jueves, agosto 04, 2011

62.000 empregados da banca europea quedarán sen traballo

Crise económica coa conseguite fuxida dos inversores, fradude fiscal, etc. Grecia, Irlanda e Portugal no cu do saco, España e Italia a máximos históricos nos seus riscos económicos, a especulación financeira campando unicamente aos seus respectos e o primeiro mundo derrubando cada día aquilo que lle custou suor e bágoas conquistar, o tan  desexado antano como agora enfermo benestar.
Por exemplo, o sector bancario europeo prevé destruir milleiros e milleiros de empregos no futuro inmediato. Dende que abriu esta brecha a norteamericana Goldman Sachs, a suiza UBS, a española Bankia –máis preto de nós aínda a substituía Novacaixagalicia–, a británica Hongkong & Shanghai Corporation (HSBC), o Barclays e máis bancos están dispostos a botar á rúa, de aquí ao 2013, arredor de 62.000 traballadores. Todo un récord, dende logo.
Aproximadamente, a metade deles perderán os seus pstos na HSBC, poderosa organización bancaria que mesmo prevé retirarse de varios países onde está atopando que a competencia é moi dura. HSBC, o banco máis grande de Europa, despedirá a case un 10 por cento dos seus actuais empregados coa vista posta en reducir os seus custos de funcionamento nun montante total que pretende situar entre 1.700 e 2.400 millóns de euros. O curioso de todo isto é que acontece cando a actividade banqueira en xeral aumentou os seus beneficios nun 35 por cento (6.200 millón de euros) no primeiro semeste deste ano.
Pola súa parte, Barclays xa anunciou unha baixa de 3.000 postos de traballo de aquí a finais de 2011, e noutra gran banca británica, o Lloys Banking Group (LBG), a supresión será de 15.000 postos de traballo ata o ano 2014. Precisamente, LBG foi unha das entidades que xa foi socorrida polo Estado no que vai da crise actual.
Na primeira banca suiza, UBS, calcúlase que 5.000 persoas tamén van perder os seus postos de traballo, e outros 2.000 traballadores tamén serán despedidos no Credit Suisse Group, mentres que na española Bankia –a meirande unión levada a cabo entre as antigas caixas de aforro españolas– está prevista unha perda de 2.879 postos de traballo
En Italia, Intesa Sanpaolo suprimirá ata o ano 2013, 3.000 postos de traballo, e BNP Paribas, ata agora a única banca francesa que anuciou reducción de cadros de persoal, desfacerase de 244 traballadores.
Ou sexa, todo un panorama laboral para Europa.

martes, agosto 02, 2011

É para blasfemar

É para blasfemar polo alto. Agora resulta que un mísero xubilata coma min cobra máis diñeiro ca media de todos os notarios, arquitectos, avogados, médicos ou pequenos empresarios. Acabo de lelo en La Voz de Galicia. Aquí algo fallaría se todo isto fose verdade. Ou os xubilados estamos supermega ben pagados –cousa non só incerta senón rematadamente mentirosa– ou todos eses colectivos son en España unha panda de mortos de fame (cousa igual de incerta e de falsa).
A terceira edición do Informe da Loita contra o Fraude Fiscal, que leva a cabo a Axencia Tributaria, sostén que por término medio os xubilados cobramos cada ano 8.578 euros máis ca todos eses que andan en Mercedes, BMW e ata teñen casa na praia, no campo e apartamento en Miami, e iate con posto de amarre a prezo de Marbella (e non me digan que non, que os vin eu navegando polas Eolias, por Catania, por Grecia e por Sicilia, e ata podía dar nomes e apelidos).
Agora vese quen arrima o ombreiro para sairmos da crise e quen son os que nos meteron nela e non están dispostos a poñer un can. Resulta que Galicia é a quinta comunidade –despois de Madrid, Asturias, Cataluña e Cantabria– onde é maior a diferenza entre as rentas decraradas polos asalariados ou pensionistas e os pequenos empresarios ou profesionais liberarais. A media nacional desta diferenza é de 8.323 euros.
Como era de agardar nos tempos que corren esta fenda veuse agrandando enormemente durante os últimos quince anos, ata converterse nun auténtico fraude fiscal masivo: vendas sen IVE, compras personais cargadas como gastos de empresa, facturas falsas, etc. As grandes fortunas e as empresas de gran tamaño son as principais responsábeis da evasión fiscal. E ninguén lles mete a man. Para iso estamos os asalariados e os pensionistas. Viva a xustiza social. E logo falan de igualdade, porque o que son a liberdade e fraternidade xa hai moito tempo que se converteron en obsolescencias da Revolución Francesa.

