lunes, marzo 31, 2008

Non era Pachi Vázquez o mellor conselleiro de Medio Ambiente?




Esta vez o PP tocou óso. Refírome a denuncia que está a facer contra o lixo incontrolado que remata no vertedorio instalado hai varios meses no monte da Areosa, en Cerceda (A Coruña). Na mañá de hoxe, o partido de Núñez Feijóo difundíu un comunicado no que sostén que “a Consellería de Medio Ambiente e maila Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) tamén enterran restos de animais no vertedoiro ilegal que habilitaron hai varios meses no concello de Cerdeda, ao que ameazan con converter no basureiro de Galicia”.
Segundo o portavoz parlamentario do PP, Manuel Ruiz Rivas, “con independencia de que este tipo de vertido contraveña a lexislación ambiental española e europea, que esixe un tratamento específico para todos os restos de animais, polo risco que implican para a saúde pública, este entrerramento é especialmente preocupante na medida en que o basureiro verte no río Lengüelle, que discorre polo fondo do val conformado, nunha das súas marxes, polo monte da Areosa”.
O Lengüelle é un afluente d Tambre que, río abaixo, abastece a cidade de Santiago. De feito, a captación e a estación depuradora de auga que dá servizo a máis de 100.000 habitantes da capital de Galicia e parte do concello de Ames, están situadas a escasos 33 quilómteros do vertedoiro dea Areosa. Na eventualidade de que se producise calquera fallo ou descuido no sistema de depuración establecido, os lixiviados deste vertedoiro tardarían entre oito e dazaséis horas en alcanzar a toma de abastecemento de Santiago, circulando polos ríos Lengüelle e Tambre.
É ben sabido que o PP non é precisamente Greenpeace. A súa política mediomabiental mentres que gobernou España e Galicia, ou nas comunidades que segue administrando, non é nin de lonxe a que defenderían un ecoloxista ou un simple cidadán sensibilizado polo estado actual do planeta, pero isto non debe desautorizar o partido conservador español para poñer o dedo na chaga do que, agora que xa non goberna esta terra, segue a pasar entre nós.
Coido que non me vou equivocar se digo que o caso da Areosa vaise converter nun exponente máis da vergoña que deberían sentir todos os políticos, sexan do partido ou organización que sexan, diante da desfeita medioambiental, xeográfica e paisaxística que está a padecer o país. Os que gobernan actualmente, PSOE e BNG, teñen a sorte de que aínda non se enfrontan con eles, por este motivo, organizacións e persoeiros que, se seguise Fraga en San Caetano, sen ningunha dúbida, estarían pondo o berro no ceo polo que está denunciando o PP sobre o vertedoiro da Areosa.
Resulta curioso observar que agora é o PP quen vai a sitios coma estes e tira fotografías que mostran como se están vertendo neles sen control medicamentos, restos de animais mortos, residuos industriais, lixo procedente de centros médicos, etc. Non hai como estar na oposición para percatarse de que hai que gañar o pan coa suor da testa. Dá gusto ver agora os do PP denunciando o que antes facían eles sen ningún reparo. Pero isto non obsta para que os do común apuntemos agora cara os que son os verdadeiros responsábeis, é dicir, os que nos gobernan, que non son precisamente do PP. Non pensabamos que o socialista Pachi Vázquez era un bo xestor do medioambiente galego? Pois, segundo vai parecendo, aínda vai ser que non.

No hay comentarios: