Coñezo a Luís Gonçales Blasco, alias Foz, dende que os dous eramos mozos. Foi un dos máis interesantes e ardidos revolucionarios galegos da miña xeneración, condición pola que tivo que exiliarse en Francia durante varios anos para regresar logo e converterse en libreiro primeiro e profesor de instituo máis tarde. Vive, coma min, no val da Maía e gozo da súa conversa amistosa e sabedora dúas ou tres veces por ano. Sei que leva tempo enfrascado no labor de escribir unha historia das relacións exteriores da UPG, tema do que é bo coñecedor, e que segue tendo as súas antenas constantemente dirixidas aos avatares desta organización política nacionalista que el axudou a fundar.
A Foz pódenselle discutir algunhas cousas. Eu, por exemplo, non acerto a entender o seu achegamento lingüístico a un lusismo que lle fixo trocar o seu apelido introducindo nel a variante dun ç sureño, sendo como é el un rapaz do norte, pero o que ninguén lle pode negar é a condición de ser un home absolutamente fiel ao seu pensamento e leal cos amigos. Atreveríame a dicir mesmo que coñezo pouca xente tan boa coma el.
Vén a conto esta leria porque acabo de lerlle o artigo que lle publica hoxe Vieiros co título de O meu rol na fundaçom da UPG. Critícalle a Xusto Beramendi, autor do volume 32 da Gran Historia de Galicia, que está publicando La Voz de Galicia, o aparente desleixo co que describe a fundación da UPG nunha comida que tivo lugar no merendeiro da Rocha (Santiago) o 25 de xullo de 1964. Arrastrando un erro que xa cometeu a Gran Encilopedia Gallega no seu tomo 29, atribuíbel a Francisco Rodríguez, segundo Foz, Beramendi descoñece a presenza de Gonçales Blasco no xantar da Rocha e dá como participantes nela a Antón Moreda, que nunca pertenceu á UPG (Foz dixit), e a Manuel María, que tardaría anos en se integrar na mesma (ibidem).
Blasco, xeneroso que acostuma ser, non culpa a Beramendi pola comisión deste erro. Apunta quizais máis alto dirixindo o tiro cara a Paco Rodríguez, ao que atribúe a autoría do artigo que publicou a Gran Enciclopedia Gallega e do que parece beber agora o autor do volume 32 da Gran Historia de Galicia.
Este episodio pode ter a importancia que se lle queira dar. A min paréceme de xustiza elemental darlle audiencia a un dos protagonistas daquel xantar da Rocha do que se derivaron algunhas consecuencias para a evolución política de Galicia. E suxíreme, de paso, algunha preocupación pola "historicidade" oficial que, se cadra, pode dar algunha vez en "historicidio". Se estamos escribindo o que nos pasou con erros semellantes cando aínda viven varios protagonistas, que non son nin consultados, que historia poderemos facer cando se trate de falar da Raíña Lupa? A resposta que dá Gonçales Blasco en Vieiros debería constituír, a partir de agora, un documento público que non deben ignorar os historiadores. Sexan académicos ou de silveira, estean ben pagos ou traballaren por amor á arte.
12 comentarios:
Perfeutim:
Muito obrigado polo que escreves de mim no teu, nom sei se mereço tanto. A história do ç nom che é nortenha nem do sul, é tradicional. Para mim significa pronuciar o ç perante a, o e u como o c perante e, i. Quero dizer que eu pronuncio igual cedo que çapato.
Apertas
Canta razón tes, como se terxiversa a historia.
Hai cousas que un viveu, nun intre, nun día e nun ano e logo ao pasar o tempo (falo dos finais dos 60 e principios dos 70)les nalgún libro de historia política como a transición,ou enciclopedia e atopas unha morea de incongruencias e mentiras que da mágoa seguir lendo. Nalgunhas xuntanzas daqueles tempos por veces apararecen personaxes que nin siquera estiveron nin tomando a "chiquita". É de mágoa.
Non sei, pero calquera día apararece en calquera libro que Fraga estaba nunha xuntanza clandestina con Carlos Barros e Waldino Varela, Amor Deus (q.e.p.d.) Enrique Curiel e Perfecto Conde, xa veredes.
Hai deus!. Aburrides ás ovellas cos egocentrismos que non vos caben no peito. Non sei quen é Foz, pero dun tal Gonçalvez Blasco, que non é un polígrafo consumado, recordo lerlle un artigo en Agalia de parecidas dimensións, pois manipulación de foto á marxe que vulnera o código deontolóxico dos editores, o tal Gonçalvez está convencido que el é o fundador de Brais Pinto, cando naquel momento era un rapazoliño que pasaba por alí. Coa fundación da UPG pasa algo parecido. Coas súas luces e as súas sombras, a UPG é a UPG e para os historiadores non creo que sexa decisivo que Gonçalvez estivese o deixase de estar no santiagués merdendeiro da Rocha. E se me apurades nin sequera para os eruditos.