miércoles, julio 20, 2011

Pois se cadra

Algo moi grave esta a pasar en España. E en Europa. E no mundo. Dende que caeu o muro de Berlín, é dicir, dende que quebrou o chamado socialismo real, non é que foramos para menos mal, é que fomos de precipicio en precipicio. Quere isto dicir que eu son nostálxico de calquera vello réxime? Non. Todo o contrario. O que pasa é o que pasa. Que, cada vez máis, non invade e nos reduce non a vella escola de Chicago de Milton Friedman, que agora mesmo case sería un respiro, senón o pior de todo o pior do liberalismo ecomómico internacional. Os ricos, cada vez máis ricos e os pobres a cumprir o seu papel cada vez con menos proteínas.
Que un puñado de anónimos funcionarios do pior capitalismo, como é o caso das poderosas axencias calificadoras do mercado internacional, manden moito máis que calquera elección democrática, país por país, ou por agrupación de países, como é caso de Europa, que calquera decisión soberana só representa que estamos no pior dos escenarios posíbeis do mundo mundial. Estase a ver todos os días. Por este camiño non hai Europa que resista tanta agresión das forzas reaccionarias globalizadas. Ou despertamos nós, os europeos, ou se remata para moito tempo o mellor que foi capaz de inventar Europa, o sistema de benestar e a igualdade social. A Revolución francesa está a piques de fracasar definitivamente e adiós lberdade, fraternidade e igualdade despois de máis de cen anos de magnífica influenza universal. Os de Nova York xa poden ir apeando a súa estatua da Liberdade.
Se todo isto o concretamos en España, e máis localmente en Galicia, vaiámonos preparando. Se Rajoy é a España o que Reagan ou a Tatcher foron a Estados Unidos ou á Gran Bretaña, Feijóo non é máis ca unha reducida miniatura municipal e espesa do que foi para a Baviera alemana Franz Johan Strauss, con perdón de Fraga Iribarne. Non nos chamemos a sorpresas e empecemos a sabermos o que nos vai caer enriba: o pior do capitalismo moribundo internacional. É dicir, preparémonos para traballarmos mais das 48 horas semanais polas que perderon a vida Sacco en Vanzetti e vaiámonos amañando para vivirmos moi por debaixo do mileurismo cunha seguridade social cada vez menos eficiente e cun benestar definitivamente tullido e desmontado. E, senón, tempo ao tempo.
Cun pronóstico como o que estou a facer, diranme algúns de vostedes, mais nos valera volver a emigrar. Pois se cadra.

lunes, julio 18, 2011

Deporte nacional

Con pouco máis que se esforcen os directivos de El País, terá que empezar a andar con cuidado Pedro J. Ramírez se quere que El Mundo siga sendo o gran xornal da dereita española. O editorial de hoxe e o artigo asinado por Juan Luís Cebrián contra ao presidente Rodríguez Zapatero, se estivésemos en Francia, aparecerían en Le Figaro e probablemente nunca en Le Monde nin en Liberation. Pero España é outro país, ou polo menos outro Estado.
Aínda estando conforme cunha boa parte das análisis que fan o editorialista e o articulista de El País, a min non me parecen de recibo nin a data que elixiron para publicar –precisamente no 18 de xullo–nin algunha das inxustas inconsideracións que cometen con Zapatero. Xa se sabe que por estes lares apagar os habanos no tronco dalgunha arbore caída sempre queda ben visto como deporte nacional.

viernes, julio 08, 2011

A Calixtinada da (in)Curia compostelá

Xa eramos poucos e a aboa non só quedou preñada senón que, ademais, pariu. O que acaba de acontecer na catedral de Santiago co Codex Calixtinus empeza a parecer unha máis das coñas marineras do noso impaís. Que un tesouro patrimonial galego e universal que representa o que representa e que pode chegar a valer no mercado ata 100 millóns de euros –total nada, case 17.000 millóns de pesetas das antigas pesetas– como acaba de apuntar o experto Manuel Moleiro, que por certo é paisano aínda que ande por Barcelona,  puidese ser roubado coa facilidade que se está empezando a sospeitar é para botarse a chorar.
Os que viaxamos decote pola Bretaña francesa, por exemplo, sabemos que alí en cada aldea de poucas ducias de habitantes hai unha igrexa chea de pequenas e non tan pequenas delicias patrimoniais que desaparecen con menos frecuencia ca no noso país aínda que alí os templos católicos están abertos mañá e tarde e poden seren visitados sen viixiancia aparente e sen ningún tipo de protocolos impedimentarios. Abonda con chegar, entrar, ver o que hai e logo marchar. Sempre me chamou a atención a excelente cohabitación que hai nese país entre cidadanía, relixión e simple turismo accidental. Quizais se deba a que Francia fixo a a súa Revolución, tivo a súa Ilustración e ata as igrexas –cando son monumentos– poden ser patrimonio do Estado e non dunha organización eclesiástica concreta.
E non vou dicir que o Calixtinus puidese estar maís seguro se pertenecese á Xunta e estivese gardado na Cidade da Cultura, por poñer un mal exemplo, pero dá moito que pensar –e sospeitar– o que se está empezando a saber de como gardaba a Curia compostelá o seu máis prezado tesouro material. Haberá que estar atento a todo o que vaia pasando arredor deste triste acontecemento. Nin sequera me parece exemprar que o ministro de Interior, Rubalcava, abandone o Ministerio responsábel da seguridade estatal sen que pasasen nin 48 horas dende que se fixo público o xa célebre roubo perpetrado na catedral de Santiago.
Algún inexperto no uso da metáfora chegou a dicir que a desparición do Calixtinus é como se roubasen as Meninas. Hai que ser algo analfabeto para facer tal comparación. O cadro de Velázquez é importantísimo e se cadra Sotheby’s sería quen de sacar máis cartos por el que polo Calixtinus nunha poxa, pero o que acaba de desaparecer da catedral de Santiago é para os galegos, en primeiro lugar, e para o resto do mundo occidental despois algo verdadeiramente insustuíbel. Por iso dá carraxe e vergoña ver o que acaba de pasar con el.

