jueves, abril 11, 2013

Que volva a Pirenaica

Xa está ciscada –como non?– a cohorte de palmeiros que acostuma botarlle ramos de loureiro ao PP cada vez que alguén dos seus se atopa con algún contratempo. Dende o cada vez máis cortesán El Correo Gallego ata unha La Voz de Galicia que empezou titulando sobre os shows de Beiras e rematou cambiando esta palabra por “indignación” –e xa non digamos polos medios públicos da Xunta–, o panorama que presentan os medios de comunicación de Galicia é pouco diferente ao que ofrecía a desaparecida Cadena del Movimiento nos tempos de Franco.
Para eles, calquera cousa que faga ou diga o presidente Feijóo, igual que pasaba cando mandaba Fraga, só merece auga bendita. É tal a carencia de análise crítica e de información medianamente obxectiva que poucos ou ningún dos nove xornais que se editan en Galicia, e a maior parte do resto dos medios de comunicación, teñen máis semellanza cos media de calquera predemocracia ou mesmo ditadura blanda que cos dunha democracia europea estabrecida. Onde están o Le Monde, o Libération, o La Repubblica, o Frankfurter Algemeine Zeitung? É Xosé Luis Barreiro o noso Raymond Aron? A Blanco Valdés onde o publicarían en Francia, en Le Figaro ou en Le Parisien? Cantos articulistas de El Correo Gallego –con Carlos Luis Rodríguez á cabeza– poderían publicar en Giornale di Sicilia?
Hai que recoñecer que varias das firmas que a cotío retroalimentan a opinión publicada de Galicia valen tanto para coser un roto como para ganduxar un descosido e cambian de aplauso segundo sopre o vendaval do poder. O espectáculo é tan delirante que non se pode máis ca botar moito de menos os Borobó, Francisco Pillado, Pedro de Llano, Manuel Cerezales, Fernández Ferreiro e ata Augusto Assía dos tempos pasados. Non é que agora haxa mellor ou pior xornalismo en Galicia. É máis simple: agora só hai propaganda. Se non fose porque aínda nos segue chegando algo de fóra –El País, El Mundo, La Vanguardia, El Periódico–, aquí teriamos que volver a sintonizar a BBC, Radio París o a Pirinaica. Como nos vellos tempos.

7 comentarios:

Antón Dobao dijo...

Perfecto, Perfecto.

Carqueixa dijo...

Bueno, agora so vai mal na tipografía do título, o resto ben.
Non sei se vostede le La Región; nós acá en Ourense só lle damos a importancia que ten cando lemos as esquelas, que é no único no que non menten, aínda que algunha vez xa puxeron algunha para amolar a alguén que estaba vivo, mais isto non foi culpa dos editores. Incluso hai días que poñen noticias que xa deron outros xornais hai varias datas, por non preocuparse nin se preocupan de dalas actualizadas.
O de La Región é do máis curioso, pois os seus donos “os Outeiriños” só teñen un deus que é o diñeiro. A eles quen os alimenta é o único que lles importa; na actualidade como Nuñez Feijóo leva uns anos sen alimentalos resulta simpático e do máis estraño ver como o poñen a caer dun burro, incluso as veces con nimiedades e parvalladas, e todo o fiel da romana inclínana cara os Baltares e o bipartito do Concello, que son os únicos que lle untan o peto.
A verdade é que La Región semella ser un panfleto da época feudal. Aínda que cada vez menos, na Voz e no Faro a algúns que escriben paga a pena lelos, mais son os menos.
Saúdos.

Anónimo dijo...

Por min como se desaparece toda a prensa escrita galega, non vale para nada

suroeste dijo...

Si, Carqueixa, concordo. A min tamén me gusta moito a Voz, sobre todo cando o dire, Don Santiago, abandona o jaccuzi para fumigarnos con zotal. E tamén está alí traballando un "chico" que fai unhas haxiografías que lle quedan moi finas, case non se lles nota nada. Can, Carnei, Caneiro chámase e é d´Orense tamén. De Blanco Valdés, xa non falo nada, adoralo, se cadra, e máis nada. Simplemente non estamos á altura.

bemsalgado dijo...

Unha suxerencia: Comparade as imaxes con que ilustran hoxe (11 abril), nas suas edicions impresas, El Correo Gallego e El Pais a cobertura informativa da comparecencia de Núñez Feijoo no Parlamento Galego de onte.

Cousas veredes.

Anónimo dijo...

La Región, no sólo es medieval, sino "badoca". Uno de los Outeiriños no se cortó un pelo para decir, en plena tertulia radiofónica que, Núñez le gustaba porque no parecía "badoco", traduzco yo osadamente, que quiso decir que parecía más "pijo" que el resto y, añado con idéntica osadía, que pensará que queda bien cuando habla en Madrid porque no tiene acento gallego. "Badoquismo" en estado puro. Qué se puede esperar del panfleto que dirige esta casta.

Carqueixa dijo...

Home, sr. Suroeste, precisamente Caneiro e Blanco Valdés son dous dos que nunca leo; aínda que recoñezo que Caneiro hai algúns anos tivo uns cantos libros de boa calidade literaria, mais os seus artigos na Voz son dunha baba tremenda, e por iso xa hai tempo que deixeinos de ler.
Eu coido, que os de Freixanes, os de Franco Grande os de César Casal, non todos, os de Javier Sánchez ou Juan José Millás, pagan a pena lelos.
Saúdos