miércoles, julio 30, 2008

Viaxe a Itaca

Os amigos lectores deste blog tenen que disculpar a despedida a francesa que lles fixen fuxindo de Galicia sen avisar. Mais ainda me ten que disculpar o meu amigo Ramiro Fonte por non terlle asistido a homenaxe que lle fixeron en Ferrol o pasado luns. Sucede que ando de don Henrique o Navegador por mares de Grecia. Cos meus amigos Alexandro Dieguez, Jobo e Carlinos estou tratando de emular a Ulises na busca de Penelope na illa de Itaca.
Comenzamos o periplo ao norte de Atenas, na Grecia continental, nun lugar case perdido que se chama Oropos. Baixamos polo Exeo, dobramos o cabo de Marathon e recalamos en Lavrion, antes de de pasar fronte a Atenas e bordear a illa de Salamina, onde xa empezamos todos a entrar na historia desta magnifica parte do mundo. Cruzamos logo o canal de Corinto para entrarmos no golfo do mesmo nome, camino da xa total inmersion na historia que nos toca de preto. E dicir, na batalla de Lepanto, onde todos botamos de menos non ter un exemplar do Qixote para homenaxear a don Miguel. Tinamos, pola contra, duas edicions da Odisea de Homero que nos repartimos para emborracharmonos coa cultura local-universal.
Foi, durante todo este tempo, un paseo triunfal. O mar estaba tan calmo como que, as veces, atopou Ulises cando regresba a sua illa para librar a Penelope das acometidas amorosas dos itaquenos. Iso si, antes de chegarmos a Vathi, capital da illa, coa noite mediterranea caida sobre os nosos corpos, xa empezamos a comprobar como e o "escuro ponto".
E aqui andamos. Hoxe sudamos a camisa subindo pola estrada de Filantro na busca do Drosia, un restaurante moi recomendado pola Lonely Planet. Magoa d camkinata porque agora so abre pola noite, e tivemos que voltar a vila para finalmente reparar o estomago no primeiro garito que topamos. Como diria un portugues, "tudo bem". Mesmo "benissimo", diria eu por ir aprendendo o idioma do proximo pais.
Vathi e un lugar marabilloso, esplendido. Esta nunha bahia que se enchede veleiros e de iates que desaparecen pola mana e volven a entrar na vila cando empeza porse o sol. Se por min fose, faria comoa Lord Byron que veu aqui hai moito tempo e deixou escrito que dexexaba queimar todos os seus libros se iso lle servise para ficar aqui.
Seguiremos mana os pasos de Ulises polo mar, daremoslle unha volta a illa de Itaca, antes de emprender a travesia polo mar Xonico rumbo a Calabria. Na medida do posibel -isto e, se hai posibilidades de transmision- volverei a estar en contacto cos meus queridos lectores, aos que lles pido que desculpen a ortografia obrigada polos teclados gregos. Antes de despedirme, so unha notina. A unica cousa que boto de menos son os vinos galegos e, en xeneral, espanois, Nista materias que lles ganamos aos gregos por goleada. Ata agora ainda bebemos bo Mencia que cosecha o meu adorador de Baco de Ourense, pero os quince litros que traiamos xa se esgotaron. Habera que agardar a que pasemos por Trapani para volver a homenaxear as nosas gorxas.