viernes, junio 17, 2011

Carrefour e Banco de Santander

Nas últimas 48 horas producíronse dúas noticias que seguramente non están a ser abondo valoradas dende o punto de visto social e político. En Francia, un dos deominados Tribunais de Police –son os que se encargan de xulgar as contravencións de quinta clase–, neste caso o de Evry, condenou a cadea de gran distribución Carrefour a pagar 1.830 multas que suman, en total, 3,66 millóns de euros por non respetarlles o salario mínimo interprofesional a preto de 1.200 dos seus traballadores. A outra ntocia é de España e refírese á investigación xudicial do coñecido banqueiro Emilio Botín e a maior parte da súa familia por un presunto delito fiscal.
No caso francés, unha inspección de traballo estabreceu que Carrefour deixou de pagarlles a cada un dos traballadores afectados entre 4,53 e 45,148 euros cada mes, dependendo das categorías salariais. Agora o tribunal tamén condenou á famosa cadea de distribución e venda, no caso do almacén de Uzès (Gard), a pagarlles entre 10.000 e 15.000 euros a cada unha das federacións sindicais que presentaron as reclamacións, e entre 300 e 1.000 euros a cada un dos dez asalariados que reclamaron de forma independente.
No tocante ao caso do patrón do Banco de Santander, Emilio Botín, a totalidade dos seus fillos, irmáns e sobriños, veremos en que dá a cousa. De momento non parece precisamente exemplar que o clan familiar máis representativo do capitalismo bancario español apareza empapelado entre os que defraudan o fisco.
Calquera das dúas noticias deberían producir polo menos algo de repugnacia social.

miércoles, junio 15, 2011

A fin do mundo

Bugarach é unha aldea do sur de Francia, a 254 quilómetros de Barcelona, na rexión do Languedoc-Rousillon, que non chega a douscentos habitantes. Acaba de tocarlle o premio da atracción turístico-esotérica porque, segundo algunhas prediccións, será o único lugar do mundo que sobrevivirá á apocalipse que vai suceder o 21 de outubro de 2012. Consecuencia, que os que teñen cartos e gañas de rascarlle a barriga á alma xa están comprando casas e reservando prazas para a segunda quincena do Nadal dese ano a prezos que por agora só son catro veces máis caros do normal. En principio sería de supoñer que algúns dos millonarios que de repente se sentiron solidarios do 15M, Rosalía Mera, poño por caso, xa estarán pensando en comprar algun cabanonciño ao pé do monte que leva o nome da aldea e que algúns consideran que é un “garaxe de ovnis”.
O tal lugar, polo visto, é unha cidadela calcárea que pode resistir calquera hecatombe. Agora mesmo xa hai quince casas á venda, ou sexa, que poden aproveitar os dinosaurios que queiran sobrevivir o seu propio diluvio. Todo é cuestión de pagar.
Eu, por se acaso, vou chamar ao alcalde do lugar, Jean-Pierre Delord, pra que me vaia buscando un acoguiño aínda que sexa nalgunha das covas que acolle o seu monte sacro. Total, entre as ondas á que me expón a parafernalia electrónica actual e as magnéticas do pico de Bugarach, maloserá que non me acaian ben os ares  do Aude, que é o país no que está a suceder a última parvada do mundo.

lunes, junio 13, 2011

Ana Liste

Dende algún lugar dos mares do Sur escríbeme Ana Liste para dicirme que viu en Croques “unha cadela que tinha un certo ar contigo”. Ana anda por Mozambique hai xa varios anos, e alégrome saber dela aínda que sexa co gallo de que me morreu a miña amada Mara, a tal cadela que se parecía a min.
E xa me empeza a dar voltas o conto por que non é só Ana Liste quen estabreceu esa semellanza. Remi Parmentier, a última vez que estivo na miña casa, tamén dixo algo semellante, e eu claro que fico encatandísimo. Xa me gustaría ser como era ela. Mara era boa, lista, educada, xenerosa, noble, solidaria... Era unha cadela, pero era máis persoa ca media das persoas que andan pintando algo polo mundo adiante.
A Ana Liste coñecína hai moitos anos, cando empezaba a voar como muller independente, aventureira e incapaz de estar parada maís de vinte minutos. Procedía dalgún faro da costa galega e viña disposta a comer o mundo a cachos. Seguramente moitos dos seus amigos non soubemos entendela todo o ben que ela merecía e ata é probábel que algunha vez lle fixeramos algunha trasnada. O seu corazón é tan grande que nunca no lo tomou a mal. No fondo, Ana tamén se parece a Mara. Ten os ollos grandes, coma os tiña Mara, e olla de fronte ata espir o cerebro do que ten de fronte. Oxalá que lle vaia moi ben polos mares do Sur.

