jueves, julio 26, 2012

Bandeiras negras para a costa galega

A organización Ecologistas en Acción, no seu Informe Bandeiras Negras 2012, denuncia tres casos en Galicia como "lugares cunha alta degradación e presións sobre os ecosistemas litorais da costa, derivada de vertidos contaminantes graves ou continuados no tempo, agresións urbanísticas, obras costeiras, planos de ordenación de recursos con contido agresivo sobre o medio; ameazando a saúde da costa, os seus habitantes e a identidade". Con tales motivos, atribúelles Bandeiras Negras a cada un dos seguintes casos:
A Coruña: Urbanización Do Litoral de Fisterra.– Pola artificialización dun tramo de costa ben conservado ata hai pouco, afectando o Lugar de Interese Comunitario da Rede Natura 2000 “Costa da Morte" mediante un crecemento urbanístico desmesurado no litoral de Fisterra (provincia de A Coruña). Ecologistas en Acción sinala como responsábel da súa aprobación o Concello de Fisterra.
Pontevedra: Complexo turístico Talaso Atlántico.– Por ser edificado a escasos 102 metros da costa, nunha zona de especial relevancia paisaxística no sur de Pontevedra. Construído en chan rústico de protección ordinaria, tras varias denuncias, viu anuladas as súas licencias de construcción por seren contrarias a dereito, segundo a sentencia firme do Tribunal Superior de Galicia (18/03/09). Agora debe repoñerse a legalidade, é dicir, derrubar o enorme edificio de máis de 10.000 metros cadrados. Promotor: Balneario del Atlántico, S.L.
Barreiros (Lugo)
Lugo: Urbanización do Litoral de Barreiros.– O Concello de Barreiros, gobernado polo Partido Popular, concedeu licencias urbanísticas para máis de 3.500 vivendas entre xaneiro de 2006 e febreiro de 2007 nas parroquias da súa franxa litoral, pretendendo así dar continuidade ao crecemento urbanístico de anos anteriores. Moitas das licencias concedéronse en chans que carecían de servizos básicos a vivendas sen acceso a unha vía pavimentada... Ante as evidencias de irregularidades a Xunta de Galicia suspendeu no 2007 as Normas Subsidiarias de Planeamento de Barreiros e presentou un requeremento ao Concello para a revisión de oficio das licencias otorgadas a partir do 2006 o que, ao non ser atendido, deu lugar á presentación duns 50 recuros contencioso-administrativos.
Tras o cambio de goberno na Xunta, esta suspendeu os recursos contencio-administrativos presentados contra o Concello, promovendo un convenio de colaboración coa Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Barreiros que, cun orzamento de 14 millóns de euros, financiará a dotación de servizos propios de chan urbano para así legalizar o caos urbanístico. En virtude deste acordo, a Xunta aportará 5,6 millóns, a Deputación de Lugo 1,2 e o Concello outros 7,2 millóns, que espera recaudar dos promotores inmobiliarios, se ben este derradeiro detalle non figura en ningún acordo escrito. Administración Responsábel: Concello de Barreiros e Xunta de Galicia por suspender os recursos contra o proxecto.
Ademais, Ecologistas en Acción denuncia como “persoas e administracións responsábeis de protagonizar a destrucción da paisaxe da nosa costa pola súa actividade económica e política”, as seguintes entidades de Galicia:
Autoridade Portuaria de Marín
Autoridade Portuaria de Pontevedra
Concello de Barreiros
Balneario del Atlántico SL
Concello de Fisterra
Consellería de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia
Deputación de Pontevedra
Ministerio de Medio Ambiente
Territorio e Infraestruras da Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
En resume, que xa non só é o informe Destrucción a toda costa de Greenpeace o que pon na picota a pésima xestión pública e privada que está a padecer Galicia no tocante aos recursos ambientais do litoral.

No hay comentarios: