brazos da Troika, perdendo o control das súas finanzas públicas, como Grecia, compriría lembrase de que a súa capacidade de tolerancia ao sufrimento económico en nome do euro probabelmente é menor ca dos gregos.
Por que será que en Francia xa está habendo estas reflexións e, en España, andamos só a por a venda nos ollos? Quizais deberiamos facer como fixeron en Italia cando interpretaron o emblema do euro: "Dous homes espidos, un dentro do outro. Tiñamos que comprender deseguida que o euro nos ía dar polo cú a todos".