lunes, junio 06, 2011

miércoles, junio 01, 2011

Deus créaos e eles xúntanse

De vez en cando hai que ler El Correo Gallego. Hoxe, por exemplo, para enterarse de que Nupel fichou un alto cargo de Industria do bipartito. Trátase de Xoán Manuel Bazarra, agora xerente da empresa de Xurxo Dorribo en Andorra e anteriormente xefe do gabinete do daquela conselleiro de Industria e dirixente nacionalista Fernando Blanco.
Que casualidade, ademais, que Fernando Blanco fose bastante frecuentador da compañía do empresario lugués agora detido, con visitas á sede da súa empresa no Ceao, participación nalgún dos saraos organizados polo empreario e copartícipe das súas copas noturnas por pubs e bares da cidade amurallada. A min  sempre me pareceu que Blanco, político máis ligado á UPG que a outra cousa, é dicir, teoricamente preto do radicalismo de esquerdas, non era máis ca un desclasado que nunha das súas enésimas vidas lle encataría ser conde das forzas eléctricas do noroeste, por exemplo. Habería que debullar o seu paso polo goberno bipartito, eólicas incluídas, para decatarse de se levo razón ou non no que estou dicindo.
O asunto de Lugo, ou sexa, o caso do empresario Dorribo, está aínda sen coñecerse en todas as súas circunstancias e consecuencias. Empezou sendo unha simple investigación de Vixianza Aduaneira sobre un suposto caso de lavado de diñeiro do narcotráfico e veremos onde vai parar. E, por certo, o lavadoiro de diñeiro negro vixiado ocupa unha instalación comercial de Vilaxoán sobre a que as distintas afministracións galegas (local e autonómica) levan facendo a vista gorda dende hai moitos anos. É outro dos aspectos curiosos do caso Dorribo (Colombia mar polo medio).

jueves, mayo 26, 2011

A camisa de once varas de Conde Roa

Algún teñen demasiada presa en meterse en camisas de once varas. Xerardo Conde Roa, por agora só candidato electo á Alcaldía de Santiago, anda tras do delegado xeral do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, para ver como se poden botar da praza do Obradoiro os acampados do 15M. Di Conde Roa que non é de recibo que un turista procedente de Francia, América do Norte, Italia ou Aranxuez poda comprar un billete para ver unha das mellores prazas do mundo e pensar que vai ser unha marabilla e chegar aquí e ver o que hai.
A este aínda só candidadato electo do PP empézanselle a ver os pelos das orellas. Parece que ten demasiada presa en presentarse como o futuro Rudolph Giuliani dunha Compostela que ten ben pouco que ver con Nova York. Non pasou unha semana das eleccións e xa está o futuro alcalde dando que falar só por dúas cousas: botar os acampados do Obradoiro e deixar a Sala Nasa sen un can de subvención municipal. É a súa maneira de tirarse ao Sar, que por certo aínda non se lle ocorriu nada para descontaminalo. Como siga así vai rematar esixindo certificado de boa conduta expedido polo comandante do posto da Garda Civil e polo cura da parroquia para tomar as copas na Raíña, que no Franco xa só as toman os guiris.

miércoles, mayo 25, 2011

Principios éticos

Xa empezamos. A borracheira de poder derivada das eleccións do domingo pasado non se fixo esperar. Agora resulta que ao presidente da Xunta, segundo acaba de dicir no Parlamento, abóndalle cos principios éticos que lle deron os votos. Como se as urnas estivesen precisamente cheas de ética, estética e dietética. É case textualmente o que ven dicindo Berlusconi dende que deixou de ser un modesto vocalista de orquesta para converterse no novo duce italiano.
Alberto Núñez Feijóo quizais debería tentar de ofrecernos algo máis de proteína democrática e menos comida chatarra para os próximos tempos da nosa dificil dixestión política, económica e social. Polo visto, non precisa de "principios éticos e de supremacía moral". Abóndalle "cos principios éticos e a supremacía moral que" que lle dan "os galegos cos seus votos".
É bo saber todo isto cando está chovendo a que está chovendo cunha alta autoridade económica do seu goberno metida no trullo por unha zuíza de Lugo e unha reata de empresarios supostamente sen escrúpulos collidos coa man na masa de facer da Galicia dos nosos días a Sicilia máis trapanesa (da provincia de Trapani quero dicir). Algúns diciámolo hai case trinta anos e chamáronos tolos. Agora pásanos o que nos pasa. Só nos falta a lupara para sermos sicilianos (no mal sentido da palabra) con denomicación de orixe e, coa cantidade de ferreiros que aínda segue habendo nesta terra, non me extrañaría nada que xa ande alguén recortando os canos das escopetas. Veremos se daquela Feijóo segue pensando que lle sobran os principios éticos.

