jueves, julio 10, 2008

Caldas de Franco






Hai que ir velo para crelo. A trapallada que se lle ocorreu ao alcalde socialista de Caldas de Reis (Pontevedra) é digna de pasar a un futuro museo das badocadas cometidas en Galicia. Xoan Manuel Rei, rexidor municipal en cuestión, e Fernando Sánchez Castillo, artista segundo el moi viaxado e autor da cabeza esculpida de Fracisco Franco que bota auga pola boca –aínda se fose viño ou cervexa–, artífices os dous de que estes días estea exposta esta “obra de arte” na praza máis visitada de Caldas de Reis, seguramente pensan de si mesmos que son dous xenios, pero en realidade non pasan de seren un par de badocos que resultan indignos de gastaren os cartos dos contribuíntes en cousas coma esta escandalosa exposición.
Intencionadamente fun ver a obra antes de criticala. Non fose ser que, por riba de polémicas políticas ou ideolóxicas, a peza escultórica de Fernando Sánchez resprentase en si mesma algunha forma de valor artístico. A miña decepción foi de campionato. O busto de Franco exposto en Caldas é de tal vulgaridade artística que o autor da estatua que se lle retirou ao ditador da praza de España ferrolá podería constituír, ao seu carón, unha obra de Pablo Serrano. Se tal cousa é “la fuente de la vida de un país”, como pretende pasala de contrabando o autor, seguramente habería que ir repensando a arte dos nosos días antes de que todos rematemos confundíndoa coa casa da collona, e non o digo polo lugar no que naceu Díaz Pardo.
Di o alcalde de Caldas de Reis que a obra non vai ser retirada, como pediron os representantes locais do BNG, porque se trata de “provocar” e “esta polémica servirá para que nas casas se fale de Franco e, de paso, tamén de Caldas”. Aínda vai resultar que os alcaldes socialistas se van poñer a "provoquer le bourgeois” botando man da cabeza do ditador, precisamente no momento no que outros están tratando de aplicar a Lei da Memoria Histórica e de limpar o país de símbolos fascistas, que tempo era de que se fixese.
Resulta evidente que o rexidor caldés non é persoa que se caracterice polos seus elevados coñecementos e sensibilidades artísticos, nin está arrodeado de expertos na materia, polo que se ve, pero pola súa militancia cabía agardar del unha maior prudencia política nos seus comportamentos. Pola súa conta e risco, oito anos despois de que Ferrol descabalase o Franco que había na praza de España, mandándoo ao seu emprazamento actual no Arsenal, e a penas unha semana despois de que outro monumento ensalzador da figura do ditador fose literalmente voado nas illas Cíes, Xoán Manuel Rei teima en provocar a opinión pública pagando con fondos públicos unha trapallada pseudoartística que resulta, inexorabelmente, do pior gusto franquista, diga o que diga o autor da chamada “obra”.
Visto o que se ve en Caldas, a megalomanía escultural do alcalde de Oleiros, chantando nunha encrucillada do concello unha estatuta do Che Guevara, igualmente a cargo dos erarios públicos, ata pode resultar comprensíbel. Postos a facer babecadas, a de García Seoane é menos criticábel dende os puntos de vista artístico e político.
Iso si, Rei logrou o seu propósito de que se fale de Caldas de Reis, que agora se cadra pasa a chamarse Caldas do Rei Alcalde. Ou Caldas de Franco. Mágoa de que, para conseguilo, non se lle ocurrise falar do bo polbo que sirven no Muíño ou das poucas árbores que lle van quedando no parque. Ou da limpeza e descontaminación do río que pasa pola súa vila. Sempre houbo e ha haber alcaldes que non saben rematar os seus mandatos sen fácerense célebres polas súas “alcaldadas”. O de Caldas xa asinou a súa.

7 comentarios:

Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...

Don Perfeuto:
Vostede, que me parece a min que é aínda ben afrancesadp, utliza, porén, unha expresión que non casa ben co idioma de Voltaire cando afirma que os alcaldes socialistas aínda han querer "provoquer le bourgeois".
En realidade e para ser exacto, debeu vostede dicir "épater le bourgeois", expresión que foi acuñada por Flaubert en 1858 e que, dende entón, non parou de ter éxito mesmo internacional e ata multilingúístico.
Tómeo só como unha aportación benevolente.
Saúdos.

Anónimo dijo...

Dona Hildegard (¿non debería ser Hildegart?):
Como tal (benevolente) a tomo, e doulle toda a razón porque a ten. O de utilizar o verbo "provoquer", no canto de "épater", non foi máis ca un "lapsus memoriae" imperdoábel pola miña parte.
Agradézolle a puntualización e pode estar vostede segura de que sempre é ben recibida neste recantiño do pensar por aquilo de existirmos.
Correspóndolle o saúdo.

Luisfoz dijo...

Muito bem o "croque", Perfeutim, pensava fazer-che a mesma observaçom que Hildegard mas já vejo que está feita e contestada. Por certo que discrepo com "ela" no uso apenas crítico do lugar dos comentários. Para além da crítica havia que dizer algo da qualidade deste magnífico "croque".

Anónimo dijo...

Non sei si se decataron. A cachola do Franco é unha decapitación. Semella vir dunha guillotina ben afiada, o pedestal é moi baixo, anano diría eu, e está reducida a unha función moi semellante a das gárgolas. Non sei se foi esa a intención agachada dos deseñadores pero esa foi a impresión que eu tiven... pode que me pase..

Anónimo dijo...

É certo..Nos tempos de Franco o alcalde e o escultor irían a cadea por esa "cachola"