sábado, julio 21, 2012

A noite cultural de Biblos-Pazos de Galicia

Na casa Grande do Bachao, preto de Compostela, tivo lugar onte a cea anual na que se fallan os premios Biblos-Pazos de Galicia, que este ano foi declarado deserto. Entre os case un cento de asistentes, podíanse contar varios membros da Real Academia Galega, escritores como Alfredo Conde ou María Xosé Queizán, varios editores e outros representantes da vida cultural e política de Galicia.
Tamén foi fallado o Premio ao Colaborador Necesario da Cultura, que lle foi entregado ao veterano e incansábel dinamizador cultural da Terra Chá, o cura Alfonso Blanco Torrado, fundador da Asociación Cultural Xermolo de Guitiriz, cofundador da Fundación Manuel María e animador do Festival de Pardiñas, entre outras cousas.
Estes premios foron postos a andar e son sustentados polo xornalista e escritor Tucho Calvo, director literario de Biblos Clube de Lectores, e por Xavier Goyanes, presidente da Asociación Pazos de Galicia. Concretamente o Biblos foi instituído para a escritores de menos de 25 anos que presenten un proxecto de novela que estean dispostos a escribir contando coa titoría dun autor galego consagrado, que no caso deste ano era María Xosé Queizán. O escultor Luis Loureira tamén fai cada ano unha pequena peza que lles é entregada aos pemiados.
A escultura coa que se galardoa o Premio Colaborador Necesario da Cultura denomínase Raias de Silencio, e a que reciben os xoves escritores A Peneira dos Soños. Ámbalas dúas distincións xa representan unha das máis singulares e significativas iniciativas culturais da Galicia actual. Tucho Calvo e Xavier Goyanes poden estar orgullosos.

1 comentario:

calixtino e melibea dijo...

Asuntos tristes que non veñen ao caso e que nada teñen a ver con Biblos leváronme duas semanas á nosa terra. Foi abrir o aparello SEN O CUAL XA NON PODEMOS VIVER, ou iso é o que din, entrar nos xornais de por acá e de por acolá e dar co manifesto ou manidesafecto de Santiago Rey Insumiso Político. Manda truco na Habana, don Perfeuto, Santiago O´Rey dos Insumisos. Se non o vexo, non o creo. Se non o leo, non o creo. Si mo contan, digo que non é verdade. Se me mandan meter a mao na ferida do presidente e editor de La Voz de Galicia, digo que a meta outro, que a min con esas non me veñan. Santiago y abre España, O´Rey das feridas, O Patriarca da Insumisión Política. O nunca visto e lido. A Fin dos Tempos. O Apocalipse Xornalístico. E iso que só lin algunhas frases, poucas, que a min iso de La Voz hai tempo que non me leva os ventos leitores. E que conste que antes que as poucas frases do Rey da crítica coas "aberracións" do governo marianista, lin o do Casal sobre Faulkner, que iso si que son palabras maiores, as de Faulkner, quero dicer, un dos meus autores de cabeceira e pode que un dos mais grandes que existiran e escreberan nunca. Eu se me din que escolla tres escritores para sobreviver ao cataclismo que se aveciña e que pregoa e anuncia con tambores de insumisión o ínclito de La Voz, un deles é Faulkner. Mais difícil teríao en escoller tres das suas obras cimeiras. Ainda que nunha delas non tería dúvidas: ABSALÓN, ABSALÓN. Outra pode que fose LUZ DE AGOSTO. A terceira déixoa para don Santiago, o dinamitador de marianos. "Mejor les sería revocar urgentemente estas aberraciones." "O si no pueden o no quieren, irse ya a descansar a casa." Carallo para O´Rey dos Elefantes Mortos. Deixémolo estar. Don Perfeuto, eu antes, cuando don Santiago alentaba ás masas para a consagración de don Mariano El de lasd "Aberraciones", firmaba os meus escritos como DETECTIVE CREPUSCULAR. Agora confórmome con CALIXTINO E MELIBEA. Cuando me convenza O´Rey, ao mellor firmo como INSUMISO POLÍTICO. Todo se andará.