lunes, mayo 16, 2011

Viaxe á Sicilia Occidental (3): Castellammare del Golfo

Logo de pasear polas vilas de Salvatore Giuliano e Pepino Impastato (Montelepre e Cinisi, respectivamente), chegamos a Castellammare del Golfo, na costa noroccidental de Sicilia, unha cidade que paga a pena visitar e que está chea de lembranzas históricas e de connotacións contemporáneas.
Polo seu antigo, pero modernizado, porto saíron para América milleiros de sicilianos que foron buscar futuro nos Estados Unidos, en Arxentina e noutros lugares. Por el tamén entraron e saíron mercancías prohibidas coma heroína e a cocaína coas que traficaron distintas familias de Cosa Nostra, particularmente a de Gaetano Badalamenti. Castellammare del Golfo sempre foi, e aínda é, unha base importante das operacións internacionais da mafia siciliana, moi conectada cos negocios turbios e a delincuencia organizada desenvolvidos nos Estados Unidos.
Hoxe, porén, é unha cidade tranquila na que dá gusto perderse polo seu casco antigo e pasear sen rumbo polo porto, recentemente remodelado con obras nas que participaron intensamente contratistas ligados á mafia. Precisamente neste porto, case cos pés mollándose na auga, está un dos mellores restaurantes da contorna, La Cambusa. Bó lugar para comer peixe fresco e marisco, pero tamén algunha pasta.

sábado, mayo 14, 2011

Viaxe á Sicilia Occidental (2): Salvatore Giuliano

Na vila de Montelepre fican aínda algúns parentes e antigos amigos de Salvatore Giuliano que manteñen viva a memoria do inquietante personaxe siciliano que lle apretou as caravillas ás forzas da orde pública da Italia dos anos corenta. Mariana Giuliano, a irmá que acompañou o célebre bandido en parte das súas aventuras guerrilleiras e políticas, xa morreu e agora o seu fillo, Giuseppe Sciortino Giuliano –co que escribiu un lbro titulado Mio Fratello, Salvatore Giuliano (Arnone Editore, Palermo 1987)– rexenta en Montelepre un hotel-restaurante (Il Castello di Giuliano) e un museo instalado na casa natal do bandido.
A figura de Salvatore Giuliano está sendo de novo revisada por historiadores e mesmo por autoridades forenses e xudiciais. A partir de certas probas aportadas polo historiador Giuseppe Casarrubea, fillo dun comunista que foi asasinado en Partinico pola banda de Giuliano, o fiscal antimafia de Palermo, Antonio Ingroia, ordenou exhumar o cadáver que está enterrado no panteón familiar de Montelepre (fotografía do post anterior) para levar a cabo as correspondetes probas de ADN ante a sospeita de que pode que non sexa o corpo de Giuliano o que foi sepultado nese lugar cando se dixo que foi abatido polos Carabinieri en Castelvetrano (Trapani) o 5 de xullo de 1950.
A versión oficial aínda segue sendo que morreu nun batida efectuada por un grupo de carabinieri dirixidos polo capitán Antonio Perenze cando se atopaba oculto na casa do avogado de Castelvetrano Gregorio di Maria, recentemente falecido. De feito esta é a hipótes que manexou Francesco Rosi para facer a súa excelente película Salvatore Giuliano estrenada en 1961, e tamén aparece reflexada na novela de Mario Puzo Il Siciliano, que deu orixe a unha película homónima.
En realidade, nunca se escrareceron os lindeiros dunha personalidade tan inquietante como foi a de Salvatore Giuliano, un activista que se tirou ao monte cando matou a un carabiniere que lle quitou a mercancía que levaba ao lombo dun mulo para facer contrabando. Durante os dez anos que loitou dende as montañas da Sicilia Occidental mostrouse case simultaneamente como un vulgar bandido, como líder do independentismo siciliano e como un aplicadísimo compañeiro de viaxe do máis primario anticomunismo que fragaron na década dos corenta do pasado século as forzas aliadas dos Estados unidos e do Reino Unido, a mafia siciliana e a Democracia Cristiana italiana.
Nesta última dirección, Giuliano aparece mezclado na horrosa matanza de Portella della Ginestra, perpetrada o 1 de maio de 1947 nun lugar case paradisíaco que aínda hoxe extremece visitalo, preto de Corleone, cando se chega alí, como me pasou a min, nunha tardiña na que a montaña aparece totalmente cuberta pola néboa. Xuntáranse ali varios centos de campesiños da zona e obreiros chegados dende Palermo e outros lugares cos seus líderes políticos e sindicais para celebraren o recente trunfo electoral acadado en Italia polo chamado Blocco del Popolo, oficialmente Fronte Democratico Popolare per la libertà, la pace e il lavoro, unha coalición de esquerdas constituída o 28 de decemrbo de 1947 polo Partido Comunista Italiano e o Partido Socialista Italiano. De repente, foron atacados a tiros de metralleta co resultado de 11 mortos e 27 feridos. Entre os atacantes estaban Salvatore Giuliano e parte dos seus homes. Giuliano sostivo despois que nin el nin ninguén da súa banda disparou a matar senón que foron mafiosos de San Giuseppe de Jato os que efectuaron a matanza. El, segundo deixou dito por escrito, fora alí para secuestrar o líder comunista de Sicilia, Girolamo Li Causi, porque se consideraba traizoado por el no incumprimento de supostos pactos destinados a favorecer o independetismo siciliano.
De feito, Giuliano foi xefe co grado de coronel dun Esercito Volontario per l’Indipendenza della Sicilia (EVIS) e fundou un Movimento per l’Anessione della Sicilia alla Confederazione Americana (MASCA), que o levou a escribirlle unha carta ao presdente de Estados Unidos daquel tempo, Harry S. Truman, pedíndolle que convertise Sicilia nun Estado máis da USA. Todo isto acontecía cando xa era un personaxe internacional co que buscaban entrevistas xornalistas e publicacións de varias partes do mundo. Foi entrevistado, por exemplo, en maio de 1947, por Michael Stern, correspondente en Italia de True Magazine, que pasou unha semana con el nas montañas de Montelepre, acompañado por unha muller española. Stern fora capitán do Exército de Estados Unidos na Segunda Guerra Mundial e colaboraba coa CIA, que aínda se cahamaba daquela Office Strategy Services (OSS). Tamén o entrevistaron con gran éxito a xornalista sueca María Tecla Cyliakus ou os italianos Jacopo Rizza, Ivo Mondolesi e D’Ambrosio. Giuliano ata recibía cartas de admiración enviadas pola filla do ditador español, Carmencita Franco.

