En menos de quince días, dous paisanos galegos presentados pola Garda Civil como presuntos incendiarios do monte foron inmediatamente postos en liberdade sen cargos polas autoridades xudiciais competentes. Algo está a fallar na xa de por si moi difícil investigación da queima dos nosos montes que conleva, ás veces, consecuencias tan dramáticas coma morte de dous traballadores afectados pola loita contra eses incendios (caso de Fornelos).
A Garda Civil e calquera outra forza pública comprometida na investigación dos comportamentos delictuais merecen o apoio social e político por todos e por cada un dos seus esforzos por erradicar unha praga tan perniciosa como é a destrucción da nosa natureza e a perda de vidas humanas, pero tamén hai que empezar a ter en conta que non todo vale para combatir esa praga.
Antes de deter a unha persoa e de agotar o prazos máximos da súa presentación ante un xuíz, deberían os membros das forzas públicas preocupárense moito de reunir probas ou polo menos indicios suficientes para que a autoridade xudicial competente poda adiantar contra os detidos as medidas que corresponde aplicar contra os presuntos delincuentes. De non ser así, córrese o perigo de someter a persoas inocentes a situacións públicas que poden comprometer seriamente a súa consideración diante das comunidades nas que conviven e habitan. O vello e imprescindíbel concepto democrático de que vale máis ter un culpábel libre que un inocente preso debería ser rigurosamente aplicado nos casos nos que os afectados son xentes do común, que nin coñecen ás veces os dereitos que lles corresponden nin dispoñen de medios sobrados para pagaren avogados que saiban defender integramente os seus intereses.
Segundo se viu estes días nas declaracións feitas por distintas persoas que viven no rural, xa hai a quen lle dá medo andar só polo monte nos días en que pode haber incendios polo perigo que poda derivarse de que lle atribúan a orixe dalgún lume. Casos coma os do paisano de Boiro e agora o de Fornelos de Montes poden rematar convertendo en pánico ese medo. Ou resucitando a vella desconfianza histórica do país.
2 comentarios:
Comparto inquedanza por estas detencións. Todo ten a pinta de ser parte da política informativa da Xunta: culpabilizar só a pirómanos psicópatas e logo facer que se detén os supostos culpables con grande fanfarria mediática por parte da prensa oficial e mais a subvencionada.
Don Perfeuto, non se pode nin imaxinar do que son capaces de facer ás FF.CC.SS, PN e GC, por unha foto ou noticia na prensa; xa sabe, cuestións de marketing e imaxe.
Fíxese nas fotos dos xornais cada vez que hai un acontecemento político, sobre todo nas provincias. Observará que sempre sae nelas o xefe da Garda Civil e maila Policia Nacional.
Calquera trapallada, calquera faragulla que teña que ver cunha detención ou algo delictual, noticia na prensa, e se é a nivel nacional, moito mellor.
Dígollo eu que estou xubilado das FF.CC.SS. e vin como unha pobre muller, con deficencias psíquicas, permañeceu no limbo xurídico máis de mes e medio, só porque estaba a acender unha vela nun santuario no medio do monte e detivérona como "incendiaria"; ao día seguinte saiu en todos os xornais de España, coma unha gran delincuente. Botou máis dun mes, en agosto, detida e nin xuizo houbo, nin tivera nada que ver cos incendios; porén, tivo a desgraza de que lle coincidiu coa vaga de incendios de hai uns anos.
Fíxese nas noticias das FF.CC.SS., os xefes e tamén os que aspiran a selo e as medallas, están toliños por saír nas fotos.
Un saúdo.
Publicar un comentario