Para Anónimo direi-lhe que no artigo publicado por mim (nunca eu assinei como Gonçalvez) nom afirmava ter sido fundador de Brais Pinto. Se é que ages de boa fé recomendo-che a sua releitura já que deves citar de memória, algo que sempre pode levar a se confundir.
Leva razón o autor do blog cando di que este asunto tén a importancia que se lle queira dar. Para min, o máis importante quizais radica no que Conde apunta no remate do seu post sinalando a necesidade de que os historiadores, sexan cales sexan, académicos ou de silveira, como di el, cumpran o que debería ser regra de ouro para todos eles: consultar todas as fontes posibles e, dende logo, non obviar as que foron protagonistas dos feitos. Quizais é algo que cumpren máis os xornalistas que algúns conspicuos historiadores coa cabeza chea de follas de loureiro.
Teño entendido que Xusto Beramendi é do máis competente que circula pola autoestrada da historia oficial –e académica– galega e por iso non me acae o feito de que non acodira onda Foz para consultalo sobre o famoso xantar da Rocha e a fundación da UPG. El e algún máis da súa corda, ben subidiños agora ao carro do poder galego, deberían cuidarse de non parecérense moito a Ricardo de la Cierva.
O feito de que o señor Foz estivese no xantar fundacional da UPG é algo historicamente irrelevante.
Houbo outros que non estiveron ese día e que, sen embargo, foron moito máis importantes que Foz na historia da UPG e do nacionalismo. Eís os casos -por poñer dúas personalidades antagónicas- de Pepiño de Teis ou de Paco Rodríguez, que entraron máis tarde na UPG que Foz, pero que xogaron un papel moito máis fulcral no deseño da estratatexia política e da súa posterior evolución.
Entre o 1964 e o 1972, a UPG foi moi pouca cousa. Do 1972 en adiante, si que comezou a ter relevancia. E aí Foz xa non pintaba realmente nada.
Cólgese, pois, o señor Foz a medalla da que é merecente. Pero que sexa consciente de que é unha medalla de latón e non de ouro e brillantes.
Isto non obsta para que o señor Beramendi teña que ser moito máis rigoroso cos datos que manexa, contrastándoos e ofrecendo un relato o máis completo e axeitado posible no que o nome Foz apareza como un dos fundadores da UPG.
Beramendi cometeu unha omisión, agora creo que manifesta, polo tanto debería na próxima edición rectificar, e telo en conta en posteriores publicacións.
O contrario falaríanos de capricho, cousa ben pouca virtuosa nun investigador social.
Caro amigo:
Em vista de alguns dos comentários que aparecérom aqui e em Vieiros vou insistir no assunto. Desta vez Beramendi nom vai sair tam bem livrado.
E logo, non lle ten tanto escriber sedo e sapato, coma sempre temos feito falado algúns? A qué inventar outra letra?
Para "cajada no sidoiro": gosto muito do sesseio e utilizo-o ocasionalmente na Amaía onde moro; mas se eu chegar a Foz (minha terra) e me puger a falar em "sedo" ou "sapato" poderiam-me atirar pedras. Em Foz nom som considerado um falante raro mas apenas alguém que evita os espanholismos. O ç nom o inventei eu, nem os reintegraci9onista modernos, p0or tomar um exemplo de alguém que nom estava na corrente chamada, naquela altura, etimologista, citare Rosalia que fai um uso abuntatíssimo da letra.
Xa tiña coñecemento por outras vías da rectificación de Luis "Foz" sobre a súa presencia no acto fundacional da UPG. Preséntolle as miñas disculpas por non mencionalo, cousa que efectivamente é un fallo pola miña parte. De todos modos, en ningún momento digo que el non estivera alí. Simplemente menciono uns nomes de asistentes "entre outros". Agora ben, non creo que tal omisión cambie para nada a caracterización dos procesos políticos, e dos seus principais protagonistas, que se deron en Galiza nese período. E isto é o que realmente importa para avaliar unha obra, máxime cando se trata, non dunha investigación a fondo, senón diso que se coñece como alta divulgación. Pero cando poida correxiré a omisión. Xusto Beramendi
Non o podo crer¡¡ Un catedrático disculpando un erro histórico seu, e despois escribe en chapurreado "Pero cando poida correxiré a omisión". Perde vostede credibilidade.
Publicar un comentario