lunes, julio 21, 2008

Ramiro Fonte será homenaxeado en Ferrol o día 28

O próximo luns, 28 de xullo, ás 13 horas, no pazo do Concello de Ferrol, terá lugar o acto de homenaxe do mundo das letras ao escritor Ramiro Fonte. No seu transcurso, seralle entregado o Premio Porto Magno polo conxunto da súa obra, que lle foi otorgado por un xurado composto por Julia Uceda (Premio Nacional de Poesía), Iolanda Díaz (concelleira de Cultura de Ferrol), Félix Villares Mouteira (chanceler da Curia da Diócese de Mondoñedo-Ferrol e un dos mellores coñecedores da poesía galega do século XX), Miguel García-Posadas (presidente da Asociación de Críticos Literarios de España), Ramón Pernas (director da Fundación Ámbito Cultural de El Corte Inglés), Segundo Leonardo Pérez López (catedrático da Universidade Pontificia de Salamanca e coengo da catedral de Mondoñedo) e Ramón Loureiro (xornalista e escritor).
Está prevista a asistencia do ministro de Cultura, César Antonio Molina, e van ser moitos sen dúbida os representantes da cultura e das letras galegas, da política e da vida soial, que se sumen a esta homenaxe que tanto merece o escritor de Pontedeume, que agora está pasando polo tratamento dunha dificil doenza.
Unha inaplazábel viaxe a Grecia, que emprenderei o próximo mércores, imposibilítame cumprir o que máis me gustaría facer, que sería estar con Ramiro Fonte en Ferrol o domingo que vén. Quero deixar constancia de que a miña lembranza e o meu espírito estarán con el cando reciba a homenaxe. Mándolle unha apreta moi forte e os desexos que todo favoreza a súa felicidade. Ramiro merece todo canto lle podamos dar os amigos. Cando el entre no salón de actos do Concello de Ferrol, eu estarei bordeando a vela a península do Peloponeso e dende alí lerei, na súa honra, algun verso da Iliada ou da Odisea. Homero e máis eu estaremos tamén contigo, poeta. Xa o sabes.
Amigos comúns dinme que Fonte acostuma ler case todo o que se escribe neste blog. Polo tanto, antes de partir para Grecia, deixo aberta esta páxina para que se dirixan a el todos os que queiran facelo co gallo da homenaxe que vai recibir. Para min é un pracer servir de transmisor de saudades e de abrazos.
Saúde, poeta.

viernes, julio 18, 2008

Alvite, áspero e sentimental




Escoitar a Lorenzo Díaz falar de Xosé Luis Alvite é, en si mesmo, un prazer pero se, ademais, un ten a sorte de escoitar de paso a Belén Xestal cantando e a Roberto Somoza tocando o saxo, a ocasión convértese nunha auténtica festa para os sentidos. Precisamente isto é que que ocorreu onte no Dado Dadá de Santiago durante a presentación do más recente libro de Alvite, Áspero y sentimental (Ediciones Ézaro).
Lorenzo, vello amigo meu dos tempos heroicos, sociólogo de prestixio, bo escritor e magnífico comentarista de Onda Cero no programa de Rafael Herrera, retratou a Alvite case tan ben como Alvite radiografía as realidades polas que se interesa na súa escrita habitual. “Curiosamente é un dos poucos que non estivo no maio do 68”, dixo del e Alvite apreseurouse a responderlle: “Non, eu cheguei en xuño”. Con xente así eu podería estar bebendo viño eternamente.
Alexandro Diéguez, o editor, matábase de risa, cousa que tamén nos pasaba a todos os que estabamos presentes, incluída Carme, a histórica anfitriona do Dado Dadá. Belén Xestal cantou temas jazzísticos como se fose Madeleine Peyroux e Roberto Somoza tocou o saxo como tocan os grandes, sen esquencer o bo facer dos restantes membros da banda. Non é unha mala idea isto de presentar os libros acompañados pola boa música.
En fin, que onte fomos varios os que, por dicilo copiando algo do escritor presentado, nos sentimos como aqueles vellos vaqueiros que prendían de madrugada unha fogata para o café e incinerábanse contándolle os seus sentimentos ao cabalo coa armónica. Grande escritor este Alvite, tan lonxe –como dixo Lorenzo Díaz- desa literatura de todo a cen.

Adolfo Suárez

Impresiona hoxe ler en El País e observar a fotografía da visita que lle fixo onte o Rei ao ex presidente do Goberno de España Adolfo Suárez. O xefe do Estado quixo visitalo na súa residencia para entregarlle persoalmente o Colar da Insigne Orde do Toisón de Ouro, a máis alta distición que concede a Casa Real e que foi fundada, en Bruxas (Bélxica) o ano 1429, por Felipe o Bo, duque de Borgoña.
Digo que impresiona porque nos pon diante dos ollos e do corazón a metáfora dramática dos que padecen a temíbel doenza do Alzheimer. Eu son dos que gardamos na memoria a imaxe dun Adolfo Suárez entrañábel e listo como un allo do que os que tivemos o privilexio de tratalo algo sempre agardamos que remataría a súa vida escribindo as grandes memorias da transición democrática española. Sabiamos que ía facelas se non fose porque unha das piores doenzas do noso tempo retirouno da consciencia real das cousas e dos feitos.
Por iso nos fai arrepíar o ontemplar a foto do Rei abrazando ao político que máis e mellor contribuíu a que hoxe vivamos como vivimos, camiñando os dous de costas ao fótógrafo, que é un dos propios fillos ed Suárez. Esta é unha das veces nas que unha imaxe pode valer máis de mil palabras.

