Interésame especialmente o caso de Eva Joly, probabelmente a próxima candidata dos Verts e Europe Écologie ás elecións presidenciais francesas do 2012. De entrada, pola súa interesantísima personalidade, pero tamén pola esperanzadora alternativa que parecen estar refundando os verdes de Cécile Duflot e a Europe Ecologie de Daniel Cohn-Bendit, líder que está empezando a artellar a súa retirada.
Eva Joly, descendente de campesiños noruegueses, naceu en Oslo en 1943. É da miña quinta. De moi nova traballou en diversos oficios. Emigrou a París cando tiña 16 anos e alí gañou a vida como puido (facendo de au-pair, de secretaria, etc.) antes de de conseguir unha praza de xuíza na que sempre salientou o seu desempeño pola súa independencia e decidida vocación de xustiza. Instruíu casos coma os da petroleira Elf, o de Bernard Tapie, a banca Crédit Lyonnais ou a venda de fragatas a Taiwan por parte de Francia. Chegou a ser unha das mellores especialistas en tratamento xudicial de casos que tiñan que ver cos paraísos fiscais.
A súa especial dedicación a estes asuntos levouna a ter que fuxir de París regresando no 2002 a Oslo, onde foi acollida como conselleira do goberno noruegués na loita contra a corrupción e a delincuencia financeira internacional. O cineasta francés Calude Chabrol fixo unha película baseada na súa experiencia, L'ivresse du pouvoir, que non lle gustou nada a Eva Joly, e Lucas Belvaux realizou un telefilme (Les prédateurs), que deixou moi satisfeita á antiga xuíza. Pola súa parte, ela escribiu dous libros: Notre affaire á tous e Est-ce dans ce monde-là que nous voulons vivre? De regreso a Francia, Daniel Cohn-Bendit levouna a Europe Écologie no ano 2008 e convenceuna para que integrara, con el, a lista de candidatos ás eleccións europeas pola circunscripción de Île-de-France. En consecuencia, é eurodeputada dende o 7 de xuño do 2009. A pesar de que xa non é unha moza (vai camiño de cumprir 67 anos), representa unha das voces políticas maís anovadoras de Francia. Como ela mesma acaba de dicir: "Á miña maneira, eu represento un remozamento da vida política, porque non teño máis ca 18 meses de experiencia política". Preconiza a "desprofesionalización da política e unha renovación".
Agora Eva Joly, unha das principais voces críticas que se erguen contra a política de Nicolas Sarkossy, vai camiño de ser candidata á presidencia de Francia. Mentres tanto, en España non pasamos aínda dun polémico Baltasar Garzón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario