Que hai polo mundo adiante servizos policiais que son unha chapuza total non é ningunha novidade, pero que a institución policial máis importante de Estados Unidos e, xa que logo, do mundo, o FBI, se comporte coma un deles xa non se sabe se é para morrer de risa ou para botarse a chorar. Un gardaba, dende cativo, aquela imaxe de seriedade que nos traía a iconografía dos anos cincuenta acerca do FBI ou da Policía Montada do Canadá como algo que podía ser inmensamente superior á nosa Garda Civil ou aos “villeus” que circulaban daquela polas nosas rúas e caenllas, e nin pensaba en que podía pasar con eles algo parecido ao que lle acaba de acontecer a Gaspar Llamazares co Federal Bureau of Investigation.
Hai que ver en que mans andamos, acostumaba dicir o parvo do meu pobo. Que o FBI se fixase nunha personalidade pública española, de esquerdas, para máis inri, para facer o retrato robot do terrorista máis buscado internacionalmente, Osama bin Laden, pode ter innúmeras interpretacións e ningunha boa. A máis inocente podía ser a de que a poderosa organización policial que foi dirixida durante 48 anos seguidos polo contravertido J. Edgar Hoover, sempre preocupado por meter na cadea algún comunista, supostamente homosexual oculto, ademais, cometese agora unha chapuza “PhotoShópica” digna dun rapaz pouco aplicado en Informática.
Xa “cantou” abondo o desconcerto informativo que protagonizaron os servizos secretos norteamericanos co por agora derradeiro intento de atentado dirixido por un terrorista contra un avión, e agora este caso chocalleiro pódenos facer pensar que na alta seguridade internacional hai máis vontade de desenvolver a industria armamentística e instrumental que en aplicar medidas de verdadeira intelixencia. Refírome a que, para eles, todo se resolve con escáneres capaces de espir a Angelina Jolie. Hai que ser chapuzas para facer o que fixeron coa figura de Llamazares. Debe ter algún amigo no FBI porque senón é difícil entender que lle montasen unha campaña de propaganda tan inmensamente internacional.
3 comentarios:
Lamentável
Con estos "erros" cantos estarán en Guantánamo, cagándose en EEUU e EU.
Imos de puto cu neste planeta.
Quen foi o descubridor de que o pelo era o de Llamazares?... Hai que se fixar moito de Dios para se decatar de que ese pelo é o de alguén coñecido ou o dun mesmo...
Publicar un comentario