miércoles, enero 09, 2008

A honra de deus e a facundia de Bono


Anda o país de países, é dicir, España, envorcado outra vez nas pantasmas do pasado. Por moitas voltas que se lle queira dar, o sucedido en Euskadi cos dous etarras lesionados durante unha intervención da Garda Civil parece máis un episodio lamentábel que unha mera circunstancia derivada da necesaria e imprescindíbel loita contra o terrorismo, e as respostas dos altos responsábeis desta loita –ministro de Interior incluído– empezan a parecerse demasiado ás que fornecían os seus antecesores, Juan José Rosón incluído tamén.
E logo sempre chega Bono, ese Paco Vázquez mesetario aprendiz de bruxo, que parece manexar un particularísmo diccionario de citas coas que acostuma xostregar a interpretación da realidade vixente. A súa última xaculatoria foi dicir que lle gustaría dicirlles aos gardas civís que participan na loita antiterrorista que “non haxa baixas”, pero “se ten que habelas, que non sexan dos nosos”. A un dalle a impresión de que esta película xa lla botaron varias veces dende aquel lonxano día en que mataron a Melitón Manzanas. De fazañas bélicas estamos fartos os que nos sentamos no patio de butacas –os do galiñeiro, máis aínda– e gustarianos moito ver que poñen menos a John Wayne que a Cindy Crawford ou Julia Roberts.
Di López, o meu humorista de cabeceira, que se a Mariano Rajoy non lle importaría ser presidente do goberno só durante dous mandatos, el tampouco regañaría o dente por ter que saír só dúas noites con Claudia Schiffer. E digo eu que me conformaría tamén con non padecer nunca máis o terrorismo salvapatrias dos iluminados nin as parvadas en lata que poñen en circulación determinados políticos sobre os que pode dar a impresión de que pouco lles quedaría por dicir se a desexada pacificación norteña chegase por fin. Non comprenderán nunca que esta película non é de indios?
Algo que tamén ten o seu aquel é o empecinamento das autoridades eclesiátiscas –bispos, arcebispos, cardenais e todo o gotha católico– acerca dos, segundo eles, enormes abismos que está abrindo o suposto laicismo de Zapatero. O inteletual orgánico do xornal El País, Juan Luis Cebrián, revestido el tamen coa tiara de cardeal laico que tanto lle gusta poñer de vez en cando, arréalles hoxe unha boa cun artículo que titula El honor de dios (así, con minúscula, e coido que non é unha errata). Debería ser de letura obrigatoria para os que pensamos que este mundo aínda pode ter algún amaño. Citándose a si mesmo, Cebrián –ex enfant terrible do franquismo– remata a súa perorata con estas palabras: “A este respecto recordaba yo, en un reciente artículo para el semanario Expresso de Lisboa, el refrán de que en España siempre hay que ir detrás de los curas o con un palo o con una vela. Viene al pelo para coronar este artículo. Aunque, a fin de escapar de tan horrible dilema, los Gobiernos democráticos han preferido mostrar a los clérigos la zanahoria. Parece que el experimento no funciona”. E tanto que non funciona. Pero quen vai agarrar o pau?

1 comentario:

Anónimo dijo...

Dicir que a estas alturas non hai torturas en España, é un iluso. Que llo pregunten a Annistía Internacional. Nun estado de dereito non tiña por que acontecer. Pero entre os xornais do "rexime borbónico", os xuíces, o goberno,fiscais e un longo etc, parece que hai unha "tácita" unión para calar. Logo están Srs. como ese Bono que confunde a velocidade co touciño. Logo o ministro do Interior dando unhas declariacións que non concordan coas "oficiais" da G. C.. Agora estes que colleron foron o que fixeron todo e moito máis. Cando che torturan para rematar pronto asinas que mataches á túa nai e o que sexa. Non estou a xustificar a estes asasinos de ETA, senón que non quero ser un BONO de confundir o touciño e maila velocidade. Está a darlle a patente de corso a algúns da F.de S.. Con esta patente tamén podes ser ti ou calquera o que caia nas máns e poden pasarse. Exemplos os temos abondo: Comisarías de Barcelona, o de Málaga e outros cuarteis. Cousas de esta "democracia borbónica".Seguimos sendo súbditos e non cidadáns.
¿Sabedes o que é un torturador amparado cun uniforme e con patente de corso?. Pois é este:
O torturador pode ser unha persoa psicótica e insensible, con dificultade de conectar coa dor. Non hai límite no dano que fai, posto que non ten ben desenvolvido o sentido da «compaixón» ou da «piedade». Pode ser tamén unha persoa sádica que goza facendo dano e xa que logo haberá un goce perverso e morboso con cada mostra de dor e sufrimento da súa vítima. Pode ser tamén un torturador ríxido ou paranoico que crea que está cumprindo co seu deber; só cumpre ordes dos seus xefes e estes á vez cumpren os desexos dos políticos, e quen sabe se tamén dalgúns xuíces.Esta última discreción, para min é a máis alonxada do ser humano, despois de facer iso colle o coche e vai coller os seus nenos ao colexio, chega a casa xoga con eles e dalle carantoñas á súa dona, rinse falan, comentan e ata lles merca xoguetes aos rapaces e pola noite entra de garda e leña al mono outra vez. Este é un infrahumano. Que carallo ten a patente de corso que lle dan os políticos e os seus xefes. É o que hai, este país non ten solución.