miércoles, julio 16, 2008

Pecha o semanario La Clave

O venres desta semana, 18 de xullo, sairá á venda o derradeiro número do semanario La Clave. Serán, se non me equivoco, 379 as veces que esta publicación, dirixida polo verterano xornalista asturiano Xosé Luís Balbín, cumpríu a súa cita nos quioscos.
Sen chegar a ser nunca un medio de referencia como foron outras publicacións que desenvolveron a súa vida na democracia –Interviú, El País, etc.–, o semanario que puxo na súa cabeceira o nome dun antigo, prestixioso e difundidísimo programa de TVE, que tamén foi dirixido por Balbín, representaba unha forma de xornalismo que xa no se leva hoxe. La Clave fuxía como do demo de calquera forma de sesacionalismo ou amarelismo e, no seu intento de semellarse á revista alemá Der Spiegel, quizais atopou a penitencia que lle rematou impondo o mercado español.
Se un nunca debe legrarse de que peche unha publicación, no que a min respecta, neste caso menos. Durante varios anos escribín nas páxinas da revista que agora desaparece e teño amigos que aínda forman parte do seu cadro de persoal. Que a sorte lles (nos) sexa propicia.

lunes, julio 14, 2008

Identity galega




Publica hoxe El País (edición Galicia) que “o coche fantástico galego non arranca”. O que non explica é se non arranca por fantástico ou por galego. Cómpre pensar que debe ser pola primeira razón. ¿Como vai arrancar se non existe? O chamado Identity é unha máis das nosas cousas que só nos serven para argallar e para facernos pensar que somos case tan listos como o Mago Merlín.
Seguramente, Xosé Ramón Fernández Franquiera, o mozo de Carballo que paríu a idea de fabricar na súa vila estes bólidos para clientes que pagasen con petrodólares ou indíxenas que fixesen as compras en narcoeuros, nunca leu a Cunqueiro, pero demostrou que podía emular a imaxinación do escritor de Mondoñedo aplicando as neuronas na industria automovilística. Lembro que, hai dous anos, fíxenlle unha entrevista que me encargou A Nosa Terra e, sentado con el no café Derby de Santiago, rematei sen saber se tiña diante un visionario ou alguén con morro suficiente para levantar da Xunta algunha desas subvenciós que tanto lles gusta aos gobernantes otorgar cando lles falan de sumar a cuarta e a novena letras do alfabeto. No tocante a iso de I+D+I, eu ás veces pregúntome se non haberá quen pensa que quere dicir interese desacougante pola ignorancia.
Arsenio, o camareiro amigo meu dende os felices anos setenta, que nos oíu falar do tal bólido, preguntoume ao rematar se non encargaba xa “un Identity deses cos que podes ir presumindo pescar troitas á Pontenova”. Eu rinme, e díxenlle que o estaba pensando, pero en realidade o asunto non volveu á miña cabeza ata que hoxe lin o que publica Julián Rodríguez . “Nada queda tampouco –di o xornalista– daquela planta industrial anunciada que ía acompañar a producción do vehículo. Foi tal o éxito que tivo no Salón de Xenebra, naquel 2006, que todas as Admnistracións activaron os seus recursos para apoiar a iniciativa. O Igape aprobou unha liña de subvencións de algo máis dun millón euros; Innovación, case 100.000 euros para I+D, e o Ministerio de Economía, outros 411.000 euros para unha inversión comprometida de 1,3 millóns, Daquela, o Identity sería realidade en dous anos; os seus 500 cabalos de potencia xa deberían estar ruxindo polas estradas galegas”. Segundo informa o xornal citado, as subvencións otorgadas non chegaron a entrar na caixa de Identity Cars Engineering, a empresa promotora do proxecto, que decidíu cambiar “de rumbo nas prioridades" porque se percatou de que había que “concentrar os recursos en I+D”.
O meu mestre Borobó sempre me dicía que Galicia era terra de “inventores de inventos”, e este xenial xornalista mesmo escribíu varias veces sobre estes temas. Se vivise agora, estou seguro de que lle facería gracia o caso de Identity e ata sería capaz de comparalo coa Cidade da Cultura ou co petróleo mareiro de Fraga. Menos mal que o goberno bipartito, que empezou promovendo o “invento” do Identity, agora xa anda no vento dos muíños eólicos. Algo avanzamos.

