domingo, julio 01, 2012

Baños de Molgas


Estación de Baños de Molgas

Guillermo Campos, o incansábel presidente da Asociación Galega de Xornalistas e Escritores de Turismo (Agaxet), levounos a fin de semana pasada a un lugar magnítifico da provincia de Ourense. A Baños de Molgas. En particular, á vella estación ferroviaria que había nesa localidade e que foi restaurada e convertida en Museo Moncho Borrajo, e na que tamén hai agora un espléndido restaurante do máis que prometedor cociñeiro Carlos Parra.
Detalle do cruceiro de Almoite
E digo prometedor porque Parra, aínda que xa é un consumado mestre da cociña de autor –demostróunolo amplamente o sábado pasado aos que lle puxemos máis interese aos seus pratos e á contorna do seu restaurante que aos plúmbeos e pretenciosos debates da Agaxet–, nunca deixará de ser unha gran promesa que se irá cumprindo sempre á perfección. Quero dicir que é un constante anovador do seu oficio que nunca perde de vista a tradición e todo o que haxa que incorporar do pasado á cociña de hoxe. Boa mostra foi o exquisito arroz cociñado con botelo, creo que lle chama ou lle chamou algunha vez arroz do pobo, que eu nunca probara e que estivo a piques de facerme ficar alí tres días seguidos para poder comelo de almorzo, de xantar e  de cea. E xuro que non esaxero moito.
O local está, ademais, magnificamente situado para pasar unha fin de semana visitando o moito que hai que ver na bisbarra: a igrexa dos Milagres, o balneario de Baños de Molgas e o castelo de Maceda, por exemplo. A min chamoume particularmente a atención o cruceiro que hai ao pé da igrexa de Almoite. Contoume un paisano que estaba, hai moito tempo, noutro lugar e que cando era trasladado nun carro desprendéuselle unha peza de pedra que matou un home que participaba no transporte.
Ou sexa, que moito lle agradezo a Guillermo que nos levara desta vez a un sitio tan interesante ao que, sen dúbida hai que volver canto antes. Por se houbese dúbida, a min convenceume definitivamente o feito de atopar no local ao profesor universitario Paco Costenla e ao artista Xurxo Ouro Claro, dúas persoas de bo padal ás que non se lles escapa ningunha das mellores cociñas galegas.