Que foi, en definitiva, Salvatore Giuliano? Un simple bandido? Un loitador pola independenza da súa terra? Un Robin Hood siciliano que tiraba dos ricos o que lle permitía favorecer os pobres? Un fascista? Unha vítima dos crimes de Estado cometidos pola Italia que estivo gobernada durante 50 anos pola Democracia Cristiana? Quizais unha mezcla de todo. En todo caso, un mito do que nin sequera se sabe con certeza se foi a el a quen mataron naquel verán de 1950. Hai quen di que foi levado en segredo aos Estados Unidos e que faleceu en Canadá hai pouco tempo. Se cadra se acaba sabendo o que pasou con el cando, no ano 2016, presciba o segredo oficial que tapa hoxe o seu caso.

viernes, mayo 13, 2011

Viaxe á Sicilia Occidental (1): Montelepre e Cinisi

Cinco de abril de 211, aterrizo en Punta Raisi (Palermo) no voo VY 6600 (Vueling) procedente de Bareclona ás 11,30 horas. Diríxome inmediatemnte ás oficinas de Budget para recoller o Fiat Punto que alugara previamente. A continuación, instálome no próximo Palm Beach Hotel de Cinici ( a dez quilómetros de distancia) para pasar a primeira noite. Comemos magnificamente nun restarurante que nos recomendan no hotel e, acto seguido, marcámoslle ao GPS a dirección de Montelepre, que está a vinte quilómetros. Como primeira visita quero coñecer o pobo onde naceu e desenvolveu principalmente a súa actividade o “bandido” Salvatore Giuliano, un auténtico mito siciliano que mestura a condición de rebelde independentista coa condición oficial de simple “fora da lei”.
A primeira sorpresa é que se trata dun pobo precioso á beira das montañas que no seu día abeiraron as actividades do famoso guerrilleiro. Fai calor. Case non hai ninguén pola rúa. Finalmente falo cun sobriño segundo de Giuliano, fillo de Giuseppe Scortino Giuliano, o home que segue empeñado en reivindicar a figura do seu antepasado e que agora é o único descendente seu capaz de contar cousas en primeira persoa de todo o que aconteceu co “bandido”. Como non teño tempo de agardar por el, prométolle repetir algún día a visita para falarmos con detalle.
Regresamos a Cinisi, agora mesmo unha mestura de aldea e vila turística atormentada pola folga de recollida de basuras que fai dalgunha das súas rúas unha especie de vertedoiro incontrolado de lixo que procura os piores cheiros. Na terraza do hotel, mirando unha das beiras do golfo de Castellammare, lémbrome de Pepìno Impastato, aquela vítima da mafia que foi asasinado no ano 1963. Pepino era el mesmo fillo  dun mafioso, pero home de esquerdas e consciente dos problemas do seu país, montou unha emisora de radio para denunciar as cacicadas da súa terra, entre outras a construccción do actual aeroporto de Palermo. Custoulle a vida. Mandárono matar os daquela capi da zona, a familia Badalamentí, que son precisamente os sicilianos que estabreceron os primeiros contactos co mundo do contraando e logo do narcotráfico galego. Os Badalamenti (no seu día protexidos por un inescrupoloso xuíz galego da Audiencia Nacional) caíron en desgraza dentro da mafia siciliana do célebre Totó Riina e remataron nos cárceres e nos negocios dos Estados Unidos.
Hoxe Cinisi é unha vila turística aparentemente tranquila na que conviven os restos da mafia cos habitantes que están comprometidos coa reivindicación da figura de Pepino Impastato. No momento de escribir eu estas liñas os primeiros están precisamente celebrando a figura histórica de Impastato, 48 anos despois do seu asasinato. Teño que volver por alí. Aínda que sexa só por comer algunha das naranxas que se poden apañar do chan paseando pola rúa principal da vila, o Corso Umberto, precisamente onde están a casa natal de Impastato (hoxe un centro cultural sobre a súa memoria) e, a cento passi, (célebre película sobre a súa figura) a casa que foi dos Badalamenti (embargada hai pouco tempo polas autoridades antimafia).