viernes, julio 11, 2008

Ricardo Parrotta non se rinde

Ricardo Parrotta, xornalista e escritor arxentino, fíxose famoso pro ser autor, co pseudónimo de Pepe Muleiro, dun libro titulado Superchistes de gallegos, publicado por Editorial Sudamericana, que despertou a carraxe dos máis teimosos defensores das esencias de todo o que ten que ver con Galicia.
Un representante do BNG de Buenos Aires denuncioou a pubicación deste libro ante o Instituto Nacional contra la Discriminación, la Xenofobia y el Racismo (INADI) da República Arxentina e pedíu que fose retirado das librarías. Agora, outro denunciante, Manuel Castro, tamén se sumou á petición de que sexa prohibida a difusión do polémico volume, que xa leva vendidos varios miles de exemprares. O citado organismo abríu un expediente que aínda non foi resolvido e, como última medida, solicitoulle ao decano da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Buenos Aires, Federico Schuster, que emita un informe que conteña “el análisis del contenido discursivo utilizado en la publicación, a fin de evaluar si es conducente a la producción y reproducción de prejuicios, ideas racistas o discriminatorias en la sociedad”. Di a presidenta do INADI, María José Lubertino, que “sería de mucha utilidad para nosotros/as el análisis de estas expresiones en el contexto en que son pronunciadas atento a que estimamos que el análisis interdisciplinario nos permitirá una mejor evaluación de la publicación”.
O autor do libro, que estes días anda por Madrid visitando fillos e netos, e quedándose coa pena de non volver a visitar Galicia, di que non sae do seu asombro: “¡Van chamar a un profesor decano da Universidade de Buenos Aires para analizar chistes de galegos! ¿Onde nos quedan centos de anos lexislados de modus locandis? ¿E logo que van analizar? ¿O prospecto da aspirina? ¿Ou van prohibir o Pato Donald como en Suecia porque non ten pantalóns? ¿E os outros libros de galegos, de Lepe, de xudeus, de negros, de mexicanos, de Bush, de Mendes, a quen llos van dar a analizar? ¿A José Saramago ou ao xerente de MacDonalds? Sempre lles queda algún Fraga como reserva intelectual de Occidente”.
Ricardo Parrotta considera que “se se busca a alguén que analice o libro como o decano, estaremos dándolles a razón: os chistes teñen unha mensaxe e non son chistes. Son unha mensaxe. E non é así. Isto faime pensar nos censores que poñían os discos de vinilo de atrás para diante para demostrar que os Beatles ou os Rolling escondían unha mensaxe demoníaca”.
Pola súa parte, a presidenta do INADI, xa se mostrou partidaria de que hai que cambiar a linguaxe. “O poder das palabras condiciona as realidades –dixo nunha entrevista concedida ao xornal arxentino Clarín–. En Europa, por exemplo, toman en serio o combate á discriminación polo humor”. María José Lubertino admite que isto “é un problema para os humoristas, pero pódolle garantir que que hai maneiras de facer chistes sen usar as discapacidades ou a cor da pel das persoas”.

