viernes, julio 13, 2012

Todos sen paga de Nadal


Ata foi resultar que o propio Rei se implica directamente na maior agresión que padecen os traballadores españois dende que existe o benestar. Juan Carlos I non dubidou en presidir hoxe na Zarzuela a primeira parte da reunión do Gabinete, antes de seren aprobadas as medidas regresivas anunciadas por Mariano Rajoy. Se cadra agora xa hai un motivo máis para ser republicano.
Mentres tanto, chámame moito a atención que case ningún dos “sabios” españois que tanto levan despotricado, a favor ou en contra da austeridade, non se teñan parado máis en analizar a interesante sentenza emitida hai poucos días polo Tribunal Constitucional de Portugal (Acórdaçao Nº 353/2012) declarando “a inconstitucionalidade, con força obrigatoria geral, por violaçao do principio de igualdade, consagarado no artigo 13º da Constituçao da República Portuguesa, das normas constantes dos artigos 21º e 25º da Lei Nº 64/2011, de 30 de dezembro (Orzamento do Estado para 2012).
O goberno conservador portugués, mediante a a Lei do Orçamento de Estado para 2012, aplicou unha “supensao de pagamento dos subsidios de férias e de Natal” que afectou non só aos funcionarios senón tamén aos “aposentados e reformados” (pensionistas e xubilados). Pois ben, ao coñecer a sentenza do Tribunal Constitucional, o goberno portugués xa indicou que, aínda acatando a decisión xudicial, cousa á que non lle queda máis remedio, buscará o xeito de aplicar a mesma medida extendéndoa a xeralidade da cidadanía portuguesa. Ou sexa, que se vaian preparando todos para ficaren sen pagas extraordinarias.
E no caso español, que vai suceder? Con case total seguridade, algo moi semellante. Varias forzas políticas xa anunciaron a súa intención de presentar recursos contra a posíbel inconstucionalidade da medida adoptada por Rajoy e, dentro de dous anos, o Tribunal Constitucional Español é probábel que emitirá unha sentenza moi parecida a que emitiu o portugués. Teremos, logo, que ir preparándonos todos para quedarmos sen pagas de Nadal? Miren por onde a sibilinalidade de Mariano Rajoy pode resultar infinita.