NB.–Un importante contratempo sucedido nos servidores de Blogger fixo desaparecer este post durante 24 horas e, con el, tamén foron dar á papeleira os comentarios presentados por algúns lectores, que agora eu non podo recuperar. Se alguén quere repetilos, serán recibidos con gran pracer. Excusen as molestias.

miércoles, marzo 30, 2011

Berlusconadas

Non hai como ser rico e gobernante ao mesmo tempo. O primeiro ministro italiano, Silvio Berlusconi, visitou na mañá de hoxe a illa de Lampedusa, onde se amontoaban máis de 7.000 inmigrantes procedentes de varios países de África –entre eles, libios que fuxiron da guerra–, e matou dous paxaros dun tiro: anunciou o inmediato traslado dos africanos a varios puntos e Italia e aproveitou para mercar unha nova casa de veraneo.
Os habitantes da illa levaban varios días protestando pola difícil situación que atravesaban debido á constante chegada de inmigrantes clandestinos, e Berlusconi anuncioulles que, entre 48 e 60 horas, “Lampedusa serà habitata solo dai lamedusani”, unha curiosa maneira de implantar unha vella teoría política que fixo época en América, aquí traducida por Lampedusa para os lampedusanos.
Co cavaliere chegaron á illa sete grandes barcos que van transportar nas próximas horas todos os inmigrantes que malvivían en Lampedusa despois de arribar alí en condicións lamentábeis a bordo de embarcacións clandestinas. Agora serán repartidos por varios puntos de Italia, algúns deles na propia Sicilia (en Trapani, por exemplo). A escasez de auga e de alimentos e os problemas de seguridade que estaban empezando a crearse fixeron insostíbel a súa permamencia na illa da súa chegada a Europa.
Berlusconi tamén lles anunciou aos illeiros que vai propoñer que lle concedan o Premio Nobel da Paz á illa de Lampedusa e que trazará un plan para darlle á iilla unha “moratoria fiscale, previdenziale e bancaria” destinada a transformala nunha “zona franca”. Véxase por onde a guerra de Libia aínda vai rematar servindo para o estabrecemento dun novo paraíso fiscal no Mediterráneo.
Por de pronto, o propio Silvio Berlusconi xa comprou unha nova casa de veraneo (a que aparece na fotografía), situada –como non– nun dos lugares máis fermosos da illa, en Cala Francese, coa casa de campo a só dez metros do mar. Pagou por ela algo menos de dous millóns de euros. O que non dixo Berlusconi é se tamén vai levar alí as velinas que levou á luxosa mansión que ten o primeiro ministro italiano na Costa Esmeralda da illa de Sardeña.
Como todo siga así, entre Tomahawks (míseis) de case un millón de euros por cabeza e casas de campo mediterráneas para gobernantes coma Berlusconi, a guerra de Libia vai saír por un ollo da cara (de moi cara polo menos).

miércoles, marzo 23, 2011

A nube radioactiva xa está enriba de nós

Estamos a vivir circunstancias sociais e políticas de gran importancia nivel mundial. A guerra de Libia vai camiño de converterse nun conflito de gran envergadura do que ninguén sabe como se vai sair. O presidente francés, Nicolas Sarkozy, novo cowboy do belicismo internacional, ata o punto de que xa está despertando preocupación en Estados Unidos, meteunos nunha geurra de Gila que está empezando a por en dúbida se sirve para salvar vidas ou para aumentar o número de mortos en Libia.
E o caso é que, mentres tanto, estamos empezando a esquencernos da traxedia de Xapón. Precisamente hoxe, mércores, 23 de abril, está pasando sobre as nosas cabezas a nube radioactiva que saiu da central nuclear de Fukushima. Se lle facemos caso a Axencia de Seguridade Nuclear (ASN) francesa e a Comisión de Investigación e Información  Independentes, tamén de Francia, o perigo de que poda haber caídas radioactivas é a priori despreciábel e non haberá “ningunha consecuencia” sobre a saúde. Polo menos en Francia informan todos os días sobre este particular. Aquí ninguén nos di nada. Pois eu, que queren que lles diga, cando ás sete da mañá de hoxe vin que chovía copiosamente, non puiden evitar pensar en que podía estar facendo na terra esa chuvia.
Esta mañá tamén falei, como procuro facer a miudo, cos meus amigos de Tokio, que están cada vez máis preocupados. Xa non poden utilizar a auga que chega ás súas casas polos grifos porque está cada vez máis contaminada por elementos radioctivos. Xente que non pensara ata agora en abandonar a capital xaponesa empeza a considerar a necesidade de facelo. Agora están alí nas vacacións de primavera e non hai clase, por exemplo, ata o 6 de abril. Os transportes públicos de Tokio, que normalmente funcionan constantemente, agora, tanto no Metro como no tren, só funcionan cada 15 ou 20 minutos. A vida segue sendo case normal, pero nos comercios escasean ou non existen xa o leite e as verduras.
A embaixada de España en Xapón, que desenvolve o seu traballo con algo máis de cen persoas, xa trasladou máis dunha quinta parte delas a Osaka, 500 quilómetros ao sur de Tokio. A a forte chuvia caída en Tokio na última noite causou gran preocupación entre a poboación polas consecuencias radioactivas que pode conlevar.
Quen nos ía dicir que tiñamos que vivir unha primavera coma que estamos empezando.