jueves, julio 10, 2008

Caldas de Franco






Hai que ir velo para crelo. A trapallada que se lle ocorreu ao alcalde socialista de Caldas de Reis (Pontevedra) é digna de pasar a un futuro museo das badocadas cometidas en Galicia. Xoan Manuel Rei, rexidor municipal en cuestión, e Fernando Sánchez Castillo, artista segundo el moi viaxado e autor da cabeza esculpida de Fracisco Franco que bota auga pola boca –aínda se fose viño ou cervexa–, artífices os dous de que estes días estea exposta esta “obra de arte” na praza máis visitada de Caldas de Reis, seguramente pensan de si mesmos que son dous xenios, pero en realidade non pasan de seren un par de badocos que resultan indignos de gastaren os cartos dos contribuíntes en cousas coma esta escandalosa exposición.
Intencionadamente fun ver a obra antes de criticala. Non fose ser que, por riba de polémicas políticas ou ideolóxicas, a peza escultórica de Fernando Sánchez resprentase en si mesma algunha forma de valor artístico. A miña decepción foi de campionato. O busto de Franco exposto en Caldas é de tal vulgaridade artística que o autor da estatua que se lle retirou ao ditador da praza de España ferrolá podería constituír, ao seu carón, unha obra de Pablo Serrano. Se tal cousa é “la fuente de la vida de un país”, como pretende pasala de contrabando o autor, seguramente habería que ir repensando a arte dos nosos días antes de que todos rematemos confundíndoa coa casa da collona, e non o digo polo lugar no que naceu Díaz Pardo.
Di o alcalde de Caldas de Reis que a obra non vai ser retirada, como pediron os representantes locais do BNG, porque se trata de “provocar” e “esta polémica servirá para que nas casas se fale de Franco e, de paso, tamén de Caldas”. Aínda vai resultar que os alcaldes socialistas se van poñer a "provoquer le bourgeois” botando man da cabeza do ditador, precisamente no momento no que outros están tratando de aplicar a Lei da Memoria Histórica e de limpar o país de símbolos fascistas, que tempo era de que se fixese.
Resulta evidente que o rexidor caldés non é persoa que se caracterice polos seus elevados coñecementos e sensibilidades artísticos, nin está arrodeado de expertos na materia, polo que se ve, pero pola súa militancia cabía agardar del unha maior prudencia política nos seus comportamentos. Pola súa conta e risco, oito anos despois de que Ferrol descabalase o Franco que había na praza de España, mandándoo ao seu emprazamento actual no Arsenal, e a penas unha semana despois de que outro monumento ensalzador da figura do ditador fose literalmente voado nas illas Cíes, Xoán Manuel Rei teima en provocar a opinión pública pagando con fondos públicos unha trapallada pseudoartística que resulta, inexorabelmente, do pior gusto franquista, diga o que diga o autor da chamada “obra”.
Visto o que se ve en Caldas, a megalomanía escultural do alcalde de Oleiros, chantando nunha encrucillada do concello unha estatuta do Che Guevara, igualmente a cargo dos erarios públicos, ata pode resultar comprensíbel. Postos a facer babecadas, a de García Seoane é menos criticábel dende os puntos de vista artístico e político.
Iso si, Rei logrou o seu propósito de que se fale de Caldas de Reis, que agora se cadra pasa a chamarse Caldas do Rei Alcalde. Ou Caldas de Franco. Mágoa de que, para conseguilo, non se lle ocurrise falar do bo polbo que sirven no Muíño ou das poucas árbores que lle van quedando no parque. Ou da limpeza e descontaminación do río que pasa pola súa vila. Sempre houbo e ha haber alcaldes que non saben rematar os seus mandatos sen fácerense célebres polas súas “alcaldadas”. O de Caldas xa asinou a súa.

lunes, julio 07, 2008

De Arnoia a Cortegada



De Arnoia a Cortegada, sen sair de Ourense, a penas hai unha carreriña de can, pero esta fin de semana eu alonguei a camiñata algo máis. Comecei o sábado na Abadía de Arnoia, corazón do Ribeiro, e rematei o domingo na illa de Cortegada, pulmón da ría de Arousa.
Acudín ao primeiro lugar seguindo a chamada que nos fixeron aos irmandiños do viño galego Giuseppe Paussatta, ditto “Ubérrimo”, e Nemesio Barxa para recibirmos na Irmandade dos Vinhos Galegos dous novos defensores dos nosos caldos. Un deles, o xeneral angolano Sindio Kamavo, que será agora o noso embaixador nas terras de Agostinho Neto, a quen por certo coñeceu ben o novo irmandiño.
Na Arnoia probamos tintos da Torna dos Pasás, Viña do Campo, XL Coto de Gomariz e Vilerma, e brancos Colección Costeira Clásico, Sameirás, Primacía e Casal de Arnau. Tamén demos conta de magníficos pementos do lugar, sen dúbida dos mellores do mundo, entoamos algún cántico e renovamos as nosas promesas de amizade eterna.
O domingo, logo dunha opípara comida en Vilaxoán, Xavier Babé, capitán de longo curso, como lle diría Jorge Amado, levounos a Alexandro Diéguez e a min, a bordo da planeadora Porto Piolho á illa de Cortegada. Nunca aló chegara eu, e que marabilla me estaba perdendo. Tocar as paredes ruinosas do que algún día foi unha preciosa aldea de pescadores, observar as rodeirras dos carros e percibir o cheiro dos loreiros foi unha experiencia inesquencíbel.

viernes, julio 04, 2008

¿Será el?


