miércoles, enero 16, 2008

Dereita cotrosa

Quen me coñece sabe ben que eu nunca podería ser de dereitas. Aínda así, lamento vivir nun país, estado, nación ou que sexa no que pertencer á dereita parece ser algo propio de anciens regimes, unha certa intolerancia, cotrosidade intelectual e ata algunha forma de sevicia persoalista. Refírome ao incomprensíbel tratamento que lle deu o líder da actual dereita española, Mariano Rajoy, ás prestensións do alcalde de Madrid, Alberto Ruíz-Gallardón, de presentarse ás póximas eleccións parlamentares.
Coido que non é bo, nin sequera para os de esquerdas, que teñamos unha dereita agarrotada no casticismo político casposo e nostálxico da españolidade menos evoluída e no pensamento neoconservador abracadabrante. Que Rajoy se mostre coas mans atadas por líderes coma Zaplana, Acebes ou Esperanza Aguirre vén sendo case como se en Francia Sarkosy se deixase inspirar polo clan familiar de Le Pen. Algunha vez pensei que o neto dun dos pais do estatuto galego de 1936 podía dar un bo reformador desa dereita española que non remata nunca de saír do franquismo e que nos condena a todos a case sentirmos vergonza dalgunhas cousas que pasan en España e xa hai moito tempo que non teñen lugar en Francia ou Alemania, poño por casos. Definitivamente, percátome de que o futuro político do rexistrador pontevedrés é case seguro que non teña unha das súas paradas na Moncloa.
Con liderados como os de Rajoy, Zapatero vai seguir sendo non só o mellor líder do centroesquerda senón tamén o representante óptimo dos intereses da dereita civilizada. De seguirlle as cousas como llas están poñendo, non sería raro que en marzo reocupe a Moncloa con maioría absoluta, dende logo.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Nunca etenderei moi ben por qué razón Mariano Rajoy está etiquetado como "moderado" ou "dialogante" ou que se pretenda del que actúe coma un certo "modernizador", no sentido de centrista, da dereita española. Creo que a decisión, o dedazo, de Aznar ao elixilo a el como sucesor e non a Rodrigo Rato foi, clarísimamente, porque entendía que Rajoy era, é, un fiel discípulo da postura do vallisoletano. Non hai ningunha actuación de Mariano Rajoy que permita entender que sexa un "moderado" ou un centrista. Ó contrario: permite a presencia na SÚA equipa de dirección de Acebes e de Zaplana e, agora, incorpora a Pizarro, defenestra ó Alcalde de Madrid e encumbra a Esperanza Aguirre. Non son capaz de lembrar ningunha decisión de Rajoy que permita calificalo como moderado. É máis: Non podemos esquecer que foi, polo de agora, o único membro dun goberno galego que se negou a utilizalo galego no Parlamento e, creo, que o único parlamentario que tal fixo. Así que fóra máscaras dunha vez e non porque ser radicalmetne dereitoso sexa unha vergoña, senón porque é convinte saber a quen podemos votar. por eso sería convinte que Rajioy saíse do armario...da moderación.

Anónimo dijo...

É unha mágoa que nos tempos en que estamos, século XXI, a unha longa distancia da morte do sáprata. teñamos que aguantar a certos líderes da casposa dereita que poñen a dictador como un exemplo. Hai que foderse, calquera lider europeo da dereita soamente insinuar que Hitler e Musolini foi un exemplo, non é que soamente fora o seu enterro político, senón que incurriría nun delito de apoloxía. Soamente escoitar a Mayor Oreja, Zaplana, Acebes e o seu xefe da FAES o Ansar da vómitos. O único problema político que ten o renegado galego de Raxoi é, a falta de personalidade seguindo os dictados do elemento do bigote da Faes.
Si isto vai camiño dun extremismo Le Pen, temos que rezar para que o PSOE non teña a maioría obsoluta, iso é moi malo, pois este partido acabaría como unha dereita con centristas e socialdemócratas e de esquerda tururú que te vi, se non sae outro Gal ou outro Felipe González dándolle bicos e abrazos a Bush (un símil Reegan).
Da dereita española residuos do franquismo xamais me fiei na puta vida. Dos socialdemócratas dan unha de cal e outra de area, algúns deles tanto poden estar no PSOE como no PP, (caso Bono) e moitos máis.
Está todo "atado e ben atado", e iso que no Val dos Caidos as malvas xa rematataron co sáprata.
Os deuses nos collan confesados nesta puta pel de touro.
E para máis carallo a Igrexa volveu aos anos trinta, teñen medo que o "Quiosco" llo voten abaixo, la pela es la pela.