martes, marzo 22, 2011

Hai só cinco meses, Sarkozy vendíalle centrais nucleares a Gaddafi

Nicolas Sarkozy, actual señor da guerra que se propuxo rematar co réxime de Moammar al Gaddafi, tal día coma hoxe de hai cinco meses, o 21 de outubro de 2010, estaba negociando co goberno de Trípoli a venda de centrais nucleares ao mesmo réxime que agora pasou a ser o seu pior inimigo.
Nesa data, o daquela ministro de Industria de Sarkozy, Christian Estrosi, estivo de visita oficial en Trípoli e asinou co ministro de Industria e Transportes de Libia un acordo de colaboración comercial que debía “conlevar a unha cooperación estratéxica no canto de transporte, sanidade, construcción, hidrocarburos e enerxía nuclear civil”, segundo informou naquela altura a axencia Reuters. Agora, ao ser consultado polo xornal Libération, o actual alcalde Niza, Christian Estrosi, que no ministerio francés de Industria foi substituído por Eric Besson, sostén que foi a Libia para “entregarlle un Airbus á compañía Air Libya, cunha delegación de representantes de grandes empresas, sobre todo de Suez Environement, Thales, GDF-Suez e Airbus”.
O caso é que, hai só cinco meses, o goberno francés estaba cooperando co goberno de Gaddafi en materias que comprendían o uso civil da enerxía nuclear, campo no que Francia é un dos tres primeiros lugares do mundo tanto en implantación de centrais como no desevolvemento de tecnoloxías nucleares. Isto é algo que nin sequera desmentiu Estrosi cando foi consultado nas últimas horas por Libération: “Non era máis ca un estudio –respondeu–. Os nosos grupos franceses estaban competindo con outros grandes grupos estranxeiros”.
Faltaba pouco para que empezasen as revoltas árabes, para que comenzase a guerra de Libia e para que acontecese o desastre nuclear de Xapón, pero xa antes, no ano 2007, a multinacional francesa Areva e o goberno de París intentaron venderlle a Libia un reactor nuclear, oficialmente destinado a desalinizar a auga do mar para producir auga potábel, algo que foi denunciado por Bakchich.info. De feito, Anne Lauvergeon, presidenta de Areva, respondendo diante da Comisión que investigou as condicións de liberación dun grupo de enfermeiras búlgaras en novembro de 2007, manifestou que o reactor que lle podía ser vendido a Libia non sería destinado unicamente a desalinizar auga do mar senón tamén a producir electricidade.
Moralexa, de amigos inimigos en menos do que canta un galo. Mellor dito, un galo e un fanfurriñeiro: Sarkozy e Gaddafi.

A guerra de Gila

O de Libia é unha guerra entre dous franceses a medias. Por un lado, o presidente da República que algunha vez foi patria da liberdade, da igualdade e da fraternidade, Nicolas Sarkozy. E, por outro, o gran cacique de Libia, Moammar al Gaddafi. O primeiro, francés de segunda xeneración. O segundo, supostamente fillo dun oficial das forzas aéreas francesas.
De momento non é máis ca unha lenda que circula dende hai anos pola Alta Córcega. Na aldea montañosa de Vezzani naceu, en 1915, Albert Preziosi, que se alistou nas Forces Aériennes Françaises libres do xeneral De Gaulle en 1940. Sendo xa capitán desas forzas tocoulle servir en Libia e por alí andaba no ano 1941 cando padeceu un accidente no deserto a bordo dun avión Hurricane e foi atendido por un grupo de beduínos da tribu Senoussi. Durante o tempo que estivo con eles mantivo un idilio cunha moza desa tribu co que tivo un fillo, e ese poduto do amor entre un corso e unha libia pode ser o actual dictador Gaddafi. Polo menos isto é o que está corrido na pequena patria do aviador Albert Preziosi, que morreu logo nun combate aéreo que tivo lugar en Rusia no ano 1943, cando formaba parte da prestixiosa escuadrilla Normadie-Niémen. A semellanza física entre Preziosi e Gaddafi parece que é extraordinaria. Gaddafi naceu en Sirte o 19 de xuño de 1942.
O caso é que o suposto pai francés do dictador de Libia acabou sendo un heroe da súa patria. Precisamente unha das bases áreas que agora están sendo utilizadas para bombardear Libia, a de Solenzara, na Alta Córcega, leva o nome do aviador morto en Rusia. Chámase BA 126 Capitaine Preziosi, e trátase dun campo de tiro no que fan exercicios bombardeiros franceses e dos exércitos doutros países da OTAN. Normalmente só estaciona alí un escuadrón de helicópteros. Está situada preto da aldea de Ventiseri.
Hai que ver por onde a guerra de Libia podería ser interpretada con claves freudianas. Sarkozy, que por certo levou unha boa labazada electoral nas eleccións parciais que tiveron lugar en Francia o domingo pasado –case pasou por riba del o Front National de Marine Le Pen, e os socialistas sobrepasárono amplamente–, empeñouse en ser un novo señor da guerra colonial á que nunca está disposto a renunciar o primeiro mundo. E Gaddafi, aprendiz de bruxo, pepetuase no seu papel de gran cacique. Vaia mundo. Se todo isto non é a guerra de Gila, algo aseméllase.