Un amigo, sobrado de imaxinación e só carecente de algo máis de tempo libre, mándame esta foto asegurándome que non é unha monta-
xe "photosho-
piana". "¡É el, é el! ¡Está en Benidorm!, dime emocionado no "emilio" que me remitiu.
Eu non sei quen será, pero contemplar a imaxe púxome a pel de galiña. Igualiña ca efixie que aparecía nos selos de Correos da época. ¿Se non é o imnombrá-
bel, será unha reencarnación súa? ¿Sabería xa o xeneral da voz aflautada algo da crise que non quere chamar polo seu nome Zapatero e decidiría volver por ver se alguén lle pide que a resolva? Hai que tocar madeira sen pés, por se acaso.

jueves, julio 03, 2008

Xosé Luís Baltar, patrón de Ourense

Lorena Negreira foi a única persoa que se presentou á oposición convocada pola Deputación de Ourense para cubrir unha praza docente de percusión da Escola de Gaitas da institución provincial que preside o histórico e famoso líder do PP ourensán Xosé Luís Baltar. Non lle serviu de nada ser a única en facer o exame. Logo de responder a unha serie de preguntas que, segundo ela, “non tiñan nada que ver co posto de traballo”, media hora despois de remataren as probas, enterouse de que lle puxeron un cero.
Cando mirou a nota no taboleiro da Deputación, Lorena pensou que alguén estaba a rirse dela. O tribunal formárono, entre outros, Francisco Cacharro Gosende, secretario xeral da Deputación, e Carlos Núñez, ex director do Conservatorio Profesional de Ourense. “Sentín que se riron de min –manifestou a afectada– e inmediatamente pensei en presentar un recurso de alzada que xa entreguei, e, se en tres meses non me responden, denunciarei todo o que pasou no julgado contencioso-administrativo”.
Antes do exame a Lorena Negreira, que toca percusión e batería no grupo musical Ergom, xa lle chamara a atención que na convocatoria para seleccionar dous profesores de gaita e un de percusión non se detallasen as bases, polo que foi falar co director da Escola de Gaitas, Xosé Luís Foxo, que lle dixo que non lle podía contar nada porque a súa propia muller era unha das candidatas a unha das prazas de gaita, que de feito foi para ela.
Por outra parte, segundo a versión da examinanda supendida, foi o propio presidente da Deputación, Xosé Luís Baltar, quen lle dixo que a praza en cuestión foi expresamente creada para o profesor que a estaba desempeñando e que este, por un erro nas bases da convocatoria, non se puido presentar porque non cumpría os requisitos.
Alfredo García, voceiro do PSdeG-PSOE na Deputación ourensá, tomou nota do asunto e xa reclamou que Baltar explique como foi o proceso de selección da praza de profesor de percusión cuestionada. Segundo o representante socialista, o caso da candidata excluída non é nada novo e correspóndese coa política de “confección en plan xastre á medida” do cadro de persoal da Deputación para iren os seus responsábeis pagando favores.
De feito, segundo consideran os socialistas de Ourense, as contratacións feitas a dedo polo equipo de Baltar son o pan de cada día da Deputación. O penúltimo caso ocorreu na nova oficina de recadación de Vilamartín, para a que foi contratado un concejal do PP do Barco de Valdeorras, “sen darse publicidade dos novos postos de traballo para que outras persoas non puidesen optar a eles”.
Alfredo García anunciou que o PSdeG-PSOE esixirá que, no próximo pleno da Deputación, se abra un debate sobre a “arbitariedade e caciquismo” que poderían estar dándose nos procesos de selección de persoal do organismo provincial que preside Xosé Luís Baltar.
Xa se dicía hai moitos anos que Ourense era unha sociedade anónima con tres accionistas: a Deputación, Coren e o xornal La Región. ¿Será agora unha sociedade familiar limitada?

