O acontecido onte na xunta de accionistas do Instituto Galego da Información debería ser obxecto dunha fonda reflexión por parte dos da banda de Laíño e a dos de Lestrove. Levan razón os que sosteñen que Sargadelos, O Castro, o IGI e todo canto puxeron a andar hai medio século Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane non se limita a ser un conxunto de empresas. Se o Barcelona é moito máis ca un club, o emporio ceramístico é moitisimo máis ca un conglomerado industrial e comercial que se limite a facer caixa como se fose un supermercado de Gadis.
Eu ben sei que as leis mercantilistas vixentes pódenlles dar azos a algúns accionistas, lexitimamente preocupados pola rendabilidade e plusvalías do seu capital, para tentar se cadra pegar algun tipo de pelotazo máis digno do ladrillo que da industria cultural, pero non deberían esquecer tales persoas que están a xogar coa sensíbel pólvora da identidade e da cultura galegas. Dalgunha maneira e aínda que só sexa espiritualmente, de Sargadelos somos accionistas todos os galegos dende que un feixe de retardatarios da nosa estirpe asasinaron a Ibáñez na Devesa de Ribadeo.
Que non se enganen, pois, e que teñan en conta que van sentir sobre a súa caluga o alento esixente da opinión galega e que a mirada pública ha repasar todos e cada un dos pasos que se están a dar dende unha e outra banda. Xa o dixo o presidente da Xunta: “Non se pode permitir que se derrame Sargadelos”.
Eu nin quero nin debo entrar na análise pormenorizada dos comportamentos dos tirios ou dos troianos. Entre outras cousas, porque teño amigos dos bos nos dous bandos, que tal parece xa que sexan os partidarios dunha ou doutra tendencia, pero si me atrevo a lembralles a todos que non é unha fábrica de longaínzas o que están tentado repartiren. Nin moito menos o grupo de empresas da construcción que deixou tirado ese empresario lambón de Tomiño que optou pola fuxida. Se calquera deles non sabe estar á altura das circunstancias, como poden pensar que os vai tratar a historia? Aló eles se non lles importa isto.
Coido que chegou o momento no que deben facer a reflexión definitiva e o esforzo máximo por artellaren un acordo que faculte a actualización e a sostenibilidade do grupo de empresas máis referente de Galicia, que dá de comer a máis de 250 traballadores, sen someter a persoa e sobre todo a figura histórica de Isaac Díaz Pardo a ningún tipo de humillación nin de desprezo. Ben ao contrario, debería ser para todos eles un enorme valor engadido respectar, valorar e conservar a andaina deste home coma de un dos galegos que máis e mellor soubo e quixo traballar pola súa terra.
Cónstame que, entre os disidentes, hai polo menos un dos que teñen alta capacidade decisoria que non pensa de xeito moi distinto ao que estou expresando eu aquí. Se cadra é el quen pode abrir o camiño cara ese acordo definitivo ao que me referín ao principio. O que non pode ser non pode ser e, ademais, é imposíbel, como dicía o toureiro sentencioso, pero o que non pode ser é que se prolongue esa agonía pola que está pasando Sargadelos.
Deberían ter todos moi en conta que o conflito xa non lles afecta só a eles. Por primeira vez na recente historia galega, vemos as firmas de Manuel Fraga Iribarne, Xerardo Férnández Albor e Fernando González Laxe, é dicir, as dos tres ex presidentes máis importantes da Xunta de Galicia, xuntas no afán de encarreirar unha crise que ameaza auténtica tronada. O clamor da protesta podería extenderse ata o punto de afectar seriamente a propia marca ceramística. A que están esperando os seus responsábeis para evitar algo que pode conlevar o risco dunha debacle?
Non é menos verdade que Isaac Díaz Pardo debe escoitar menos os seus propios cantos de serea e os que lle berran parte dos seus seguidores, entre os que probablemente hainos que interpretan partituras que foron escritas seguindo intereses particulares e acomodos que poden ter máis que ver coa debilidade humana que co que debería ser fortaleza do ben público. Á súa idade dificilmente se lle pode pedir a Isaac que faga un alarde de autocrítica, pero a historia tampouco lle vai perdoar que se empecine en imposibilitar unha saída acordada para un conflito no que el é tan responsábel como algún dos outros. O enorme aprezo persoal que lle teño volverase de titanio cando vexa que é capaz de volver a liderar con xenerosidade e, sobre todo, creativamente o grupo empresarial polo que tén que morrer de orgullo.
4 comentarios:
Asi se fala, coño. Que se senten á mesa e que traballen todos por sacar adiante o que é orgullo de todos os galegos. Quen derrame Sargadelos sentirá caerlle enriba o peso da historia.
E, se é de todos, por que non poñedes todos os vosos cartos? Hai que escoitar cada parvada que manda carallo!
Por en dúbida a honorabilidade de Díaz Pardo, aínda que sexa minimamente, como fai aquí o autor do post, é darlle azos á panda de sinvergonzas e arrivistas que o arredaron de Sargadelos.
Nesta polémica só se pode estar dun lado. O de Isaac.
Pero é que non hai temas máis imprtantes para tratar? O conflito de Sargadeloe é iso. Un conflito entre tirios e troianos. Que se foda todos. Os que mandan agora son impresnetables, pero non son precisamente os fillos que criou Díaz Pardo? E xa se sabe, o que cría corvos acaba cos ollos roídos. Por outra parte, que fixo este home para prever que non acabara todo como acabou? Coido que a segunda etapa de Sargadelos comenzou xa a ser un cliclo pechado. E do IGI famoso máis vale esquencerse. Non foi máis ca o saco sen fondo dun alumeado.Que renuncien as vantaxes que lles concedeu o Concello de Santiago para construír o edificio onde non se podía facelo antes de que caia nas mans de La Voz de Galicia ou de calquera outra empresa que xa lle teña posto o ollo enriba. Anoten o nome da empresa que acabo de citar. Se cadra hai que volver a falar dela en relación co IGI.
Publicar un comentario