viernes, abril 05, 2013

El Dorado, la cólera de Feijóo

Resulta interesante ir vendo como transcorre o caso das xa internacionalmente coñecidas fotografías de Alberto Núñez Feijóo con Marcial Dorado. Por un lado están as contradicións, que el di que non o son, observadas nas declaracións do actual presidente da Xunta sobre este particular. Para el o caso só é pura “infamia”, e todo un catedrático de Dereito Constitucional como é Roberto L. Blanco Valdés non dubida en soster que o uso das tales fotos non é máis ca “unha burda operación de manipulación informativa e de fraude político” para montar “unha gran ofensiva de acoso ao presidente que, segundo os que se prestaron a ela, debería pagar coa súa inmediata demisión unha suposta relación co narcotráfico que, sen unha soa proba que a avale, e construída exclusivamente a partir dunhas fotos sacadas de contexto, constitúe nada máis, nin nada menos, ca unha calumnia formidábel”.
Vaia, vaia co señor catedrático. Como manexa a terminoloxía. “Operación de manipulación informativa”, “fraude político”, “gran ofensiva de acoso ao presidente”, “calumnia formidábel”... Pero non se decata este experto en Dereito que el mesmo está atribuíndolles ao xornal El País e aos xornalistas que eleboraron a información e a publicación das fotos –e a moitísimos máis medios e xornalistas e políticos– a comisión non de un senón de varios delitos? Fraude, calumnia, manipulación... Supoño que terá probas porque, senón, o que estaría supostamente cometendo o delito de calumnia sería el, porque niso consiste precisamente o delito de calumnia: atribuir a alguén falsamente a comisión dun delito.
E logo está a aparición dun xuíz estrela de Santiago no caso. Tampouco deixa de ser sorprendente a irrupción do maxistrado Taín para dar a saber que as fotos de Feijóo, que había casa de Marcial Dorado, eran de irrelevancia ou que a Fraga lle contou que non tiña que preocuparse polo seu daquela conselleiro de Ordenación do Territorio porque non había nada malo na súa relación co narcotraficante que o xuíz estaba investigando. Quero dar por seguro que, no momento en que Taín lle fai esta confidencia a Fraga, o caso non estaría sometido a ningún segredo de sumario. Digo eu. En todo caso, o xuíz-novelista ben podía ir pensando en dedicar a súa segunda novela a este asunto. Bríndolle gatis et amore un posíbel título: El Dorado, la cólera de Feijóo.

1 comentario:

suroeste dijo...

Que bon! A verdade é que a historia dá para mil xogos de palabras, unha tentación moi grande para os que temos estes entretementos verbais.