sábado, marzo 01, 2008
O 68
A un amigo meu, sesentaeoitista coma min, pareceulle “unha asamblea de excombatentes” o acto inaugural da exposición “Do Gaudeamus igitur ao Venceremos nós, as mobilizacións estudiantís do 68 en Compostela”, que tivo lugar o pasado xoves no pazo de Fonseca de Santiago coa presencia do rector da USC, o presidente de Asturias e as conselleiras galegas de Educación e Cultura.
O comisario da mostra, Ricardo Gurriarán, estaba pletórico e non era para menos. Arreoulle duro ao traballo de organizar e levar a cabo a conmemoración da efemérede e logrou que persoas de traxectorias políticas e culturais tan diferentes como Vicente Álvarez Areces, Emilio Pérez Touriño, Luis Foz ou Suso Sanxoás tivesen algo que celebrar xuntos. Houbo quen viaxou dende lonxe, como Quique Anciones ou Xerardo Moscoso (Málaga, creo, e México) para cantar de novo a versión galega do We Shall Overcome, co que tantas veces nos puxo a pel de galiña Joan Baez.
Gurriarán, que vai camiño de converterse no mellor recuperador da memoria histórica recente deste país, pescudou en numerosas e moi diversas fontes para compoñer este mosaico de nostalxias que se pode ver no pazo de Fonseca ata o 27 de marzo e que a moitos nos fai lembrar cousas que xa esqueceramos que fixemos.
No día seguinte á inauguración, o 29 de febreiro, Ezequiel Méndez volveu a presentar unha daquelas sesións de cine-club que tanto promoveu nos anos cercanos ao 68. A película escollida (Umberto D., Vittorio de Sica, 1952) non foi precisamente a máis indicada para erguernos a moral aos que coma Umberto Domenico Ferrari, protagonista deste filme case nihilista do neorrealismo italiano, entramos xa ou estamos a piques de entrarmos na nómina dos xubilalatas. Coido que o espírito e a rebeldía dos do 68 circulou máis próxima á denuncia e a esperanza de Roma città aperta, xa que de neorrealismo italiano se trataba. Aínda que confeso que me gusta moito Flicker, o can de Umberto D., o único que podía pertenecer con todos os méritos á xeneración sesentaeoitista.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
Attention!
Sempre lle fun máis devoto do 69, ainda que o 68 fora un bo anticipo...
Publicar un comentario