miércoles, julio 02, 2008

Comité de sabios

En vista de como están evolucio-
nando as cousas en materia de política lingüística, tanto a nivel estatal como das Galias, atrévome a propoñer unha medida urxente a favor do contribuínte. Que se supriman dun plumazo, é dicir, pola vía burocrática-democrática máis inmediata posíbel, o Ministerio de Educación, as consellarías do mesmo ramo e calquera outro departamento estatal ou autonómico que administre competencias lingüísticas co único obxecto de que, xa que estamos en crise que non é crise, se podan reducir substancialmente os gastos públicos.
Visto, ademais, que estas materias parecen poder seren sustentadas e mesmo desenvolvidas por egrexios sabedores da palabra e da koiné de cada parte de España coma Luís Aragonés, Óscar Pereiro, Roberto Verino, Luz Casal, Purificación García e algún máis –entre os que non sei se xa están ou acabarán estando Manolo Escobar e o famoso Piñeiro da TVG– tamén someto á consideración do consello de sabios de Celtiberia que adopte a medida de apartar, aínda que só sexa de maneira provisoria, a filólogos, lingüistas, historiadores, sociólogos, pedagogos, etc. de todo o que teña que ver coa estipulación de ensinanza e o desenvolvemento de idiomas no que vai dende o Estreito de Xibraltar ata os Pirineos, agás Portugal, naturalmente.
Coido que cun comité formado por toureiros, futbolistas, ciclistas e, se fixese falta, algunha xentiña da farándula, poderiamos enfrontar polo menos celtibétricamente, no senso que lle daría a esta palabra o meu desparecido amigo Luis Carandell, o futuro das línguas da penínsua. Non tiven tempo aínda de calcular o aforro que significaría esta medida, pero tendo en conta que o comité que propoño podería ser esponsorizado por Nike, Coca-Cola ou calquera outra multinacional, resulta evidente que nos quedarían moitos máis cartos para investirmos en novas e numerosas autoestradas, piscifactorías, fábricas de celulosa e ata pode que algunha central nuclear máis coas que estragar definitivamente a paisaxe e o mundo co que algunha vez soñaron Plinio, antigamente, e Ramón Otero Pedrayo nos nosos días.

P.D: Adiántome aos queridos e intelixentes amigos que me honran mandándome comentarios dicíndolles que non é verdade que me chamase Zapatero para ofrecerme substituír a Suso de Toro como asesor de cabeceira. Non me extrañaría nada que o fixese en canto lea esta proposta. E, se non o fai, pior para el e para o seu futuro.

martes, julio 01, 2008

Óscar Pereiro e Roberto Verino xogan no mesmo equipo


Non acabo de saír do meu asombro. Dous amigos polos que sinto auténtico aprezo persoal, o ciclista Óscar Pereiro e o modisto Roberto Verino, caeron no erro de expor os seus nomes ao pim-pam-pum da polémica lingüística e atrévome a pensar que aínda han rematar pagando algo pola súa fazaña. Refírome a que acaban de aparecer firmando o polémico manifesto promovido polo xornal dereitista El Mundo para defender a língua española.
Con Óscar aínda pasei parte dunha tarde hai poucos días en Vigo, para facerlle unha entrevista que aparecerá proximamente na revista Galegos, e precisamente queixábaseme o ciclista de Mos de que os políticos “cada vez que hai un evento importante e poden sacar unha foto contigo, non dubidan en chamarte”. Non sei aínda por que, pero teño o presentimento de que Pereiro picou nun deses cantos de serea que lle entoaron os sacristáns do nacionalismo españolista coma quen esvara torpemente nunha casca de plátano.
No tocante a Verino hai tempo que non falo con el e non sei exactamente como respira política e culturalmente. Dinme que o viron nun mitin do BNG no seu Verín natal cando foron as municipais pasadas, pero tampouco sei se é certo ou non. O que sei seguro é que tanto el como Óscar Pereiro son galegofalantes e ambos mostraron, ata agora, un exquisito respecto por todas as manifestacións da culura galega e da súa lingua propia. Sorpréndeme, polo tanto, que os dous aparecesen apoiando un manifesto no que se pide, entre outras cousas, que a única lingua obrigatoria de calquera habitante de España sexa a língua de Cervantes, medio de expresión que me resulta absolutamente respectábel e querido persoalmente, entre outras cousas porque me servíu para gañar o pan que comín a maior parte da miña vida profesional, pero que non é o único que hai nin ten por que gozar de ningunha forma de monopolio oficial.
Deséxollles a estes dous amigos que non lles pase como ao gran poeta Antonio Gamoneda ou ao mal cantante Ramoncín, que tamén apareceron apoiando a mesma trela e tiveron que matizar a súa inclusión na lista promovida polo filósofo centralista Fernando Savater case de maneira inmediata. Cada un é moi libre de firmar o que lle peta, pero tamén aos demais nos acompaña a liberdade de criticalos. E, insisto, son e agardo seguir sendo amigo destes dous persoeiros galegos a quen lles reitero a miña estima e respecto persoais.
Coincide todo isto, ademais, con dúas cousas que non carecen de importancia. A primeira é que os autores intelectuais desta reacción a favor do idioma español non son un feixe de chiquilicuatres. Detrás do manifesto están Savater e outros piares dunha opción política partidaria e de sobra coñecida pola súa aversión case obsesiva ás normalizacións lingüísticas periféricas. Non deberían Óscar Pereiro e Roberto Verino sorprenderse demasiado se os máis comprometidos coa normalización do idioma galego lles reprochan agora a súa actitude. Os dous son personaxes públicos e, como tales, han responder dos seus criterios.
Empezo xa a ver polo ciberespacio peticións demasiado precipitadas de boicot aos produtos comerciais que explota Verino e á figura deportiva de Pereiro. Algúns comentarios xa lle botan á cara ao de Mos a súa gañanza do Tour ou que padeza dificultades respiratorias que lle obriguen a tomar Ventolin. Non me alegro de ler tales comentarios nin compartirei nunca o seu criterio, pero xa se sabe que o que vai ás troitas remata sempre co cú mollado.
A segunda coincidencia que lles dicía radica na eclosión de españolismo a que está dando lugar a merecidísima vitoria da Selección Española de Fútbol. Empeza un a escoitar e a ler comentarios que non lía nin escoitaba dende hai moito tempo. Algúns, auténticos mimetismos do franquismo puro e duro. Fútbol e política andiveron antes e andan agora demasiado levados da man e isto non vai ser bo nin para unha cousa nin para a outra. E conste que este criterio vale tanto para o nacionalismo centralista como para calquera dos outros que campean pola periferia española. Os nacionalismos autodenominados “liberadores” tamén teñen a súa dose de culpa en todo canto acontece, pero isto xa é fariña doutro costal e, se cadra, me ocuparei dela un día calquera neste blog.
Quero rematar salientando tamén outro acontecemento que se produciu á beira de toda esta mêlée. Todo un catedrático da Universidade de Santiago, Roberto Blanco Valdés, bicoulle o anelo de cardeal ao seu poncio-editor, Santiago Rey, e reverenciou o seu banqueiro do Vaticano, Xosé Luís Méndez, en presenza de militares e políticos da corrección política estatal, con tal de presentar nesta nova sociedade que está tentando despertar a toque de clarín dun neoespañolismo o seu libro La aflicción de los patriotas, un volume que recolle artigos publicados polo autor en La Voz de Galicia e que seguramente han ser moitos máis os que falen del que os que o lean.
Deben ser cousas do fútbol. Nin Franco lle tirou tanto partido ao gol de Marcelino.

Deus é bo ¿será tan malo o demo?

Excelente peza xornalística-literaria a que publica hoxe Ramón Loureiro en La Voz de Galicia. Advírtenos de que as posesións demoníacas están aumentando. Nun auténtico in live digno de Truman Capote, o xornalista e escritor ferrolán transporta o lector ao mundo do exorcismo católico contando cos testemuños de Xosé Luís Portela, párroco do santuairo de San Campio, Tomiño, e de Xosé Donsión, cura do santuario de Nosa Señora do Corpiño, en Lalín.
Di o cura de San Campio que cada vez chegan máis casos ao seu templo e atribúe o fenómeno a que “estanse rexeitando os símbolos relixiosos, e a xente deixa de levar no peito unha cruz, ou unha medalla da Vurxe, que te protexen, para poñer en cambio colgantes cos que buscan a sorte, amuletos ou adornos que son diabólicos moitas veces”. Portela sostén que “xogos como os da ouija atraen cara os que os pactican o influxo diabólico”. Faltoulle engadir o parchís, que tamén hai quen o relaciona co demo.